OROSO ABRE A INSCRICIÓN NAS ACTIVIDADES GRATUÍTAS DA TERCEIRA IDADE: XIMNASIA, TAICHÍ, INFORMÁTICA, MEMORIA E MÚSICA E MOVEMENTO
As clases están dirixidas a maiores de 60 anos, empadroados en Oroso, que poden anotarse antes do 28 de setembro
O departamento de Servizos Sociais do Concello de Oroso abre hoxe o prazo de inscrición nas actividades dirixidas ao colectivo da terceira idade e que inclúe ximnasia de mantemento, taichí, música e movemento, obradoiro de memoria e informática. As actividades teñen carácter gratuíto e o prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 28 de setembro no Departamento de Servizos Sociais (rúa do Deporte nº 9) ou no 981 68 89 50.
Os únicos requisitos imprescindibles para participar nestas actividades son ter 60 ou máis anos, estar empadroado no Concello de Oroso, non estar afectado por enfermidades contaxiosas e que a actividade a desenvolver sexa compatible co estado de saúde do veciño. De feito, nos casos das actividades que requiren exercicio físico (ximnasia, taichí e música e movemento), o veciño deberá entregar un informe médico que certifique que non ten impedimentos de saúde para a actividade.
Seguindo coa súa política de levar as actividades sociais ás parroquias, a programación deste ano tamén inclúe a celebración de sesións de ximnasia de mantemento nos locais sociais de Senra e de Trasmonte. No caso de que o número de solicitudes supere o número de prazas dispoñibles, terán preferencia as persoas que nunha participaran nesa actividade en anos anteriores e aquela que estea inscrita nun menor número de actividades. No caso de persistir a igualdade, priorizarase á persoa de maior idade, a aquela persoa que precise da actividade por prescrición médica e ás persoas que vivan soas.
As clases comezarán na primeira semana de outubro e os horarios dos distintos grupos están dispoñibles na web municipal. Todas estas actividades para maiores están organizadas polo Concello de Oroso, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario