O MERCADO DE ALIMENTO LABREGO DOS TILOS ORGANIZA UNHA CATA DE TOMATES PARA ESTE SÁBADO
Coincidindo co mes de setembro os produtores poñen en marcha iniciativas que atraian ós visitantes despois do verán
O Mercado de Alimento Labrego dos Tilos, organizado polo Concello de Teo e o Sindicato Labrego Galego, organiza este próximo sábado unha Cata de tomates de distintas variedades. Trátase dunha iniciativa na que se poderán degustar diferentes tipos de tomates, que son produto de tempada, dos diferentes expositores do mercado. A cata comezará a partir das 10:30 horas este sábado 15 de setembro.
O Mercado de Alimento Labrego comezou a funcionar o pasado mes de xuño con algo máis dunha ducia de produtores da zona. Neste momento, segundo explica o concelleiro Anxo Rei, incrementouse o número de postos chegando a vinte nalgunha xornada. Durante o mes de agosto, un mes no que se nota o período de vacacións sobre todo nunha zona tan residencial coma Os Tilos, o mercado continuou funcionando, aínda que cunha baixada dos visitantes e compradores.
De cara a setembro e ó novo “curso” quérense realizar iniciativas coma esta cata de tomates que animen as vendas. Asímesmo “o espíritu do mercado e da cata en concreto é poder recuperar o sabor da terra e achegarse á biodiversidade das nosas hortas” explica Anxo Rei. Para o Concello a experiencia do mercado ten un dobre valor de ofrecerlle aos cidadáns uns produtos fiables e de calidade, así como servirlle aos produtores como unha alternativa de futuro e de xeración de emprego.
O mercado conta con catro tipoloxías de produtos, todos eles locais e de tempada: os de agricultura sostible, que son os obtidos sen a utilización de elementos químicos industriais; os de agricultura ecolóxica, que distingue os seus produtos con certificados oficiais de calidade; os produtos de transformación local, procedentes de cultivos ou produccións propias; e os alimentos naturais de mercado.A variedade do mercado é, por tanto, moi considerable. No apartado de froitas e verduras pódense atopar acelgas, cebolas, ceboletas, chícharos, fabas, espinafres, leitugas, patacas, porros, repolo, verza, noces, limóns, laranxas ou amorodos. Pero tamén se poden mercar queixos e leite de producción ecolóxica, pan, galletas, biscoitos ou empanadas caseiros, así como zumes naturais e marmeladas ecolóxicas con etiqueta, mel, ovos e mesmo herbas e prantas aromáticas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario