Teo - creación de un Banco de Libros para axudar as familias


O CONCELLO DE TEO CREA UN BANCO DE LIBROS PARA APOIAR A ECONOMÍA DAS FAMILIAS

       Pódense doar libros en bo estado de conservación válidos para o curso 2012-2013, entre o 25 de xuño e o 6 de xullo

·        Os textos outorgaranse priorizando a situación socioeconómica e con criterios adicionais como ser donantes de libros e ter máis dun fillo


 A concellería de Educación de Teo crea un Banco de Libros co que as familias do municipio poderán compartir libros de texto e de lectura en bo estado. Esta nova iniciativa pretende servir de apoio económico ás familias, axudándolles a reducir os gastos de escolarización dos seus fillos e fillas.

A concelleira de Educación, María Álvarez Garea, explica que o Banco de Libros se pon en marcha co apoio das ANPAS e pide “a colaboración de todos e todas para que se vaia consolidando e poida ter éxito”. Álvarez destaca que o principal obxectivo é o apoio económico ás familias, e ademais pon énfase en que o Banco de Libros contribuirá a “sensibilizar a comunidade educativa no coidado e reutilización dos libros, desde un punto de vista ambiental pero tamén como valor social, xerar actitudes solidarias co alumnado con menos recursos económicos e fomentar no alumnado o coidado dos materiais escolares”.

Funcionamento
O novo sistema deseñouse de maneira que teña un funcionamento sinxelo e práctico. Así, o Banco de Libros de Teo admitirá exemplares usados cunha antigüidade máxima de catro cursos e que sexan válidos para o curso 2012-2013, atendendo ás listas de libros que manexan os centros. Requírese que estean en bo estado de conservación e non se poderán doar libros que se utilizan como cadernos ou dos pensados para escribir neles, como é o caso dos de Educación Infantil e algúns do primeiro ciclo de Primaria.

Poderán doar e solicitar libros familias con fillos ou fillas escolarizados nos centros educativos públicos do municipio. Quen entreguen libros deben cubrir unha ficha na que figuran os seus datos e que libros doan. E quen soliciten tamén deberán indicar nunha ficha os seus datos, xunto co centro e o curso correspondentes e que libros piden. Con ese impreso, xa se comprometen a devolver os libros en bo estado ao remate do curso.

O prazo para ceder libros e para solicitalos irá do 25 de xuño ata o 6 de xullo, entre as 12:30 e as 14 horas, na Aula de Informática da Ramallosa. Posteriormente, entre o 3 e o 7 de setembro abrirase o prazo para a recollida dos libros, tamén na aula de informática, en horario de 11 a 13 horas.

Adxudicación
A adxudicación dos libros efectuarase atendendo a varios criterios para priorizar os distintos solicitantes. En primeiro lugar estarán as familias ás que, pola súa situación socioeconómica, un informe de servizos sociais aconselle darlles preferencia. Despois serán tidas en conta as familias que máis libros acheguen. Obterán un punto por cada libro de texto que doen, para incentivar así a participación na campaña. Un terceiro criterio é o das familias con máis dun fillo ou filla, cun punto por cada un. A relación de adxudicatarios completarase co resto das familias.

Ningún comentario: