Teo - cursos de ximnasia terapéutica para maiores

O CONCELLO DE TEO ORGANIZA CURSOS DE XIMNASIA TERAPÉUTICA PARA MAIORES EN VARIAS PARROQUIAS

Entre o 17 e o 20 de setembro haberá reunións informativas en Vilariño, Teo, Oza e Bamonde
O Departamento municipal de Benestar do Concello de Teo organiza novos cursos de ximnasia terapéutica adaptada para persoas maiores e persoas con discapacidade. Esta actividade xa se vén realizando en Francos e na Ramallosa e neste último trimestre do ano quérese comezar nas parroquias de Vilariño, Teo, Oza e Bamonde. Para eso organizaranse reunións informativas nos próximos días. 

Estas xuntanzas serán en Vilariño o 17 de setembro ás 20:00 horas na escola, en Teo o 18 ás 20:00 horas na Casa Comú, en Oza o 19 ás 20:00 horas na Casa Común e en Bamonde o 20 de setembro ás 20:00 horas na Casa Común. Nestas reunións fixarase o calendario, horario ademais de falar da roupa necesaria ou dos casos persoais que poidan xurdir. 

Este tipo de ximnasia está dirixida especialmente a persoas que teñan máis de 60 anos ou algún problema físico que dificulte a realización de ximnasia xeral. As persoas con máis de 50 anos que queiran participar poden consultar o seu caso. 
Os cursos de ximnasia son parte do programa de prevención da dependencia e promoción da vida activa, do departamento de Benestar dirixido por Ignacio Iglesias. O edil destaca “a importancia de practicar exercicio cando nos facemos maiores ou temos algunha doenza, para non agravar esas doenzas ou previr lesións”. Este tipo de cursos “están pensados para que as persoas de todas as idades melloren o seu estado físico o que redundará nunha melloría da súa calidade de vida” explica o concelleiro de Benestar.

Ningún comentario: