Oroso - cambios no tráfico pola Volta Ciclista a Galicia

PROHIBICIÓN DE ESTACIONAR EN DOUS RÚAS DE SIGÜEIRO E CORTES PUNTUAIS DE TRÁFICO NOUTRAS SETE ESTE VENRES DURANTE A CELEBRACIÓN DA PRIMEIRA ETAPA DA XI VOLTA CICLISTA A GALICIA 
O estacionamento estará prohibido entre as 8:00 e as 18:00 horas do venres e faranse cortes puntuais do tráfico ás 14:00 horas (saída) e ás 17:30 horas (chegada)
hoxe xoves, ás 20:30 horas, terá lugar a presentación dos equipos na praza Isaac Díaz Pardo e a actuación do grupo folclórico Buxos Verdes
O Concello de Oroso anuncia a prohibición de estacionar en dúas rúas de Sigüeiro entre as 8:00 e as 18 horas do venres 14 de setembro debido á celebración da primeira etapa da XI Volta Ciclista a Galicia, con saída e meta en Sigüeiro. A prohibición de estacionar afectará á Praza Isaac Díaz Pardo e á rúa da Cultura mentress que os cortes puntuais se producirán nas principais rúas do centro de Sigüeiro: Xuncal, Lengüelle, Deporte e Camiño Inglés. 

No caso da avenida da Garabanxa, unha das vías máis transitadas do municipio, os cortes de tráfico só terán lugar durante a saída (14:00 horas) e chegada (prevista entre as 17:20 e as 17:34 horas). O Concello de Oroso mobilizará a todos os efectivos de Protección Civil, da Policía Local e da Brigada Municipal de Obras e Servizos para tratar de paliar ao máximo as molestias que a proba poda ocasionar entre os veciños. Así mesmo, o Concello repartiu dípticos e follas informativas entre a veciñanza para que teñan cumprida información sobre estes cambios temporais na circulación de vehículos na parte este de Sigüeiro.

Participación cidadá
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, agarda que “as molestias sexan as mínimas e poidamos disfrutar da honra de que Oroso fose elixido como punto de saída e chegada da Volta Ciclista a Galicia”. Oroso ten demostrado nos últimos anos a súa gran afección ao ciclismo, albergando dende unha saída da Volta Ciclista á Provincia da Coruña ata o Campionato de España Júnior de Ciclismo. 

“Agora, temos a satisfacción de ser inicio e meta da primeira etapa da XI Volta Ciclista a Galicia, o que fará que moitos de afeccionados ao mundo das dúas rodas se acheguen ata Sigüeiro para disfrutar desta proba e poidan tamén coñecer a nosa riqueza natural e cultural, ademais de ser un significativo apoio ao noso excelente sector hostaleiro”, apunta Mirás Franqueira.
Como atractivo engadido, dúas das formacións folclóricas máis senlleiras de Oroso, Lembranzas do Tambre (Sigüeiro) e Buxos Verdes (Senra), actuarán durante a celebración da proba. Así, Buxos Verdes actuará mañá xoves 13 de setembro, ás 20:30 horas, durante un acto de presentación dos equipos na praza Isaac Díaz Pardo. O mesmo día da proba, o venres 14 de setembro, será a vez de Lembranzas do Tambre, que actuará a partir das 16:00 horas na praza Isaac Díaz Pardo.

Desenvolvemento da proba
A saída neutralizada da proba terá lugar na rúa da Cultura ás 14:00 horas e os ciclistas sairán de Sigüeiro pola avenida da Garabanxa, onde xirarán á esquerda en dirección ao Pino e seguirán por Touro, onde estará unha meta volante. Xa na provincia de Pontevedra, a proba discorrerá por Vila de Cruces, Bandeira (Silleda) e cruzará o río Ulla para afrontar a chegada a Sigüeiro, logo dun novo paso por Touro e O Pino. A chegada na rúa da Cultura está prevista entre as 17:19 e as 17:35 horas, logo de percorrer un total de 139,4 quilómetros.
Os ciclistas concentraranse e asinarán no palco instalado detrás do antigo centro de saúde de Sigüeiro, onde os equipos serán presentados ás 12:00 horas. A saída neutralizada terá lugar ás 14:00 horas, na que os ciclistas subirán a rúa da Cultura ata a avenida da Garabanxa, onde xirarán á esquerda para saír de Sigüeiro.

Serán 15 equipos os que tomen parte nesta XI Volta Ciclista a Galicia con presenza de todos os equipos galegos. Os equipos participantes son: Valencia Terra i mar, Lokosphink (Rusia), Liberty Seguros (Portugal), C.C. Louletano (Portugal), C.C. Cambre – Renault Caeiro (Cambre), C.C. Spol- Novacaixagalicia (O Porriño), C.C. Vigués – Autrónic (Vigo), C.C. Padronés-Aluminios Cortizo (Padrón), G.D. Supermercados Froiz (Pontevedra), Extremadura Spiuk (Zafra), Bidelán (Guipuzcoa), C.C. Caja Rural (Navarra), C.C. Gomur - Cantabria (Cantabria), C.C. Andalucía Caja Granada (Córdoba) e C.C. Mutua de Levante (Alicante).

Ningún comentario: