O PLENO APROBA SEN VOTOS EN CONTRA A SEGUNDA FASE DO PLAN
DE PAGO A PROVEDORES
·
Ascende a 459.569,34 euros e incorpora facturas de
empresas que tramitaron a súa incorporación tras o primeiro prazo de Hacienda
·
O Concello de Teo mantén unha saúde económica mellor que
a media das administracións locais do país
A corporación municipal de Teo aprobou esta mañá
en sesión extraordinaria a modificación da operación de endebedamento para o
pago de facturas a provedores, de acordo co mecanismo habilitado polo
Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas. O acordo foi tomado sen
votos en contra, ao ser apoiado polo grupo de goberno municipal e contar coa
abstención dos demais concelleiros.
Esta modificación ten un importe de 459.569,34 euros. Corresponde a
facturas que se tramitaron no segundo prazo aberto polo goberno central, e a
maioría foron presentadas por Gas Natural. Este importe súmase á operación de
préstamo inicial de 826.412,43 euros, que cubría as facturas certificadas a data
de 14 de marzo pasado. Naquela primeira fase aprobouse por resolución da
alcaldía porque non se superaba o 10% dos recursos municipais, mentres que a
ampliación de hoxe se autorizou en pleno ao situarse o total da operación de
endebedamento en 1.285.981,77 euros.
Esa cifra fica aínda por debaixo do plan de axuste aprobado polo pleno en
marzo, que contemplaba unha operación financieira de ata 1.320.000 euros. O
Concello considera que nunha terceira fase de incorporación ao plan de pagos xa
non se presentarán máis facturas.
Deste xeito, o Concello confirma que mantén uns parámetros de saúde
económica mellores que a media das administracións locais do país. A pesar da
forte caída de ingresos derivada do contexto global de crise, a xestión do
goberno municipal logrou conter os efectos negativos e mellorar incluso as
cifras, tal como corroboran todos os estudos elaborados por organismos
extramunicipais. E todo ampliando a dotación de infraestruturas e servizos a
disposición da cidadanía teense.
Ningún comentario:
Publicar un comentario