Arredor de 250 persoas inscribíronse para participar na XII Milla Urbana do Concello de Ames
O prazo de inscrición aberto para
participar na duodécima edición da Milla Urbana do Milladoiro
pechouse hoxe con arredor de 250 persoas anotadas e que teñen
previsto participar este domingo na proba deportiva. Un ano máis, o Concello de Ames organiza esta carreira na que as persoas participantes, tanto atletas profesionais como afeccionados percorren unha milla, algo máis de 1.600 metros, excepto para as categorías inferiores (prebenxamín, benxamín e alevín). Nesta ocasión, a cita terá lugar o domingo a partir das 11:00 horas na Travesía do Porto, situada na localidade do Milladoiro.
A Milla Urbana é unha carreira que ano tras ano segue
espertando o interese de atletas pertencentes a clubs
profesionais e de todas aquelas persoas que gozan correndo por
entretemento e diversión. Os e as participantes deben
percorrer unha milla, é dicir, máis dun quilómetro e medio,
por algunhas rúas do Milladoiro fixadas no circuíto que ten a
saída e a chegada na área deportiva do Milladoiro. Esta
carreira pódese celebrar grazas á colaboración da Deputación
da Coruña, da Policía local de Ames, Club Atletismo Sar, Club
Atlético Bertamiráns, Club de Atletismo Milla Raio,
Construcións e Promocións Blanco Barreiro, Cruz Vermella de
Santiago de Compostela, Coca Cola, Base Centro Deportivo e
Super Cor.
Non existe límite de participación en canto á idade.
Para iso establécense diferentes categorías segundo o ano de
nacemento dos deportistas: prebenxamín, benxamín, alevín,
infantil, cadete, xuvenil-júnior, promesa-sénior e cinco
grupos de veteranos. As tres primeiras categorías deberán
completar un circuíto cunha distancia axeitada á súa idade,
polo tanto menos dunha milla. Tampouco hai esixencias
especiais en canto á súa cualificación deportiva, dado que non
é necesario ter licenza federativa nin tampouco pertencer a
ningún club. O que si é necesario é estar inscrito para poder
correr.
As probas contarán co control técnico da Federación
Galega de Atletismo. O regulamento recolle algúns aspectos que
cómpre destacar, como son o feito de que se poderán retirar os
dorsais ata media hora antes do inicio da proba ou que as
saídas se irán dando a intervalos de 10 minutos para cada
categoría. O control dos tempos pecharase así que transcorra o
dobre do tempo empregado polo vencedor na categoría
correspondente. Ademais, tamén se establece que os tres
primeiros clasificados en cada categoría levarán cadanseu
trofeo. Neste sentido, os vencedores terán que acreditar a súa
idade presentando o carné de identidade ou ben o pasaporte.
Poñerase a disposición de quen o desexe un servizo de duchas
no pavillón polideportivo do Milladoiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario