Brión - a fin de semana do 22 e 23 chega a XXX edición da Festa do Cabalo

A FESTA DO CABALO DE BRIÓN CELEBRA A SÚA 30 EDICIÓN COA PARTICIPACIÓN DE 300 EXEMPLARES
A festa terá lugar na fin de semana do 22 e 23 de setembro no monte Rañalonga
A Festa do Cabalo de Brión está este ano de celebración, pois chega á edición número trinta cun amplo programa de actividades que se desenvolverán a vindeira fin de semana do 22 e 23 de setembro no monte Rañalonga. A pesar dos problemas derivados da actual crise económica, a Asociación Festa do Cabalo de Brión traballa estes días na confirmación dos participantes nas distintas probas.

“Esperamos a participación duns trescentos cabalos nas probas, dos que moitos participarán tamén o domingo na ruta cabalar polas beiras do río Tambre e que terá unha duración aproximada dunhas tres horas”, explica Manuel Fernández, un dos máximos responsables da Asociación Festa do Cabalo de Brión, entidade organizadora da festa en colaboración co Concello de Brión e a Deputación Provincial da Coruña.

Programa da festa
A XXIX Festa do Cabalo abrirá as súas portas o sábado 22 de setembro, ás 18:00 horas, cunha “embretada” de xovencas, a tradicional carreira de burros e unha solta de vaquiñas. Para o domingo 23 queda o groso das actividades. Ás 10:00 horas, a festa iniciarase cunha ruta cabalar polo monte Rañalonga, seguindo o leito do río Tambre. As 12:00 horas, os asistentes poderán asistir a unha proba de arrastre con tractores. 

Ás 14:00 horas, as actividades interromperanse temporalmente para xantar. Para todos os afeccionados que desexen comer en Rañalonga, haberá unha polbeira privada no recinto. Pola tarde, dende as 17:00 horas, terán lugar a “xincana”, o “reprise” de doma e unha nova ceiba de vaquiñas.

Ningún comentario: