Oroso - o concello remata a primeira fase da senda peonil de Porto Avieira

O CONCELLO DE OROSO REMATA AS OBRAS DA PRIMEIRA FASE DA SENDA PEONIL DE ACCESO A PORTO AVIEIRA, CUN INVESTIMENTO DE 78.000 EUROS 
O concelleiro de Vías e Obras, Eduardo Veiras, explica que “nunha segunda fase pretendemos levar as sendas peonís ata a entrada principal de Porto Avieira e á localidade do Piñeirón” 
O Concello de Oroso vén de rematar a primeira fase da senda peonil de acceso á urbanización Porto Avieira, na parroquia de Gándara, dende a estrada DP-3801 (Sigüeiro-Cimadevila). Unhas obras incluídas no Plan de Obras e Servizos 2012, por un importe de 77.775 euros, e que incluiron tamén a realización de obras de mellora na rede viaria nas parroquias de Gándara, Marzoa, Pasarelos, Senra e Os Ánxeles.

A nova senda peonil, a sétima que se constrúe no municipio de Oroso, ten unha extensión duns cincocentos metros e enlaza a entrada de Porto Avieira coa senda peonil que conecta con Sigüeiro xusto á altura do local social da parroquia. O concelleiro de Vías e Obras, Eduardo Veiras, adianta que “nunha segunda fase pretendemos prolongar esta senda peonil ata a entrada principal de Porto Avieira e da localidade do Piñeirón”. 

A nova senda ten un ancho de dous metros, cunha base de zahorra artificial compactada e con quince centímetros de formigón. Unhas características idénticas ás outras sendas peonís existentes no municipio (Vilacide, Trasmonte, Deixebre –2- e Vilarromariz), pois a única senda peonil diferente é, precisamente, coa que enlaza e que une Gándara con Sigüeiro (que foi realizada cunha capa asfáltica e cunha serie de isletas que separan aos peóns do tráfico rodado).
Nos últimos catro anos, o Concello de Oroso leva executado un total de sete sendas peonís, xa que as obras de construcción da sexta senda, no núcleo de Baxoia (parroquia de Deixebre) están a piques de rematar. En total, o Concello de Oroso leva investidos case 808.000 euros nestes proxectos que “melloran a seguridade viaria dos nosos veciños e veciñas das parroquias, polo que son moi valoradas pola veciñanza, e que esperamos seguir incrementando nos próximos meses”.

Ningún comentario: