Ten escrito Michel de Montaigne que as “recompensas honoríficas non deben ser concedidas con largueza”.
E o certo é que, nos últimos tempos, a Corporación Municipal parece ter seguido tal consello; non en vano son éstas as primeiras medallas de ouro que se conceden no actual mandato, e escasas foron as outorgadas en anos anteriores.
Entregamos, pois, unhas medallas encarecidas, como encarecidas son tamén as traxectorias compostelanas de quenes merecidamente as reciben: Don Jesús Precedo Lafuente e Don Manuel Sánchez Salorio.
E teño que sinalar que, á hora de resolver a concesión destas medallas, non consideramos necesario incoar “expediente contradictorio” algún: o pronóstico de prosperabilidade das hipotéticas obxeccións era sombrío ou pobre para os non menos hipotéticos contradictores. Pouco ou nada houbera podido argüir aquela figura canónica coñecida popularmente como “abogado do demo”. A fe nas posibilidades de Compostela demostrada e practicada por Don Jesús Precedo e polo profesor Salorio é incuestionable; os seus méritos, que acaban de ser brillantemente expostos, son apabullantes en orden á concesión destas distincións.
Considerados os esclarecedores discursos laudatorios coido que non debo engadir pincelada propia aos cadros trazados. Non obstante, comprenderán o difícil que me resulta sustraerme a semellante tentación, ainda que coido que máis que unha vana tentación trátase dunha inclinación nacida dun propósito de xustiza institucional.
E así, quixera suliñar, por exemplo, a idea de que, de maneira respectiva, Don Jesús Precedo e o profesor Sánchez Salorio contribuíron decisivamente a que a cidade sexa vista como unha cidade depositaria dunha formidable tradición xacobea e como unha cidade innovadora e punteira no campo da oftalmoloxía.
Ou quixera suliñar a idea de que ambos ensancharon os límites da cidade. Teñamos claro que unha cidade non é grande en función do tamaño do seu termo municipal senon en función do seu vis ou forza atractiva, ou polos coñecementos que xenera, ou polas posibilidades que ofrece; ou incluso é grande, e rompe os límites da súa demarcación administrativa, cando pervive na memoria de tanta xente, de tantos antigos alumnos que xa, noutras partes de España ou do mundo, recordan o maxisterio de ámbolos dous.
Ou tamén podería destacar que ambos melloraron “o clima” da cidade. Hai cidades agradables para vivir en función do seu clima meteorolóxico; e hai cidades, como Santiago, que resultan agradables para a vida en función do seu clima humano ou intelectual: e a ilo contribuíron como poucos Don Jesús e o profesor Salorio.
Decía Machado, no seu Juan de Mairena, que “hay personas que no se hartan de saber”. E hoxe podemos nosotros engadir que hai persoas que non se fartan de ensinar. Con Don Jesús Precedo e co profesor Sánchez Salorio temos a oportunidade de recuperar un concepto precioso, como é o de “maxisterio”, ou mismamente o concepto de “maestro”, que non é únicamente unha vella categoría docente referida ás primeiras ensinanzas. Maestros son aqueles que non só transmiten coñecementos abstractos, senon tamén actitudes e aptitudes; son aqueles que estiman e estimulan aos demáis; son aqueles que xeneran discípulos, e que deixan en tanta xente unha impronta única e indeleble. Hoxe recoñecemos aquí dous bos exemplos.
En fin...
Santiago de Compostela é unha cidade prestixiada pola historia ou mesmamente polas pedras que conforman a súa arquitectura imponente. Pero Santiago é tamén unha cidade prestixiada por algunhas das persoas que desenvolveron entre nosoutros as súas vocacións. É o caso de Don Jesús Precedo e do profesor Salorio. Eles fan de Santiago unha cidade ainda máis renomeada.
Acostumados a presumir en Compostela da nosa condición de “cidade patrimonio da Humanidade”, non sempre recordamos que tamén acollemos singulares exemplos dunha talentosa humanidade como patrimonio.
Remato xa:
Hoxe esta Corporación en nome da cidade dedicalle a Don Jesús Precedo e ao profesor Sánchez Salorio unha sincera ovación. Lóxicamente, non podemos soster a ovación no tempo, pero sí podemos ofrecerlles unhas medallas talladas co aplauso e co recoñecemento de todos os composteláns e as compostelanas.
Nun homenaxe ao oftalmólogo español Don Ramón Castroviejo no centenario do seu nacemento decía o profesor Salorio fai algúns anos o seguinte: “seguimos necesitando ejemplos, modelos personales y concretos de excelencia y grandeza sobre los que poder proyectarnos y, de algún modo, reconocernos”.
Pois ben, Don Jesús Precedo Lafuente e o profesor Don Manuel Sánchez Salorio son, sen dúbida algunha, bos exemplos de excelencia e grandeza nesta cidade única e universal que é Compostela.
Nada máis; muitas grazas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario