A COMPAÑÍA CHÉVERE OFRECE TRES ‘ULTRANOITEO’ ESTA FIN DE
SEMANA
·
Aos dous espectáculos nas noites do venres e do sábado
únese unha sesión vermú especial o domingo a mediodía
·
As entradas poden adquirirse por anticipado en
redenasa.tv e en tres establecementos do municipio, e en billeteira o propio
día
A compañía Chévere Teatro, residente en Teo,
ofrece esta vindeira fin de semana tres actuacións do seu espectáculo
‘Ultranoiteo’ no auditorio do Centro Sociocultural da Ramallosa. Ás representacións
das noites do venres e do sábado, as dúas ás 23 horas, únese unha especial o
domingo a partir das 13 horas, a modo de sesión vermú con opción de xantar
degustación.
No caso do venres e do sábado, existe a posibilidade de ir ata o auditorio
-e retornar para a casa- facendo uso do Ultrabús. Este servizo de transporte
para quen desexen acudir tranquilamente mantense pola moi boa acollida na súa
estrea. Sae desde a Rúa da Rosa en Santiago e vai facendo diversas paradas ao
longo da estrada comarcal AC-841, en Pontepedriña, nos Tilos, en Montouto e en
Cacheiras, antes de deterse na Ramallosa.
As entradas están xa á venda de maneira anticipada por internet, a través
da web www.redenasa.tv. Tamén se venden en
tres establecementos do municipio: o bar A Santa Sede (A Ramallosa), o bar A
Capilla (Calo), e o bar A Senra (Pontevea). As entradas que sobren da venda
anticipada estarán dispoñibles, para os rezagados, no propio auditorio desde
unha hora antes do inicio do espectáculo.
Escarnio da actualidade
Chévere Teatro
anuncia que os temas estrelas do seu espectáculo, caracterizado por facer
escarnio humorístico da actualidade, van ser a economía, os recortes e a crise.
Sobre o escenario sairán “a nacionalización de Bankia, a estampida de
presidentes de bancos, o rescate de España e a banca española pola Unión
Europea, e falando de Europa, menos mal que nos queda Eurovisión, con esas
mulleres rusas poñendo un pouco de cor”, segundo explican.
Tamén anticipan que
tratarán temas específicos de Galicia, como a marcha de Xerardo Conde Roa da
alcaldía de Santiago, a xestión de Alberto Núñez Feijóo, ou a situación do
Centro Dramático Galego, a Cidade da Cultura e a Real Academia Galega. E todo
sen pasar por alto a Eurocopa e a súa utilidade “para apaciguar ás masas”,
afirma Chévere Teatro.
Éxito desde abril
As ‘Ultranoites’ representáronse por primeira vez en Teo a mediados do mes
de abril, con tan boa acollida que Chévere ofreceu unha función extra para
satisfacer a todos os que quedaran sen entrada para as dúas programadas
inicialmente.
A excelente resposta que están recibindo as actividades de Chévere Teatro
constitúen para o Concello de Teo unha constatación de que a súa chegada como
compañía residente ten un efecto dinamizador a nivel local non só na
programación cultual, senón tamén no eido económico. Hai que ter en conta que,
ademais de espectadores de Teo, unha gran parte do público que acode á
Ramallosa son veciños de Santiago e doutros municipios da comarca.
Compañía residente
Chévere Teatro convertiuse en compañía residente de Teo en virtude dun
convenio asinado entre a compañía e o Concello o pasado mes de marzo. O acordo
contempla arredor de medio cento de actividades que se suman á programación
cultural teense: ademais das representacións no auditorio da Ramallosa,
obradoiros nas Casas Comúns e propostas específicas para nenos e adolescentes.
O Concello beneficiase ademais da dotación técnica que a compañía instalou no
centro sociocultural, e que está tamén dispoñible para actividades do tecido
asociativo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario