Brión - anotados xa 25 postos para o primeiro rastriño de compra - venda


O PRIMEIRO RASTRIÑO DE COMPRA-VENDA DE OBXECTOS USADOS E DE SEGUNDA MAN REUNIRÁ MÁIS DE 25 POSTOS NA CARBALLEIRA DE SANTA MINIA

O Concello destaca a boa acollida da iniciativa entre a veciñanza, pois a metade das solicitudes corresponden a veciños e veciñas de Brión 


 O Concello de Brión xa ten anotados a día de hoxe un total de 25 postos para o rastriño de compra-venda de todo tipo de obxectos usados e de segunda man, que terá lugar na Carballeira de Santa Minia o vindeiro domingo 17 de xuño. Un rastriño aberto á participación libre e gratuita de todos os veciños de Brión, que aínda se poden anotar totalmente de balde na Casa da Cultura ou a través do teléfono 981 50 99 08.

A concelleira de Cultura, Patricia Vázquez, considera “significativo poder contar con 25 postos nesta primeira convocatoria, pois consideramos que é unha oportunidade tanto para o que vende, que se desfai dun obxecto que non utilizaba, como para os que veñen comprar, que poden atopar obxectos do máis variado e nun entorno perfecto como é o da carballeira de Santa Minia”.

Produtos de todo tipo

Neste primeiro rastrillo de Brión xa está confirmada a participación de 25 postos, doce dos cales corresponden a veciños e veciñas de Brión, que venderán diferentes cousas que teñen na casa e que non saben que facer con elas. A maiores, está confirmada tamén a asistencia doutros trece postos procedentes dos municipios de Ames, Santiago, Noia e Teo que venderán produtos de artesanía, roupa, calzado, equipamento de moto, gourmets e complementos.

Este rastriño é a primeira iniciativa deste tipo que organiza o Concello de Brión e desenvolverase na carballeira de Santa Minia o domingo 17 de xuño, en horario de 11:00 a 14:00 horas. No caso de choiva, o rastriño trasladaríase ao pavillón municipal de Pedrouzos.

Ningún comentario: