Esquerda Unida Santiago - supresión do aluguer de bicicletas


O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA OPONSE A
SUPRESIÓN DO ALUGUER DE BICICLETAS .
O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA ESIXE, UNHA VEZ MÁIS, O
DEBATE CIDADÁ NECESARIO PARA A ELABORACIÓN DUN PLAN GLOBAL DE
MOBILIDADE SUSTENTABLE.
Esquerda Unida Compostela traballa para un cambio no modelo de mobilidade urbana. Un
cambio que permita, dunha vez, camiñar cara a urxente redución do tráfico privado mentres se
impulsa o uso de transportes colectivos menos perxudiciais para a nosa saúde medioambiental.

Entre as nosas demandas sempre estivo e está a elaboración dun Plan Global de Mobilidade
Sustentable economica e medioambientalmente, no que, entre outros temas, se leve a cabo un
Plan Director da Bicicleta que fomente o uso da mesma para moverse pola cidade.
A tal efecto, a nosa organización xa presentara o pasado 12 de febreiro de 2010, unha moción
na que pedíamos a dotación de bicicletas eléctricas para o servizo de aluguer. Unha medida,
desatentida, e que permitiría a asistencia ao pedaleo nos traxectos pola noso concello e que
incentivaría o uso da bici como emdio de transporte.
Por estes motivos, entre outros moitos, o Consello Comarcal de EU Compostela critica o
anuncio do Concello de eliminar por completo o servizo de aluguer de bicicletas na cidade,
argumentando que será por outros medios polos que se preste este servizo, achegando, unha
vez máis, escasa información sobre o novo método que, seguramente, será un mero parche
cosmético para evitar a crítica polo total abandono da bicicleta como medio de transporte.
Tendo en conta que nin o PsdeG-BNG, cando gobernaron, e moito menos o PP agora,
contemplaron de verdade a bici coma un eficaz e ecolóxico medio de transporte, resulta
inadmisible o emprego de numeroloxía para xustificar a supresión dun servizo. A ausencia de
vontade política é a que determina, en primeira instancia, o desprestixio do alugueiro público
en tanto que servizo público, até convertelo en inútil. Non obstante, medios para prestixiar este
servizo, hainos. Outro cantar é que non se queira investir esforzo e recursos nel.
O Concello debe actuar. Cómpre contar coa participación das persoas que desexan utilizar a
bicicleta como medio de transporte e elaborar, desde xa, un plan director da bici, que permita a
convivencia entre os vehículos a motor e a bici. O Concello debe traballar para incentivar
realmente outro tipo de mobilidade urbana. Así poderíamos comprobar que os seus discursos
sobre ecoloxismo e desenvolvemento sustentable non son mera palabrería.

Ningún comentario: