Esquerda Unida Santiago - dia internacional do orgullo LGTB


DÍA INTERNACIONAL DO ORGULLO LGTB
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Esquerda Unida Compostela ten a defensa dos dereitos e liberdades das persoas como punto
esencial de calquera das súas propostas programáticas.
O 28 de xuño de 1968 sucedéronse diversas revoltas en Stonewall (EE.UU.) para denunciar a
criminalización a que estaban sometidas as persoas LGTB no país, por iso, neste día, se
conmemoran reivindicacións que deben ser acollidas por políticas públicas por parte das
institucións destinadas a velar polos dereitos destas persoas.
As fobias cara ás expresións da sexualidade consideradas “diferentes”, lonxe de desaparecer, continúan habitando en aulas, fogares, centros de traballo e ocio, e, por desgraza, tamén nas administracións e servizos públicos.

É necesario un recoñecemento a todos aqueles actores sociais vinculados ás loitas sociais, por seren os e as máximas responsables de que agora mesmo existan certos dereitos recoñecidos para as persoas LGTB, como tamén da existencia de iniciativas municipais e autonómicas que teiman en representar un compromiso coa loita colectiva pola igualdade e a liberdade real destas persoas.
A pesares de terse regularizado o matrimonio entre persoas do mesmo sexo, ou aprobado leis como a chamada “lei de identidade de xénero”, queda moito camiño por percorrer, como
demostran coa súa loita os movementos sociais.
Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do
concello de Santiago a seguinte proposta de
ACORDOS
Primeiro. Realizar unha denuncia explícita contra a homofobia, lesbofobia, bifobia e transfobia,
así como expresar un compromiso claro de posta en marcha de medidas para erradicar esta
lacra social.
Segundo. Instar ao Goberno central a que promova a despatoloxización das identidades
transexuais e intersexuais, sen que os dereitos sexuais e sanitarios destas persoas se vexan
prexudicados.
Terceiro. Apoiar a derrogación do Concordato de 1953 e os acordos de 1979 co Vaticano, así
como a saída da asignatura de relixión das aulas.
Cuarto. Denunciar os recortes sociais, especialmente aqueles referidos a prevención e
tratamento do VIH.
Quinto.- Defender unha educación pública, laica, gratuíta e de calidade quen de promover un
espazo educativo onde reinen os valores democráticos e de convivencia.
Sexto.- Colaborar activamente na defensa da diversidade familiar, loitando contra as
discriminacións que poidan sufrir as familias homoparentais e, por suposto, denunciando
explicitamente o recurso de inconstitucionalidade imposto polo PP sobre os matrimonios entre
persoas do mesmo sexo.
Sétimo.- Fomentar o asociacionismo LGTBI, así como atender as súas demandas.
Oitavo.- Dar traslado dos acordos ao Ministerio de Sanidade, Servizos sociais e Igualdade, á
Consellería de Política Social e Igualdade e ao movemento asociativo LGTBI da cidade e da
comunidade autónoma

Ningún comentario: