Sete grupos galegos ademais de mercadillo, programación infantil e presentacións culturais
Música e actividades diversas na Romaría Pop, un novo concepto de Festival, este sábado en Belvís
- A romaría, con
acceso de balde, está organizada por Desconcierto Cultural xunto cos
departamentos de Cultura e Medio Ambiente do Concello de Santiago
- As informacións
meteorolóxicas din que o tempo dará unha tregua este sábado polo que todo
indica que a Romaría se poderá celebrar sen ningún problema
O parque de Belvís é o lugar elixido para celebrar a Romaría Pop, un novo concepto
de Festival que se celebrará este sábado 16 de xuño desde as 13.00 ata as
23.00h. As prediccións meteorolóxicas din que sábado fará un bo día, así que
todo parece indicar que non haberá problema para gozar da música e das diversas
actividades que farán desta unha xornada lúdica para toda a familia. A romaría,
con acceso de balde, está organizada por Desconcierto Cultural xunto cos
departamentos de Cultura e Medio Ambiente do Concello de Santiago
O compostelán Parque de Belvís acollerá o sábado 16 de xuño Romaría Pop,
un novo concepto de xornada musical, organizado por Desconcerto Cultural e o
Concello de Santiago. Dándolle unha volta á tradicional romaría estival, a
romaría enriquécese co mellor da escena independente galega e repropónse como
evento lúdico para públicos variados e oídos esixentes: un día cheo de música,
actividades culturais, comida e bebida, con entrada totalmente de balde.
Como en todas as actividades organizadas pola asociación Desconcerto
Cultural, a música é o máis importante: ata sete das bandas máis excitantes e
dispares do panorama galego actuarán en Romaría Pop: a psicodelia de
Mequetrefe; a elegancia pop de La Familia; a forza desatada de Músculo!, os
debutantes Diadermin, que pronto estrearán disco; a sedutora escuridade de
Disco Las Palmeras; a narrativa acústica de Sr. Fluzo! e o exquisito pop sixtie
de The Winning Numbers. Variedade e calidade, en concertos que se espaciarán comodamente
ao longo da xornada, nun horario diúrno adaptado a todos os públicos.
Precisamente porque a Romaría Pop se dirixe non só ao melómano
santiagués, senón a calquera interesado en gozar do lecer e a cultura nunha
xornada ao aire libre, non faltarán durante o día múltiples actividades
dirixidas a toda a familia. Para os máis pequenos haberá talleres musicais
infantís, concertos específicos dos grupos participantes cun repertorio
exclusivo para a ocasión e actividades de creación de camisetas e divulgación
ambiental. Pequenos e maiores poderán ademais esculcar entre concertos nas
presentacións culturais e os postos de venda dispostos para a ocasión, gozar da
ambientación musical ou achegarse ás barras de comida e bebida repartidas polo
parque.
A idea xeral detrás do evento é, pois, celebrar unha romaría popular nun
sentido contemporáneo da expresión: un espazo recreativo urbano no que se
desenvolve unha xornada festiva de convivencia entre veciños, coa cultura como
elemento de dinamización e cohesión social.
Ás actividades que se desenvolverán durante todo o sábado no Parque de
Belvís uniuse a festa de presentación, o
pasado martes 12 de Xuño cos concertos dos grupos Holywater e Mullet, e nesta
mesma xornada de sábado haberá unha festa de despedida no Cachán Clube, coa actuación de Alex
Casanova.
Ningún comentario:
Publicar un comentario