BNG Dodro - asamblea do BNG de Dodro



A Asemblea do BNG de Dodro reúnese para planificar o calendario político dos vindeiros meses

Marcaron a axenda de xuntanzas e actos que realizarán para explicar as propostas nacionalistas ante a situación que estamos a vivir


 A Asemblea Local do BNG de Dodro reuniuse esta fin de semana para analizar a situación da organización na localidade e marcar a axenda a seguir nos vindeiros meses. Ademais, os militantes decidiron esixirlle aos concelleiros que anunciaron a súa marcha do BNG que entreguen as súas actas e hoxe mesmo mandaran un escrito ao Concello para solicitar que, de non renunciar a elas, os edís pasen a formar parte do grupo de non adscritos.

O BNG de Dodro reuniuse esta fin de semana para traballar no calendario a seguir nos vindeiros meses. Así, manterán unha serie de xuntanzas con organizacións e entidades do Concello ademais de facer un acto público para explicar as súas propostas ante a situación que estamos a vivir aos veciños e veciñas da localidade. A data para este acto aínda non está pechada e será anunciada nos vindeiros días. Ademais, e ante o abandono do BNG dos tres concelleiros nacionalistas, os militantes acordaron tamén solicitar a renuncia inmediata á acta de concelleiras/os para que tomen posesión as seguintes persoas da lista que manteñan a súa adhesión ao BNG. Xustifican esta decisión baseándose no feito de que a elección para ditos cargos públicos foi obtida dentro dunha candidatura do BNG, e que quen propuxo a súa integración nesa lista foron as e os militantes do BNG de Dodro.

Baseándose niso os nacionalistas pídenlle aos tres concelleiros que nun exercicio de coherencia e dignidade renuncien ás súas actas e hoxe mesmo mandarán un escrito ao concello de Dodro comunicando que os tres concelleiros xa non forman parte do grupo municipal do BNG polo que, de non renunciar ás súas actas, deberán pasar ao grupo de non adscritos. Faríase isto aos efectos de adecuar o seu estatus na corporación municipal, aplicando a normativa vixente en materia de réxime local, que recolle normativamente os acordos políticos asinados pola maioría de forzas políticas representativas para atallar o transfuguismo.

A preocupación do BNG de Dodro neste momento é seguir traballando por un proxecto político coherente e centrado nos veciños e nas veciñas de Dodro, coma sempre porque “o BNG non cambiou”, subliñan. Así, seguirán desenvolvendo unha actividade política polo que manifestan publicamente a súa vontade de manter canles de comunicación, información e colaboración con todas as asociacións e entidades representativas do concello de Dodro e cos seus veciños e veciñas directamente, a fin de escoitar as súas xustas demandas e reivindicacións e ser instrumento para que as mesmas sexan debatidas nos foros axeitados.

En momentos tan críticos como os que estamos a vivir o que realmente importa ao BNG é mudar as políticas nefastas e regresivas que se están adoptando e que incrementan o actual devalar negativo da economía e o emprego. O ánimo de contribuír a que a maioría social de Dodro mellore a súa situación económica e social manterá aos nacionalistas firmes e visíbeis á hora de seguir representando tanto ás persoas que lles confiaron xa o seu apoio como a todas aquelas que coinciden na necesidade de manter un nacionalismo unido e activo en Dodro.

Ningún comentario: