IMPLANTACIÓN DO REXISTRO TELEMÁTICO NO CONCELLO DE TEO
Uxía Lemus, concelleira do PSdeG PSOE, ven de presentar unha moción na que solicita que se aprobe unha ordenanza municipal para que o Concello de Teo adquira no seu ámbito organizativo e conforme ás súas competencias, o compromiso de desenrolar a implantación da administración electrónica, nomeadamente nos aspectos de rexistro telemático.
Recibidas múltiples queixas da veciñanza de Teo pola imposibilidade de presentar documentación no Concello por internet, dado que o Rexistro do Concello abre de luns a sábado en horario de mañá, os Socialistas de Teo queremos darlle un pulo ao previsto xa legalmente na normativa ao respecto.
A cidadanía de Teo demanda cada vez mais rexistros telemáticos para a recepción ou saída de solicitudes, escritos e comunicacións por internet, polo que ás obrigas legais se engade unha obriga de eficiencia na tramitación administrativa.
Xa no contrato do servizo de implantación do Plan de Modernización Administrativa do Concello de Teo “Teo moderniza”, de novembro de 2008, se incluía no prego de prescricións técnicas, a implantación dun rexistro telemático, que permitise o rexistro en modo autoservizo de todas as solicitudes ou escritos dos/as usuarios/as.
Esta cláusula, tanto un obxetivo como unha obriga legal, segue sen cumprirse nun concello de case 20.000 habitantes, o que provoca un deficiente acceso da cidadanía teense aos servizos deste Concello. Como medida complementaria, e dada a gran cantidade de papel empregado en copias das actas dos órganos colexiados deste Concello, propoñemos, así mesmo, que as mesmas sexan enviadas en formato dixital, agás no caso de que o/a concelleiro/a comunique expresamente que prefire recibir as mesmas en formato
papel.
Polo tanto, o PSdeG de Teo solicita, aproveitando por exemplo o Plan de Administración Electrónica Municipal de Deputación de Coruña, que se acelere o nacemento e implantación da sede electrónica do Concello, a fin de mellorar e facilitar as relacións entre a administración e cidadanía teenses.
Ningún comentario:
Publicar un comentario