O Concello de Silleda asumirá integramente o arranxo do vial de Pordodabalde, debido á grave situación na que se atopa e os riscos que supón
Xa se solicitou autorización a Augas de Galicia para retirar as tubaxes da ponte, cun deterioro moito maior do que se pensaba inicialmente
O Concello xa se puxo en contacto coa Asociación de Veciños de Parada para informarlle da situación e de que o arranxo se acometerá con fondos municipais
O Concello de Silleda asumirá con fondos propios o arranxo do vial de Portodabalde, na parroquia de Parada, onde a gravísima situación da tubaxe colocada a modo de ponte fai necesaria “unha actuación urxente pero moito máis ampla do que esperabamos”. Así o manifesta o concelleiro de Obras e Servizos, Manuel Cuíña, que en días pasados visitou xunto coa alcaldesa, Paula Fernández Pena, e os técnicos municipais o vial para avaliar o seu estado e as actuacións que serían necesarias.
Así as cousas, o inicio das obras terá que agardar uns días respecto do previsto “xa que será preciso acometer unha actuación en profundidade para arranxar, dunha vez por todas a ponte de Portodabalde”, engade o concelleiro. Nos últimos meses dende o goberno municipal solicitouse axuda tanto á Deputación de Pontevedra, que construeu no seu día este vial, como á Xunta de Galicia, e mesmo se formalizou no pleno un acordo para achegarse ata o organismo provincial todas as forzas políticas solicitando colaboración. “Lamentablemente, o voceiro da oposición está máis ocupado en criticar que en axudar a resolver os problemas dos veciños”, sinala Manuel Cuiña.
“Pero a situación é moito máis preocupante do que pensabamos, así que aínda que teremos que axustar os gastos noutras cousas, dende este goberno municipal non podemos agardar máis por outras Administracións”, di Cuíña Fernández, que incide en que os graves afundimentos do vial supoñen “un serio risco para as persoas”.
Na visita cursada en días pasados, a baixada do nivel de auga revelou o grave deterioro das tubaxes da ponte. “Pensabamos que estaban peor nas esquinas e que podería comezar a afundirse na parte central, pero a triste realidade é que nesta parte do medio están xa en moi mal estado”, sinala o concelleiro.
Dende o Concello de Silleda xa se solicitou ao organismo autónomo Augas de Galicia autorización para a retirada de toda a canalización do regato sobre a que se asenta o vial. Tamén se informou á Asociación de Veciños de Parada, que no seu día alertou ao goberno silledense sobre o progresivo deterioro, sobre a situación atopada e a decisión de acometer o arranxo con fondos municipais.
Tráfico restrinxido
Dende o pasado 25 de agosto, logo da advertencia da Asociación de Veciños, e en virtude do informe Policial realizado ao respecto, o tráfico no vial de Portodabalde quedou limitado para os vehículos pesados e agrícolas (ata 4 toneladas). A zona está sinalizada e dende o Concello pideuse aos veciños e usuarios que eviten pasar con vehículos agrícolas por este punxo, xa que o paso de tráfico pesado suporía un maior.
O Concello de Silleda xa realizou reparacións neste punto, onde os tubos metálicos colocados a modo de ponte romperon xa en dúas ocasións provocando o afundimento do firme. O proxecto realizado dende o Concello hai uns meses para zanxar a problemática neste vial situaba o custe das obras en preto de 50.000 euros.
****Adxúntase foto-detalle sobre o estado das tubaxes, onde se aprecia o seu gran deterioro así como as marcas de agua que ata o de agora impedían ver realmente cal era o seu estado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario