Ordes - sexta mostra de obradoiros culturáis



MÁIS DE DOUSCENTOS VECIÑOS E VECIÑAS DA COMARCA DE ORDES PARTICIPARON NA APERTURA
DA SEXTA MOSTRA DE OBRADOIROS CULTURAIS

A exposición estará aberta ao público ata o domingo 17 de xuño no Museo do Traxe Juanjo Liñares, en Ordes

Máis de duascentas persoas acudiron ao acto de apertura da sexta edición da Mostra de Obradoiros Culturais da Comarca de Ordes, que permanecerá aberta ao público ata o vindeiro domingo 17 no Museo do Traxe Juanjo Liñares, en Ordes.
O acto de apertura estivo presidido polo presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, Manuel Regos Boquete, e contou coa participación dos alcaldes de Cerceda, Frades, Mesía, Oroso e Trazo, e da concelleira de Cultura de Tordoia.

Manuel Regos destacou a calidade das creacións expostas e considerou a mostra como “un escaparate no que todos podemos aprender, porque é digna de ver”. Por eso, felicitou aos participantes na mostra, aos que os munícipes lles entregaron un obsequio conmemorativo. O presidente da Mancomunidade aproveitou tamén para destacar o marco da exposición, o Museo do Traxe, e animou aos veciños da comarca a coñecer o inmenso valor da colección doada polo bailarín e coreógrafo Juanjo Liñares, fillo predilecto de Ordes.

A mostra de obradoiros da comarca conta este ano con traballos de dezanove escolas municipais e clases de diversas entidades. Son tres máis que en 2011, con maior participación de Ordes (seis) e de Oroso (cinco). A exposición, con traballos de debuxo, pintura, cestería, manualidades ou encaixe, entre outros, pódese visitar ata o 17 de xuño, con entrada libre e de balde. Abre de 10 a 14 horas e de 17 a 20 horas de martes a sábado, e tamén o domingo pola mañá.

Entidades participantes

A VI Mostra de Obradoiros Culturais da Comarca de Ordes está organizada pola Mancomunidade de Municipios de Ordes e polo Concello de Ordes. Conta co patrocinio da Deputación Provincial da Coruña. Nesta edición participan:

-          Obradoiro municipal de manualidades de Cerceda
-          Curso de tapicería de Frades
-          Curso de arte floral de Frades
-          Obradoiro municipal de manualidades e pintura de Mesía
-          Unidade galega de veciños, mulleres rurais de Santa Cruz de Montaos (Ordes)
-          Asociación de Amas de Casa de Ordes
-          Obradoiro municipal de debuxo e pintura de Ordes
-          Curso de habilidades sociais para persoas con discapacidade do Concello de Ordes
-          Asociación de veciños “O Cruceiro” de Beán (Ordes)
-          Curso de bordado da Agrupación de Mulleres de Ordes
-          Obradoiro de manualidades de Oroso
-          Obradoiro de bolillos de Oroso
-          Obradoiro de arte floral de Oroso
-          Asociación Andaina pro saúde mental (Oroso)
-          Asociación cultural Garga-Trasmonte (Oroso)
-          Asociación de mulleres “Pedralonga” (Tordoia)
-          Asociación de mulleres “A Ponderosa” (Tordoia)
-          Asociación de mulleres de Trazo
-          Asociación de veciños “A Carballeira” de Chaián (Trazo)



Ningún comentario: