A Escola de Fútbol de Silleda organiza a vindeira fin de semana un torneo na modalidade de Fútbol 8
O certame de fútbol base comezará o sábado día 15 na categoría benxamín e seguirá o domingo día 16 na de alevís
Participarán 16 equipos en cada categoría.Ademais da escola anfitriona e outros equipos da comarca estarán o Balaídos, de Vigo, o Bertamiráns ou o Conxo cun equipo íntegramente feminino
Con motivo da estrea da Escola de Fútbol de Silleda, a entidade organizará a vindeira fin de semana un torneo de fútbol base na modalidade de Fútbol 8. O certame comezará o sábado día 15 na categoría de Benxamín (nen@s de 8 e 9 anos) e seguirá o domingo na de Alevín (nenos nenas de 10 e 11 anos).
En total participarán 32 equipos, (16 por cada unha das categorías). Ademais da escola silledense e doutras formacións da comarca de Deza e Tabeirós, coma a Escola de Fútbol de Lalín, o Cruces ou o Callobre entre outros, estarán presentes formacións de distintos puntos de Galicia, coma o Balaídos (de Vigo), o Bertamiráns, Compostela ou o Conxo, que participa no torneo de Silleda cun equipo alevín íntegramente feminino.
O torneo comezará, nas dúas xornadas ás 09.30 horas e rematará ca gala final ás 20.00 horas, coa entrega de premios. Haberá trofeos para todos os equipos participantes neste primeiro certame de fútbol base de Silleda. Dende a Escola de Fútbol trasdezá, agora baixo tutela municipal, agárdase que ao longo da fin de semana pasen polo campo de Outeiriño preto de mil persoas, entre xogadores e xogadoras, familiares e acompañantes.
A organización tamén agradece a colaboración dos pais e nais dos alumnos da Escola de Fútbol de Silleda, que brindan a súa axuda para que o torneo se celebre con éxito.“Dende a Escola de Fútbol seguiremos apostando pola organización de torneos coma estes e doutras actividades para dinamizar a entidade e motivar tamén aos rapaces e rapazas”, apunta o concelleiro de Deportes, Klaus Brey.
Ningún comentario:
Publicar un comentario