O “ESQUÍO NO PIÑEIRO” RECOLLEU CEN QUILOS DE ALIMENTOS NA I RUTA BTT RÍO TAMBRE, QUE OS SERVIZOS SOCIAIS DE BRIÓN REPARTIRÁN ENTRE AS FAMILIAS MÁIS NECESITADAS DO MUNICIPIO
O Concello de Brión porá en marcha o vindeiro mes de outubro unha campaña municipal de recollida de alimentos
A I Ruta BTT Río Tambre, organizada pola asociación cultural, mediambiental e deportiva brionesa “O Esquío no Piñeiro”, resultou todo un éxito tanto deportivo, coa participación de 300 ciclistas, como solidario, coa recollida duns cen quilos de alimentos non perecedeiros. Uns alimentos que foron entregados aos Servizos Sociais de Brión, que se encargarán do seu reparto entre as familias máis desfavorecidas do municipio.
Así, a parte deportiva e de ocio desenvolveuse sen ningún tipo de incidencias, coa participación de case trescentos ciclistas de toda Galicia así como unha ducia clubes procedentes de Lousame, Negreira, Santiago, Noia, Brión, Barbanza, Val do Dubra... Julio Mallo, vogal do “Esquío no Piñeiro”, destacou “o gran civismo co que se comportaron todos os participantes e a gran solidariedade que amosaron, pois a maior parte deses cen quilos de alimentos recollidos foron aportados polos propios ciclistas”. Así mesmo, Mallo tivo palabras especiais de agradecemento para “todos os voluntarios que participaron na proba e na recollida, sobre todo para os integrantes do clube Os do monte bravo BTT, pola súa inestimable colaboración”.
Premios e solidariedade
A proba desenvolveuse con total normalidade ao longo de 42 quilómetros polo municipio de Brión, atravesando por camiños da parcelaria anchos e achegándose ao río Tambre, descubrindo frondosas carballeiras e camiños de pescadores ao lado do rio. O clube “Bttranos Negreira” levou o premio ao clube ciclista máis numeroso, mentres que o trofeo ao ciclista máis veterano foi para Jesús González, que se achegou dende Asturias. Os premios aos máis novos da proba recaeron en Eva Vidal (Ribeira) e David Vilar (Oroso), mentres que Irene Gómez (Noia) levou o premio á ciclista máis veterá. A organización decidiu premiar tamén á ciclista local Silvia Blanco (Brión), como apoio á participación das mulleres neste deporte (pois dos case trescentos participantes tan só houbo tres mulleres). Os demais levaron consigo un agasallo conmemorativo consistente nunha camiseta técnica 100% transpirable creada polo prestixioso deseñador de Sargadelos Xosé Vizoso.
Por último, a asociación “O Esquío no Piñeiro” donou 100 euros en material escolar a un dos clubs ciclistas participantes na ruta, “Saltamontes” (Ribeira), que están organizando unha recollida de material escolar para as familias máis desfavorecidas dese municipio do Barbanza. A I Ruta BTT Río Tambre foi organizada pola asociación cultural, mediambiental e deportiva brionesa “O Esquío no Piñeiro” e conta coa colaboración do Concello de Brión e do clube “Os do monte bravo BTT”.
Campaña municipal
Os preto de cen quilos de alimentos non perecedeiros (legumes secas, cereais, arroz, aceite, leite, latas de conserva, pastas) recollidos na I Ruta BTT Río Tambre foron entregados aos Servizos Sociais do Concello de Brión, que se encargará do seu reparto entre as familias máis desfavorecidas do municipio. De feito, o Concello de Brión traballa nestes días na posta en marcha dunha campaña municipal de recollida de alimentos, que se porá en marcha o vindeiro mes de outubro.
Unha campaña que persegue axudar a a paliar a pobreza e a exclusión social no entorno de Brión; crear e manter unha cadea de solidariedade alimentaria, establecendo unha ponte entre os doantes de alimentos e as necesidades máis cercanas; e asegurar unha xusta distribución dos alimentos recaudados entre os que máis o precisan. A esta campaña adherirarse tamén os distintos centros educativos de Brión, onde os veciños e veciñas poderán entregar as súas aportacións. Uns alimentos que tamén se poderán entregar en na casa do concello, na casa da cultura ou no centro social polivalente a partir do vindeiro mes de outubro.

Ningún comentario:
Publicar un comentario