PSOE Ames - crítica do retraso nos presupostos


O GRUPO SOCIALISTA CRITICA QUE SANTIAGO AMOR FOSE INCAPAZ DE PRESENTAR UNS ORZAMENTOS MUNICIPAIS NO SEU PRIMEIRO ANO DE MANDATO

Os socialistas solicitan que se presenten na próxima sesión plenaria e que se facilite a documentación con tempo suficiente para a súa análise pola oposición

O grupo socialista de Ames critica os continuos e inxustificados retrasos do Goberno Local á hora de presentar os Orzamentos Municipais de 2012 e que supoñen que o Concello de Ames estea funcionando a día de hoxe cuns orzamentos prorrogados dende 2010.
O voceiro dos socialistas de Ames, José Miñones, lamenta que “Santiago Amor foi incapaz de ter presentado uns orzamentos municipais no seu primeiro ano de mandato. A súa incapacidade fai que os veciños e veciñas de Ames teñamos que seguir cuns orzamentos prorrogados e que o propio alcalde ten recoñecido en varias ocasións que están esgotados, pero sen facer nada por remedialo”.

Neste sentido, Miñones destaca “a incoherencia do señor Amor, que cando estaba na oposición non deixaba de criticar calquera retraso na presentación dos Orzamentos e agora resulta que non é quen de presentalos despois dun ano no Goberno. Ao final vai resultar que os que non fan ben as cousas en materia economica son os señores do Partido Popular”. De feito, a non presentación dos Orzamentos para 2012 supón que Santiago Amor e o seu equipo están a incumprir as súas responsabilidades de Goberno ao non ser quen de presentar o documento máis importante da lexislatura, pois os orzamentos municipais son unha clara mostra das prioridades dun Goberno Local e determinan en gran medida o acceso dos cidadáns aos bens e servizos públicos.

Prazos incumpridos

Os socialistas lembran que o Goberno Municipal xa incumpríu en varias ocasións os prazos marcados por eles mesmos para a presentación dos Orzamentos de 2012. “Inicialmente ían ser presentados en febreiro, despois en abril, despois non se podía porque había que facer o Plan de Axuste... pero o certo é que levamos máis de catro meses de retraso sobre a última data fixada polo señor Amor e dos Orzamentos non se sabe absolutamente nada”, denuncia José Miñones.

Cómpre lembrar que o propio Santiago Amor anunciara en xullo de 2011 que o seu equipo xa estaba traballando nun novo orzamento que definíu como “a cara descuberta” para o ano 2012 e que anunciou que sería “planificado, creíble e real”. Ao final, once meses despois desas afirmacións, o Concello de Ames non conta con ningún instumento de planificación económica fóra dos continuos parcheos que utiliza o Goberno do PP para solventar a súa incapacidade de elaborar uns orzamentos reais.

Unha incapacidade que están a pagar os veciños e veciñas de Ames, como se demostrou coa suspensión do Millarock de 2010 e que Santiago Amor xustificou en que o orzamento municipal “estaba totalmente agotado”. “Un ano despois destas xustificacións, resulta que seguimos sen orzamentos”, sinala o voceiro municipal socialista, “e agora xa non se lle pode botar as culpas ao Goberno Socialista, pois o PP tivo 365 días para traballar e resulta que non foron quen de facer nada”.

Documentación e pleno

Por todo isto, os socialistas instan ao Goberno de Ames a que presente canto antes os Orzamentos Municipais de 2012 para o seu debate plenario e, se fose posible, que se este tivera lugar mesmo na propia sesión ordinaria deste mes de xuño. “Esperamos que nos faciliten a documentación co tempo suficiente para poder facer a nosa labor como oposición, pois sempre se está a entregar a última hora e de xeito incompleto”, denuncia José Miñones.

Ningún comentario: