Amosando publicacións coa etiqueta Esquerda Unida b>. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Esquerda Unida b>. Amosar todas as publicacións
Esquerda Unida Compostela - Pinza PP / Psoe
O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela manifesta a súa máis firme repulsa á alianza estratéxica e antisocial perpetrada polo PSOE e PP que, por desexar desgastar a un equipo de goberno, opta por hipotecar o futuro económico do Concello e imposibilitar o desenvolvemento de políticas sociais para que todos os veciños e veciñas teña a mesma igualdade de oportunidades.
Os intereses sectarios e estratéxicos dos partidos do réxime -abafados pola corrupción e reféns dos poderes económicos- deseñaron o obxectivo de atacar á veciñanza compostelá. A demagoxia, o populismo e o electoralismo explican o proceder das forzas do réxime. O acontecido hoxe no Pleno amosa claramente que nin o dedocrátrico exalcalde, Agustín Hernández, nin Paco Reyes, cadáver político que levou ao PSOE ao seu peor resultado democrático, velan polo benestar da maioría social, xa que o seu único fin é atacar e evitar o traballo das concelleiras e concelleiros de Compostela Aberta.
Para o Consello Comarcal de EU Compostela, as ordenanzas fiscais son a base coa que un goberno alicerza o proxecto de cidade que desexa. É evidente que para acometer o ambicioso programa electoral de CA, profundamente social, son necesarios recursos económicos, e como claramente ditaminaron as veciñas e veciños nas urnas, están lexitimados os concelleiros e concelleiras para procurar levalo a cabo. Dende o respecto democrático: por suposto, debe haber debate e necesaria procura de cosensos, pero non se pode consensuar con quen non quere e con quen ten unha estratexia de derrubo calculada e meramente partidista. A progresividade fiscal, a redistribución da riqueza baixo forma de proxectos sociais e afortalamento de servizos públicos non se pode construír coa demagoxia fórmula de baixar impostos aos que máis teñen. É imposible e representa unha brutal mentira política que só a cobertura mediática pode agochar. Con esta decisión, o PP e o PSOE hipotecan non só a xestión do lexítimo goberno local, senón, o que resulta máis cruel, o dereito da cidadanía a políticas sociais dignas, quen de alixeirar a pesada lousa da crise, dos recortes e do desemprego.
O Consello Comarcal manifesta o seu apoia á Unidade Popular coa que destruír o sistema de vasalaxe, demagoxia e mentira que destrúe o noso futuro. Hoxe, faise máis evidente que nunca as intencións reais do PP e do PSOE e cales son as súas políticas fiscais, económicas e sociais. Cómpre, polo tanto, o triunfo dun novo proxecto común xusto e igualitario.
EU Compostela - Apoio a Feira da Primavera do Barrio de San Pedro
Durante estes catro anos, dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela vimos denunciando os constantes atropelos do Concello. Dende lexislacións municipais restritivas ata a súa endémica corrupción, estes catro anos son catro anos perdidos para a cidade, catro anos de desgoberno e mofa.
Agora, cando esta lexislatura remata e hai posibilidades de cambio, parece que o Partido Popular quere morrer matando, e agora o seu obxectivo foi a Feira de Primavera de San Pedro. A Comisión de Festas de dito Barrio vén de denunciar que o Concello déixaos sen acceso ás tomas de luz, supostamente por impedimentos legais, perigando así os concertos e iluminación da festa.
Coma de costume, o PP e o alcalde da cidade, Agustín Hernández, buscan eludir as súas responsabilidades e facer o que se lles antolle, en lugar de poñerse a traballar para solucionar esta problemática que non é menor, posto que a Feira da Primavera é un acontecemento moi coñecido na cidade e arredores e supón un beneficio económico moi importante para as persoas que residen e traballan nese barrio.
É incrible ver como o goberno municipal busca danar ás actividades máis típicas desta cidade, xa sexa prohibindo concertos nos locais da zona vella ou buscando que se cancelen as actividades lúdicas dunha Feira anual.
O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, coma sempre, demanda que se escoite ás veciñas e veciños. O Concello ten que ser un facilitador das iniciativas da veciñanza, e deixar de poñer obstáculos ás actividades que enriquecen a vida da nosa cidade. Non pode ser que o Concello abandone á Comisión de Festas do Barrio de San Pedro na mesma semana da celebración dunha actividade tan importante.
Esquerda Unida Santiago - Apoio aos traballadores de Blanco
O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela reitera a súa defensa dos dereitos da clase traballadora, que baixo a escusa da crise-estafa que padecemos sofren o ataque constante das políticas neoliberais que procuran a súa desaparición.
É máis que evidente, grazas as medidas empezadas polo PSOE e acrecentadas polo PP, que, hoxe en día, abandonamos calquera tipo de seguridade laboral por una neoescravitude, na que as persoas non son máis que meros instrumentos ao servizo do lucro duns poucos.
Claro exemplo é o ERE na cadea téxtil Blanco, que pretende despedir a 332 persoas e pechar 12 tendas, unha delas en Santiago. Baixo o amparo de palabras como competitividade, eficacia, retabilidade, e usando una reforma laboral ao servizo do poder económico, esta empresa destruirá emprego e, por exemplo, levará a súa centralita a Dubai. O grupo saudí Alhokair cando adquiriu, a principios do ano pasado a cadea téxtil Blanco comprometeuse a manter e asumir o 1.200 postos de traballo. De que vale que un xulgado mercantil aprobe esta venta baixo a condición de que se respecten os postos de traballo, se nun ano non é máis que papel mollado. Onde están os dereitos das traballadoras e traballadores?
Por este motivo dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela animamos a participar na mobilización que terá lugar o venres, 10 de abril, ás 12:00 diante da tenda de Blanco en Xeneral Pardiñas. Nesta mobilización asistirá Xabier Ron deputado de AGE e coordinador comarcal de Esquerda Unida.
Esquerda Unida Compostela - Sobre a imputación da edil Reyes Leis
O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, ante as últimas novas da sentenza do TSXG e a imputación de Reyes Leis, quere denunciar a carencia máis absoluta de ética do actual equipo de goberno do PP en Compostela e a lousa que representa para as arcas públicas, con claras implicacións para a veciñanza.
A corrupción e as súas consecuencias seguen ben instaladas no Pazo de Raxoi, onde un equipo de goberno, de raigame dedocrática, non elixido pola veciñanza, segue hipotecando o futuro da cidade. A sentenza do TSXG, que obriga a repoñer nos seus cargos ao secretario e interventor, implica unha emenda á totalidade aos procedementos do PP que lonxe de respectar a profesionalidade do persoal funcionario, optara por impoñer a súa política clientelar. Esta circunstancia, ademais, implica un custe para as arcas públicas que algunhas fontes cifran en máis de 500.000 euros. Trátase dun desbaldimento inasumible de diñeiro público.
Hoxe mesmo coñecíamos que a unha concelleira electa que segue, e que fachendeaba de non estar inmersa en ningunha causa como imputada, Reyes Leis, vén de ser imputada por presunto tráfico de influencias. Feito este que redunda na carencia de lexitimidade do PP para seguir gobernando o destino dos veciños e veciñas de Compostela.
Clientelismo, prevaricación, tráfico de influencias e un longo etcétera de presuntos delitos son o triste recordo dos peores anos da democracia para o noso concello. Non é de menos alcance a nula bagaxe dialogante manifestada pola hoxe imputada, Reyes Leis, que ten demostrado a súa actitude despótica e mesmo irrespectuosa.
O goberno non electo do dedocrático Agustín Hernández vive, ao que se ve, moi cómodo coa herdanza de corruptelas e políticas de favores. E agardamos que detrás do cambio de uso de solo para a parcela de Xoán XXIII non se agoche unha mostra deste tipo de políticas.
Agardemos que os anuncios do NO-DO particular en que se converteron algúns medios de desinformación masiva non impidan á veciñanza ver con claridade que cómpre unha radical mudanza non só da forma de facer política, senón no fondo, isto é, que as políticas que se leven a cabo nos vindeiro anos sexan políticas que defendan o benestar e a igualdade das persoas por riba dos intereses espurios duns poucos.
Esquerda Unida santiago - Demanda no parlamento de información sobre os investimentos en Santiago Norte
O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, trala xuntanza mantida coa AV Francisco Asorey da Almáciga, rexistrou no Parlamento de Galicia, a través de AGE, dúas iniciativas interesándose polos investimentos a cargo do Proxecto “Santiago Norte”, incorporado no Programa Iniciativa Urbana.
Atendendo precisamente a unha demanda de membros da Xunta Directiva da Asociación Veciñal, AGE presenta unha Proposición Non de Lei para coñecer de forma expresa o detalle dos procedementos de auditoría externa previstos nos mecanismos de xestión e control das obras previstos na Memoria do Proxecto “Santiago Norte, e a elaboración dunha memoria exahustiva dos investimentos que se realizaron no barrio da Almáciga, sinalando especialmente o seu estado de execución, o seu mantemento e o custo real dos investimentos.
Non pode ser que un Proxecto que nacera para loitar contra a “carencia e baixa calidade da urbanización” dos barrios afectados, contribúa, precisamente, a manter ditos parámetros de carencia e baixa calidade. Desinformación, obras mal planificadas e mal xestionadas, sen participación real da veciñanza, o estado actual das obras 6 anos despois da posta en marcha do Proxecto, é o dunha promesa incumprida: son moitos os proxectos comprometidos que ou non se fixeron ou ben están incompletos ou mostran deficiencias. Por exemplo, o parque da Almáciga ofrece un aspecto lamentable e os accesos ofrecen unha elevada perigosidade para as persoas usuarias, incluso hai zonas sen iluminación. Tamén o edificio da Casa depósito considerado ben de interese patrimonial, non é a casa-museo que se cita na Memoria do Proxecto, ou non se construíu o Centro Cívico Integrado. E poderíamos seguir.
Por estas cuestións esiximos desde EU Compostela, uníndonos ás demandas veciñais, sabermos de forma clara onde foi o diñeiro público comprometido nas obras do Proxecto “Santiago Norte” destinadas a resolver as “carencias e baixa calidade da urbanización” dos barrios da Almáciga e Basquiños.
Dentro das preocupacións de EU Compostela está tamén a defensa e preservación do noso patrimonio histórico e cultural. Un aspecto que o propio Proxecto “Santiago Norte” considera un eixo prioritario de acción. Pois ben, as obras realizadas na contorna da capela da Pastoriza, no barrio de Basquiños, demostran que dito eixo foi desatendido. De aí que AGE reclame unha resposta oral á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre a destrución da vella escalinata de acceso á capela da Patoriza asi como sobre a vulneración do equilibrio arquitectónico e patrimonial das obras que se realizan na contorna coa fachada neoclásica.
Esquerda Unida Compostela - Reunión coa AVV do Castiñeiriño
Os representantes do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Xabier Ron e Vicente Vázquez, mantiveron un encontro coa AVV do Castiñeiriño, dentro do programa de visitas ao tecido asociativo da cidade para coñecer de primeira man as necesidades do barrio e facelo partícipe no proceso de elaboración colectiva do programa das municipais de maio do 2015 .
Unha vez máis comprobamos que o goberno local do PP, do dedocrático alcalde Agustín Hernández, non escoita as veciñas e veciños, non fai partícipe ao barrio na toma de decisións. Desde que chegou ao goberno local, o Alcalde adoptou unha actitude de desleixo para cos barrios e parroquias tradicionais da cidade.
As veciñas e veciños deben ser partícipes do día a día da cidade, na toma das decisións que máis lle afectan no día a día. E, tal como acontecía coa AV Escultor Francisco Asorei, a AV do Castiñeiriño amosou a súa preocupación pola actual política dun Alcalde decidido a levantar toda a cidade e sitiala de obras, con tal de vencer a memoria da veciñanza sobre os 3 primeiros anos de corrupción e parálise. Mais a veciñanza non é tan desmemoriada como quere o Alcalde, e o DOG e co BOE non poden silenciar tantos anos de deriva e naufraxio da democracia
Trala conversa mantida coa AV do Castiñeiriño quedou demostrada a falta de planificación que este barrio sufre. É evidente que co crecemento urbanístico do barrio, e a desastrosa política de vivenda do Concello, a poboación ía medrar moito. Entón, como é posible que en poucos anos o novo colexio Ramón Cabanillas xa non poda acoller toda a demanda de novo alumnado? Ou que as súas aulas xa estean saturadas?
A AV denuncia que o Castiñeiriño padece falta de espazos públicos apropiados. Espazos que deben acompañar calquera proxecto de nova urbanización e que debera ser unha prioridade, xa que neses espazos públicos é onde veciñas e veciños poden disfrutar do seu lecer, organizar actividades que garanten a cohesión social do barrio. Só a teima por aproveitar calquera espazo para especular co solo explica que espazos infantís sexan, como definen os membros da directiva veciñal, especies de “corralitos” e que non serven para satisfacer as necesidades de veciños e veciñas.
Entende Esquerda Unida que é urxente dotar ao barrio da escola infantil que require para dar resposta ás necesidades das familias. Non vaia a ser que os intereses electoralistas sexan os que xoguen coa construción desta infraestrutura social tan necesaria.
Tamén reclamamos que todos aqueles proxectos urbanísticos no barrio, que neste momento están parados, non supoñan ningún perigo para as veciñas e veciños, polo que esiximos a súa correcta limpeza e mantemento e as necesarias condicións de seguridade para evitar accidentes. Neste sentido, agardamos que se cumpra a promesa de derrubo, xa aprobado, das edificacións que supoñen un perigo constante para as persoas que transitan pola rúa
Por últimos manifestamos a nosa preocupación polas deficiencias no transporte público que nos foron comentadas. Os horarios e frecuencias dos autobuses teñen que estar supeditados a cubrir as necesidades de veciños e veciñas para que non se vexan na obriga de usar o vehículo privado. E denunciamos o incumprimento da lei de accesibilidade universal: non podemos aceptar que no século XXI, e nunha sociedade democrática avanzada, o transporte público represente un atranco para as persoas con diversidade funcional ou problemas de mobilidade.
Esquerda Unida Santiago - Críticia a xestión das obras na Carreira do Conde
Para o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela a incompetencia mostrada polo goberno local do Partido Popular nas obras de Carreira do Conde, demostra, unha vez máis, a execrable xestión do dedocrático alcalde Agustín Hernández, que tanto dano fai a Santiago.
En primeiro lugar, é inadmisible, como xa ten ocorrido en outros moitos barrios da cidade, a falta de información coa que actúa o PP nas medidas que toma. As veciñas e veciños teñen o dereito a que o Concello, como mínimo, avise en tempo e forma, por exemplo, das obras que se van acometer no seu barrio.
Por suposto, para Esquerda Unida é necesario ir moito máis aló, e facer real a Democracia Participativa, coa que conseguir, non so que a xente teña a información que demanda, se non que sexa partícipe das medidas que se acometan, colaborando activamente para achar as mellores solucións ante as eivas que poidan existir na súa rúa, no seu barrio, na cidade.
O único que fai o Partido Popular ao actuar unilateralmente e de costas a cidadanía, é crear malestar e non atallar as demandas das veciñas e veciños. Tralas denuncias recibidas, criticamos que non se fixera plan de mobilidade para o Ensanche antes de decidir peatonalizar Carreira do Conde. ¿Cómo e quen tomou esta decisión?¿Consultouse á veciñanza sobre posibles beneficios e prexuízos desta medida?
Por exemplo EU sempre defenderá o fomento do transporte público, para reducir o uso do vehículo privado, e polo tanto ser necesarias menos prazas de aparcamento. Sen embargo o PP nada propón para a mellora da mobilidade en Santiago, pero si que, por exemplo, coa obra en Carreira do Conde elimina decenas de prazas de aparcamento. Creando enfado en moitas persoas que se ven na obriga de usar vehículo privado para acudir ao seu posto de traballo, e que, polo que parece, o señor alcalde desexa que usen os caros aparcadoiro privados que existen cerca desta rúa.
Se a nefasta xestión desta obras xa é grave, o que é incrible é a falta de criterio do Partido Popular na toma de decisións. Por suposto nunca negaremos que sexa necesario facer obras de mellora na cidade pero hai que saber cales deben ser prioritarias e cales poden agardar. Neste momento consideramos que o gasto de 600.000 euros na Carreira do Conde, nesta obra sen consenso e mal planificada, non deben executarse. Tal e como comprobamos nas visitas a distintos barrios da cidade neste momento hai obras de mantemento de beirarrúas, parques, estradas e outras espazos públicos que por seguridade, non por estética, teñen que ser acometidas de inmediato.
Por último criticamos, nunha clara mostra da incompetencia de Agustín Hernández, que se orzamente a mesma cantidade para esta obra, como mínimo cuestionable e para nada urxente, que para a renda social para as persoas da cidade en risco de exclusión. É necesario que o Concello actúe de inmediato e acometa medidas que beneficien a maioría social, por exemplo, como recentemente pedimos, que se subvencione o pago do IBI as persoas en risco de exclusión social.
Esquerda Unida Compostela - Reunión coa Asociación de Veciños Francisco Asorey da Almaciga
Os representantes do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Xabier Ron e Vicente Vázquez, mantiveron un encontro coa AVV Francisco Asorey da Almáciga, dentro do programa de visitas ao tecido asociativo da cidade para coñecer de primeira man as necesidades do barrio e facelo partícipe no proceso de elaboración colectiva do programa das municipais de maio do 2015 .
A xestión do equipo de goberno de local do PP neste barrio é nefasta e totalmente lesiva para cos intereses da veciñanza. É inaceptable que, sen informar debidamente á veciñanza, se paren as obras de acondicionamento do Parque da Almáciga. O parque, agora mesmo, ofrece un estado lamentable que, de non realizarse as obras precisas, empeorará e farán inútil o traballo realizado ate o de agora. Xa leva dous meses sen iluminación. E o Alcalde, en vez de asumir o goberno, dilles aos veciños e veciñas que falen coa empresa que realiza as obras.
Os accesos do Parque son perigosísimos para a saúde das persoas. Nun só día de choiva o parque converteuse nunha lodeira que correu cara abaixo por non existir ningunha obra axeitada de canalización de augas. As árbores non se podan desde hai anos: algunha delas déitase enriba do tellado do local da asociación veciñal.
Esiximos ao señor alcalde que goberne para toda a cidade e que se retomen as obras de inmediato para solucionar as eivas existentes e que, por suposto, manteña debidamente informada á veciñanza.
Durante a visita por todo o barrio que nos fixo a AVV Francisco Asorey quedou demostrada a mala planificación das obras e a peor execución das mesmas. A rúa Escultor Asorey empeorou o seu trazado debido á instalación en plena ascensión de elementos decorativos sen ningún sentido, obrigando a trazar unha curva en plena pendente.
Existe, igualmente, absoluta incomprensión cara á creación dunha mini-alameda na parte baixa da Caramoniña, que representa un desbaldimento de diñeiro público, quizais para o único uso e disfrute dos chalés de luxo construídos máis arriba.
As numerosas dúbidas sobre o destino do diñeiro público prometido dentro do Plan Urbana Norte para as obras do barrio derivou nunha demanda da Asociación para que Esquerda Unida a través do grupo AGE formule unha iniciativa ao respecto no Parlamento de Galicia.
As obras son unha chapuza: contedores que seguen bailando e sen soterrarse; beirarrúas que son mosaicos de diferentes elementos construtivos; farolas vellas que non se cambian; beirarrúas que seguirán ofrecendo un aspecto lamentable e non adaptado ás necesidades das persoas con diversidade funcional; dificultades para acceder aos garaxes; obras, en definitiva, mal acabadas ou directamente esquecidas. E todo de forma contraria ao que se especificaba na Memoria de actuación do Plan Urbana Norte.
Entre as moitas carencias detectadas, merece unha mención especial a obra na rúa de Basquiños: construción dun muro insólito, de aspecto segregador, que impide o acceso a todo tipo de persoas no paso dunha beira a outra, e que vai dificultar a vida das persoas en aspectos tan esenciais como seren atendidas por unha emerxencia médica.
Unha rúa que, a pesar de ser de dobre dirección, coas obras realizadas xa se aprecia que se estreita en demasía e que, a pesar de existir posibilidades para impedilo, os buses urbáns seguirán deténdose para recoller pasaxeiros e pasaxeiras en plena calzada, entorpecendo así a fluidez do tráfico que nesa zona adoita ser bastante denso en determinadas horas do día.
Un feito non menor é que as obras realizadas na escalinata da Igrexa da Pastoriza atentan contra a protección do elemento patrimonial. E, no estado actual das obras, a actuación na ascensión á rúa de Touro, para que os autobuses podan realizar traxectos en beneficio da veciñanza, ofrece moitas interrogantes.
O Alcalde debera repensar como goberna e non darlle as costas aos barrios tradicionais da Cidade e debra arbitrar os mecanismos necesarios de participación cidadá para que veciños e veciñas coñezan como se van a desenvolver as obras e mesmo poder achegar suxestións de mellora. Mais todo indica que o Alcalde actual, de goberno dedocrático, despreza a participación, xa que mesmo un elemento de participación co que se dotou o Plan Urbana Norte, como a propia páxina web (www.urbanasantiagonorte.org/) non está actualizada e segue anunciando que o Alcalde é Ángel Currás Fernández.
E, desde logo, denunciamos a actuación prepotente e autoritaria da concellería de turno, non elixida polo pobo, que, logo de reunirse cos veciños e veciñas antes de Nadal dixo, antes as críticas realizadas: “as obras fanse así porque si”.
Estas son as formas dun goberno tecnocrático e dedocrático, que oficiliaza o seu traballo unicamente a través do DOG, deixando de lado a participación de veciños e veciñas. Estas son as formas de goberno que deben destarrarse para sempre o vindeiro mes de maio de 2015.
Esquerda Unida - Moción en contra do tratado UE - EUA de liberalización de servizos públicos
O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela únese á denuncia de que a Unión Europea (UE) e os Estados Unidos de América (EUA) están a negociar, de costas á cidadanía e aos seus representantes políticos (parlamentos nacionais e europeo), un amplo acordo de liberalización de comercio e investimentos, que representa un serio perigo para a democracia e a debida protección dos dereitos laborais, ambientais e de saúde, antepoñendo o interese comercial dos investidores e empresas transnacionais (ETN) ao interese xeral.
O TTIP, ao perseguir a liberalización total dos servizos públicos e a apertura de prestación destes ás ETN, así como ás compras e licitacións de bens e servizos das Administracións Públicas, pon en perigo todos os servizos públicos e as compras públicas, en todos os niveis de poder, e compromete a habilidade dos representantes elixidos para administrar libremente as súas comunidades locais e promover a industria, emprego e iniciativas locais.
Deste modo, as leis do comercio priman sobre calquera outra consideración social, e ignoran calquera lexislación continental, estatal, autonómica ou local. As comunidades locais encóntranse elas mesmas dominadas por axustes estruturais restritivos debidos aos acordos e as políticas de libre comercio e de protección do investidor. Esta lóxica desmantela os servizos públicos e suprime a liberdade dos poderes locais para subministrar os servizos públicos e satisfacer as necesidades sociais das súas poboacións, atendendo a políticas e plans de desenvolvemento industrial e de fomento da industria e emprego locais.
As Administracións Locais, ao estar preto das necesidades dos seus pobos, teñen o deber de inxerencia respecto ao que trama o TTIP, e un deber de resposta, se non queren verse acusadas de non axudar á poboación e ao planeta en perigo. Deben ser as canles axeitadas para promover os servizos públicos e a industria e emprego locais. Están obrigadas a resolver os retos sociais, económicos e ambientais e, conseguintemente, a defender a universalidade dos servizos públicos e a protección da cidadanía.
As entidades locais desexan ampliar o debate público e democrático sobre o que está verdadeiramente en xogo tras este acordo e a sorte que correrán os servizos e compras públicos:
• O comercio e o investimento soamente poden conducir a intercambios económica e socialmente beneficiosos se respecta as necesidades humanas en todo lugar, e non se basea unicamente no beneficio dos especuladores financeiros e das empresas multinacionais.
• A eliminación programada e progresiva dos servizos públicos é ao mesmo tempo a eliminación programada e progresiva da solidariedade e a democracia.
• A apertura máxima dos servizos e as compras públicas á competencia produce efectos contraproducentes en canto á súa accesibilidade, a súa calidade e o seu custo.
• Os dereitos sociais son dereitos inalienables, polo que non poden depender exclusivamente da lóxica do mercado.
• Só a existencia diversificada de servizos públicos socialmente útiles, permite asegurar unha calidade de vida digna para todos e en todas as partes, en estreito nexo co exercicio real da democracia.
• O control público debe preservarse para garantir o acceso aos bens comúns e á creación de novos servizos públicos, así como para favorecer a industria e emprego locais.
Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de
ACORDOS
Primeiro. Declarar a Santiago de Compostela como Concello insubmiso e oposto ao TTIP, defendendo os servizos públicos básicos para a solidariedade e redistribución social
Segundo. Solicitar do Ministerio de Administracións Públicas o seu apoio a todas as iniciativas dirixidas a manter o carácter público dos chamados servizos socialmente útiles
Terceiro. Solicitar do Ministerio de Economía a suspensión das negociacións do TTIP.
Esquerda Unida Compostela - Proposta de subvencións para pago do IBI
O grupo de traballo de políticas sociais de Esquerda Unida Compostela considera que calquera Administración Pública ten que ter, entre un dos seus obxectivos principais, garantir o dereito a unha vivenda digna.
Consideramos que para que o acceso a unha vivenda digna sexa unha realidade para a maioría social é necesario destronar o actual modelo, que busca o lucro privado, tal e como se pode comprobar co pelotazo urbanístico que o PP defende coa operación especulativa de Xoán XXIII.
Dende o grupo de traballo de políticas sociais de EU Compostela, para acabar con este modelo antisocial, que ten á vivenda como un negocio e non como un dereito, apoiamos, entre outras moitas medidas, a creación dunha axencia pública municipal de aluguer social, presentada en marzo de 2012. Tamén consideramos necesaria a creación dun Servizo Municipal de Atención Integral a Persoas sen Fogar, como propuxemos en outubro de 2013.
Moitas máis medidas estruturais para acabar con este modelo especulativo son posibles, pero tamén o Concello, se é consciente da realidade que afoga a moitas veciñas e veciños, ten que tomar medidas urxentes e, aunque meramente paliativas ata mudar este sistema económico, político e social, por suposto son necesarias.
Por desgraza é unha realidade que moitas persoas teñen serias dificultades económicas para (mal)vivir, por exemplo o número de familias que teñen dificultades para chegar a fin de mes, ou nin chegan, é alarmante. Tan grave é a situación que hai veciñas e veciños que facer o pago do IBI, suponlle un gasto tan elevado que lle impide afrontar o custe de necesidades básicas para calquera persoa.
O grupo traballo de políticas sociais reclama como medida urxente que o Concello subvencione o 100% da cota do IBI das persoas en risco de exclusión social, así como unha porcentaxe progresiva da dita cota segundo a capacidade económica.
Por todo isto o o grupo de traballo de políticas sociais de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de
ACORDOS
Primeiro. O Pleno do concello da Coruña insta ao goberno municipal a establecer unha subvención ás unidades familiares que acrediten dificultades económicas en relación á suma dos seus ingresos dividida polo número de membros, segundo o seguinte baremo:
Inferior ao 100% do IPREM: 100% da súa cota do Imposto de Bens Inmobles (IBI)
Entre o 100% e inferior ao 125% do IPREM 75% da súa cota do IBI
Entre o 125% e inferior ao 150% do IPREM 50% da súa cota do IBI
Entre o 150% e inferior ao 175% do IPREM 25% da súa cota do IBI
Segundo. Proceder á súa inmediata posta en marcha e á súa publicidade durante o mes de xaneiro de 2015 e abrir o prazo de presentación de solicitudes que se manterá durante todo o ano.
Esquerda Unida Compostela - Valoración dos orzamentos do concello
O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA CONSIDERA OS ORZAMENTOS DO PP PARA SANTIAGO COMO INVIABLES E MERAMENTE ELECTORALISTAS.
O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA DENUNCIA QUE OS ORZAMENTOS DE AGUSTÍN HERNÁNDEZ PRIORIZAN OS GASTOS SUPERFLUOS EN LUGAR DO BENESTAR DAS VECIÑAS E VECIÑOS.
O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera que os orzamentos presentados polo Concello de Santiago de Compostela para o ano 2015 son de imposible viabilidade e as súas prioridades, un ano máis, son as grandes obras e os gastos superfluos en vez do benestar da veciñanza e paliar as inxustizas sociais da nosa cidade.
O Partido Popular preséntanos uns orzamentos con dubidosas prioridades. Partidas de obras non necesarias con contías elevadas fronte ás partidas de acción de social, de promoción do emprego ou de vivenda. O PP compostelán comezou con este orzamento a súa campaña electoral para as vindeiras eleccións municipais. Promesas de grandes gastos vistosos para a foto de inauguración, mais esquecendo o futuro, o custo de mantemento.
Este goberno municipal non fixo os deberes como alardea o alcalde, os orzamentos son irreais, inflados, inviables, establecen gastos en investimentos sen ter garantida a súa contrapartida en ingresos, dependendo esta da venda de terreos propiedade do Concello. E para Esquerda Unida non se pode facer negocio co patrimonio público do solo. O Partido Popular presume da rebaixa do IBI urbano en 0.03, parece esquecer que só fai 2 anos a veciñanza de Compostela sufrimos un incremento neste imposto de case o 14 %. As contas demostran a precaria situación do noso Concello, froito da pésima xestión de anos, endebedado, tendo que empregar o remanente do ano 2014, máis de 5 millóns de euros, ao pago da débeda.
Para o Consello Comarcal de Esquerda Unida nestes tempos de crise, de emerxencia social, cómpre un orzamento que procure o benestar social da veciñanza, que loite contra os elevadísimos niveis de desemprego da comarca, contra os desafiuzamentos, contra a precariedade da mocidade e das mulleres, contra a lacra da violencia machista e contra o risco de exclusión social en que se atopa 1 de cada 5 persoas veciñas de Compostela. Pola contra, dende o PP propoñen altas contías para partidas non necesarias fronte as de promoción do emprego, de acción social, muller ou mocidade. Máis externalización e privatización de servizos en vez de creación de emprego estable e en condicións dignas. As oligarquías locais son as que seguen controlando os orzamentos da veciñanza. Tamén é preciso que o Concello actúe contra a homofobia que poida existir na cidade acometendo, entre outras medidas, campañas de concienciación debidamente orzamentadas e elaboradas.
A humanización de rúas do centro compostelá que se atopan en perfecto estado teñen o dobre de investimento que as escolas infantís de xestión municipal. Similar gasto en festexos, máis dun millón de euros, que nas partidas destinadas as políticas de emprego. Un maior gasto en subvencións ás compañías aéreas que nos servizos de atención aos dependentes.
O programa de políticas de seguridade vese incrementado nun 55%, nunha das cidades con menor índice de criminalidade de Europa. O gasto en seguridade alcanza case oito millóns de euros. Un dos programas do orzamento con máis fondos, fronte as ridículas contías destinadas ás políticas de promoción de vivenda social ou ás persoas máis necesitadas.
Esquerda Unida Compostela - Demanda de mantemento do proxecto de pisos protexidos en Xoan XXIII
O consello comarcal de Esquerda Unida Compostela oponse á especulación urbanística que o PP quere levar a cabo en Xoan XXIII, e esixe que acometa, o antes posible, o proxecto planificado de pisos protexidos en réxime de aluguer para a mocidade con rendas baixas.
o consello comarcal de EU Compostela reitera a necesidade de mudar este sistema especulativo e deleznable, que convirte o dereito á vivenda nun privilexio, propoñendo medidas que, entre outras cuestión, fomenten o aluguer social.
O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela manifesta que unha das labores fundamentais de calquera Administración Pública é a de velar por garantir un dos dereitos máis fundamental e básico das veciñas e veciños. O dereito a unha vivenda digna.
Teméndonos o peor, ou intuíndo que a lóxica especuladora e neoliberal do Partido Popular aparecería, en marzo de 2012 presentamos unha pregunta ao Concello requirindo saber cales eran as intencións do goberno local respecto ao proxecto de vivendas públicas en aluguer en Xoán XXIII. Hoxe temos resposta. Unha nova resposta do PP que vela polo lucro privado e non polo beneficio da maioría social.
O Consello Comarcal de EU Compostela manifesta o seu máis profundo rexeitamento a que o Partido Popular, tanto na Xunta como no Concello, abandone o proxecto inicial de Xoán XXIII para entregalo á especulación inmobiliaria. Permitindo que nesa zona “privilexiada” da cidade sexa vivenda libre, é dicir cara e para unha minoría que a poda pagar, a que se erga en lugar dos pisos protexidos que prestarían o servizo público e social que a cidadanía demanda.
Xa é máis que evidente que o PP hipotecou, coa súa nefasta xestión e execrable política, o futuro desta cidade por moito anos. Pero o que é inadmisible que o individuo Agustín Hernández acometa semellante medida cando carece de lexitimidade. Pode ser que o seu goberno sexa legal, mais non é democrático, e por suposto é un insulto á cidadanía que a escasos meses dunhas eleccións municipais, nas que un novo equipo de goberno terá que corrixir a desfeita do Partido Popular, este “alcalde” destrúa un proxecto necesario para a cidade, trasladando as vivendas sociais que necesitan as veciñas e veciños ás aforas da cidade, como se fose un concepto gueto
Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela reiteramos a necesidade de mudar este sistema político, económico e social que impide o acceso a unha vivenda digna a moitas persoas. Por iso creemos no fomento do aluguer social como medio para alcanzar unha sociedade xusta no que o acceso a un fogar digno sexa unha realidade.
Demandamos, entre outras moitas medidas, a creación dunha axencia pública municipal de aluguer, tal e como xa propuxemos mediante unha moción en marzo de 2012, co obxectivo de incentivar a posta a disposición da cidadanía de vivendas en aluguer social. Reiterando, unha vez máis, a elaboración dun censo de vivendas baleiras para aplicarlles a recarga máxima no IBI que permita a lei, e así fomentar a súa posta en aluguer, por exemplo, a través a mencionada axencia municipal.
Esquerda Unida - Acto pro Palestina en Historia
Mañá martes, 2 de decembro, ás 20:00 na aula 14 da facultade de Historia acto de solidariedade con Palestina.
Participará Manu Pineda, activista pro dereitos humanos (na asociación Unadikum http://asociacionunadikum.org/). Testemuña directa dos crimes cometidos polo exercito israelí contra a poboación civil na Franxa de Gaza, de onde acaba de regresar.
Tamén participará Noa Morales Sánchez, investigadora, que está a realiza-la súa tese sobre a seguridade cultural en Palestina e a destrucción so seu patrimonio.
Esquerda Unida Compostela - Moción polo 25N
Para a Área de Mulleres de Esquerda Unida Compostela a valoración do tráxico balance ao longo deste ano, marcado polo alarmante aumento, de agresións sexuais, vexacións verbais e asasinatos de mulleres en todo o Estado, e a nula reacción dos poderes públicos, corroboran que as relacións entre homes e mulleres seguen a construírse sobre bases patriarcais que apuntalan a desigualdade e a discriminación machista.
Neste contexto de desigualdade e discriminación patriarcal onde se enmarcan todo tipo de agresións contra as mulleres. Só unha sociedade fundamentada e asentada na igualdade real, impediría que a crise económica puidera servir de pretexto ou explicación.
O feito de que a mesma imaxe do corpo da muller como simple obxecto que se proxectan moitos medios de comunicación e de publicidade, e inclusive dende espazos sociais e políticos con declaracións e comportamentos atentatorios e denigrantes ás mulleres, mandan unhas mensaxes sexistas de gran calado, que en gran medida promoven e suscitan implicitamente a violencia machista e a desigualdade.
Dende a Área de Mulleres de EU Compostela propoñemos ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de.
ACORDOS:
Primeiro. Que as políticas as estratexias que se implementen para previr as agresións sexistas partan dunha educación afectivo-sexual a todos os niveis que facilite desenvolver unha sexualidade baseada no respecto e a igualdade real entre mulleres e homes
Segundo. Reforzar os recursos económicos e humanos destinados ao desenvolvemento de políticas de igualdade activas, integrais e participativas, pola consecución dunha Sociedade libre de violencia de xénero, na liña do apuntado polo Convenio de Istambul sobre prevención de violencia de xénero e as propostas enunciadas polos colectivos feministas.
Esquerda Unida Compostela - Carta aberta de Xavier Ron
Desde a nosa tradición de esquerda, transformadora e anticapitalista, levamos moito tempo en ESQUERDA UNIDA traballando desde o convencemento de que existe unha alternativa ao sistema capitalista, hoxe transformado nun verdadeiro monstro cobizoso baixo a súa faciana neoliberal.
Xa hai un lustro que nos dimos conta de que sós non se vai a ningures. Que o rival é demasiado poderoso como para que pequenos átomos acudan a loitar contra ese xigantesco Goliat. Así naceu o proceso da Refundación da Esquerda en Esquerda Unida que fraguou no 2012 na conformación da coalición Alternativa Galega de Esquerda, con representación no Parlamento de Galicia.
Mais as urxencias son demasiadas. Son moitas as frontes. Ningún eido queda liberado das gadoupas dos recortes, deste austericidio que empurra á pobreza a cada vez máis persoas. Un sistema de vida que nos quere submisos e resignados.
Chegou o momento de traballar con honestidade, con xenerosidade e con sinceridade para avanzarmos na conformación de procesos de confluencia, de converxencia das diferentes forzas políticas, sociais e cidadás desexosas de artellar un programa de acción destinado a debuxar no futuro a esperanza da transformación desta sociedade e deste sistema de vida. Todo desde un dobre enfoque: reducir as diferenzas que nos separan ao mesmo tempo que as respectamos no esencial.
Un programa de acción que debe asentarse no principio primordial de devolver a democracia á cidadanía. Con vistas a elaborar as liñas mestras deste programa, Esquerda Unida lanza en Galicia unha serie de actos públicos baixo o lema #ENCONTRO PARA UN NOVO PAIS.
En Compostela, o xoves 23 de outubro, ás 20h15, na nosa sede da rúa Dublín, no barrio de Fontiñas, terá lugar unha Asemblea Aberta destinada a dialogar, debatir e achegar propostas para contribuír no deseño dese programa de acción. Para iso, é esencial que o maior número de persoas, organizadas ou non en colectivos de acción social, decidan achegar a súa perspectiva.
Coa presente carta desexamos, polo tanto, convidarte a que participes nesta Asemblea Aberta de Compostela e axudes na dura tarefa de conformar o programa de acción que nos defina a todos e todas. Ao mesmo tempo, como podes comprobar na documentación que se adxunta con esta convocatoria, quedas convidado ou convidada ao acto central de Galicia, que terá lugar o vindeiro sábado 25 de outubro no Paraninfo da Universidade de Coruña ás 12:30, onde contaremos coa presenza do compañeiro Alberto Garzón (responsable do proceso constituínte) e a compañeira Lara Hernández (secretaría de converxencia). Para que poidas asistir a este acto de A Coruña poñemos de forma gratuíta e a vosa disposición un autobús que saírá de Compostela ás 11 horas. Aquelas personas que queiran ir nese bus terán que enviar un correo electrónico ao correo da comarca (eu-santiago@esquerdaunida.org) dando o nome, correo electrónico e número de teléfono. Como día tope para avisar será este xoves ás 24 horas ou ben indícalo na própia asemblea do xoves. Para calquera cuestión tamén podes chamar a José M. Tubio –organización EU Compostela- ao teléfono 682 623 090
Esquerda Unida - Moción elección democrática de alcaldes
Para o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela o ámbito local é un espazo complexo e plural, a primeira instancia para a resolución dos problemas da cidadanía e para a mellora das condicións de vida da xente.
Os Concellos son o principal dique de contención contra a crise, una espazo de resistencia, de dignidade, de defensa dos dereitos da cidadanía, onde se xeran alternativas sociais e económicas para paliar os efectos da crise e dos recortes.
O Consello Comarcal de EU defendemos un modelo de goberno local de proximidade, un modelo que desenrole a autonomía local e as competencias, con recursos suficientes para facelas efectivas.
A educación, os servizos sociais, as políticas de igualdade, a cultura, a solidariedade e o dereito á vivenda son as claves da vertebración municipal e a construción da cidade que demandan as veciñas e veciños.
Os Concellos son a expresión máis evidente da chegada da democracia: concelleiros e concelleiras, alcaldes e alcaldesas, escollidos para satisfacer as demandas dos seus veciños e veciñas. Desde ese principio de administración máis próxima, configuráronse os Concellos como as entidades que visualizaron a democracia e que representaron a primeira experiencia, ata agora irreversible, de descentralización política.
A democracia no é compatible cun goberno municipal que non reflicta a maioría dos votos expresados nas eleccións. Iso significa que unha lista municipal non pode ter a maioría de goberno e, consecuentemente, a alcaldía, se non ten o respaldo da maioría dos votantes, expresada por un sistema de representación política constitucionalmente establecido.
A democracia quedaría seriamente afectada e os criterios de proximidade e participación vulnerados. A maioría das veciñas e veciños verían a alcaldes e alcaldesas como cargos públicos afastados da realidade social e non queridos
Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de
ACORDOS
Primeiro. O Pleno do Concello manifesta a súa oposición a calquera reforma relativa ao método de elección de concelleiros/as e alcaldes/sas das Corporacións Locais e, moi especialmente a:
a) A atribución de calquera prima de representación por concelleiros á lista ou listas máis votadas, por vulnerar os principios de proporcionalidade e voto igual establecidos constitucionalmente.
b) A atribución da alcaldía á lista máis votada, cando non teña o respaldo da maioría dos concelleiros elixidos en voto igual mediante un sistema proporcional e constituídos no Pleno do Concello.
c) A constitución do Pleno Municipal por concelleiros/as que non foran elixidos/as no mesmo acto electoral mediante sufraxio universal, igual, libre, directo e secreto, tal como establece o art. 140 da Constitución Española
Esquerda Unida Compostela - En defensa da música de rúa
O Consello Comarcal de EU Compostela pide explicacións ao concello pola prohibición de tocar no arco da praza do obradoiro aos músicos da rúa
O Consello Comarcal de EU demanda ao concello que dea marcha atrás ao estar prexudicando o traballo dos músicos e un dos atractivos turísticos da praza
Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela sempre defendemos e defenderemos todo tipo de expresión cultural que enriqueza as rúas da cidade, o que ao mesmo tempo é un creador de beleza para os e as habitantes da capital galega.
Recentemente, unha destas actividades, cunha longa tradición ademais, vén de ser eliminada por unha nova normativa do Concello que impide a realización de concertos no arco da Praza do Obradoiro, eliminando así o sustento dunha importante cantidade dos músicos da rúa de Compostela.
O Concello, así, non só está a atacar unha actividade económica lexítima, senón que ademais está a danar o atractivo turístico da mesma Praza do Obradoiro e do Camiño de Santiago, posto que a música do arco é un dos reclamos máis populares da cidade, onde a música daba a benvida aos peregrinos e peregrinas esgotadas pola longa viaxe.
Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela pedímoslle ao Concello que dea explicacións públicas sobre esta prohibición, que recúe e que manteñan unha xuntanza cos músicos da rúa damnificados para así poder volver á normalidade canto antes.
Por último, expresar a nosa solidariedade cos músicos da rúa composteláns e, ademais de enviarlles o noso apoio nesta loita, agradecerlles o seu traballo diario, que fai desta cidade un lugar especial.
Esquerda Unida Compostela - Oposición a que o profesor Neira se reincorpore a docencia
O consello comarcal de Esquerda Unida Compostela e aleas-eu opóñense a que Domingo Neira García se reintegra á docencia na USC
O Consello Comarcal de EU Compostela e aleas-eu demandan que dende as distintas institucións públicas se debe dar exemplo na loita contra a homofobia.
O Consello Comarcal de EU Compostela e ALEAS-EU manifestamos a nosa total repulsa e condena á homofobia aínda hoxe existente na sociedade, e reiteramos o noso compromiso na loita contra a erradicación desta lacra que atenta contra os dereitos do colectivo LGTBI
No día de hoxe, fíxose público que o profesor Domingo Neira García, o docente homófobo e misóxino de Maxisterio Infantil ao cal se lle abrira un expediente polas súas leccións de odio, reintégrase á docencia na USC, logo de cumprir unha sanción disciplinaria (suspensión da posibilidade de impartir clases e retirada de soldo, durante dous meses) como consecuencia das denuncias do alumnado contra esta persoa.
Non se pode permitir que a USC reincorpore a Domingo Neira na docencia, e máis aínda despois de que o mesmo órgano directivo da universidade emitise un comunicado o pasado día 28 de xuño – Día Internacional do Orgullo LGTBI – declarando e manifestando o seu compromiso coa comunidade LGTBI e que traballará a favor da igualdade entre persoas con independencia da súa orientación sexual.
Ao reincorporar ao profesor Neira, a Universidade de Santiago de Compostela denota que as súas palabras están baleiras, que a única finalidade de dito comunicado é favorecer a súa imaxe. É dicir, que nos utilizan, que non pensan no seu alumnado nin cren na igualdade senón que defenden a unha persoa que incita ao odio, poñen de manifesto que non lles preocupa o alumnado, moito menos o que pertence ao colectivo LGTBI.
O estudantado compostelán e a cidadanía en xeral non deben e non poden aturar que unha institución pública como a USC integre elementos reaccionarios e retrógrados, que se forme aos mestres e mestras do futuro no odio e na discriminación, en mentiras máis propias do franquismo.
A impasibilidade desta universidade ante as diversas denuncias do alumnado, sentan precedentes para que a nosa resposta ante esta situación sexa aínda máis contundente. O estudantado e o colectivo LGTBI esixe a retirada de Domingo Neira da docencia, e esixímolo xa. Do contrario, xa advertimos de futuras accións e mobilizacións no próximo curso académico.
Dende a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU) sumámonos e volvemos a reiterar as queixas e esixencias de expulsión que no seu día demandara o alumnado de maxisterio da USC contra este profesor. FÓRA DOMINGO NEIRA DA USC! FÓRA A LGTBIFOBIA DA UNIVERSIDADE!.
Esquerda unida Compostela - Moción sobre o Día internacional do orgullo LGBTI
En poucos días chega o 28 de Xuño, día internacional do Orgullo LGBTI, unha data que simboliza o valor, o esforzo e o sufrimento de moitas persoas que ao longo da historia e na actualidade loitaron e seguen loitando polo recoñecemento dos seus dereitos e liberdades.
Sen dúbida falamos dun día importante para a comunidade LGTBI, xa que moitas persoas gozamos hoxe de logros sociais en materia de igualdade froito das loitas do pasado. Grazas ao activismo LGTBI, estamos comezando a vivir en sociedades cada vez máis saudábeis nas que os ríxidos moldes culturais heteronormativos pouco a pouco vanse crebando.
A memoria colectiva é aquilo que evita que as sociedades repitan erros xa superados. Por iso, nin as institucións nin a sociedade debemos esquecer a nosa historia machista e manchada de LGTBIfobia. E polo mesmo motivo, as institucións deben recoñecer os erros que se cometen aínda: falamos do enorme retroceso ao que se está sometendo á cidadanía do Estado Español coas políticas austericidas e heteropatriarcais que viñeron aprobándose nos anteriores gobernos centrais e autonómicos e que afectan especialmente a esta comunidade. Políticas que poñen en grave perigo os logros sociais conseguidos e que nos retrotraen ao pasado en canto a dereitos e liberdades que dabamos por adquiridos.
Xa abonda de hipocresía: o goberno do Partido Popular ao mesmo tempo que se proclama defensor da Vida, vota en contra dos dereitos de transexuais e transxénero; recorre nos Tribunais o matrimonio igualitario; condena a educación sexual e no respecto á diversidade de xénero; nega asilo político a persoas LGTBI; condena a traballadoras e traballadores a “volver aos seus armarios” porque xa non teñen forma de defender os seus dereitos no ámbito laboral; recorta en sanidade así como tamén discrimina ás mulleres lesbianas, bisexuais e solteiras ao non permitirlles acceder aos programas de reprodución asistida.
Pero ademais, non só mina o avance en dereitos LGTBI de cara ao seu conservador electorado, senón que ás furtadelas pacta co empresariado rosa para monopolizar os beneficios do Orgullo na cidade de Madrid e no resto de cidades do Estado. En definitiva, o Partido Popular mercantiliza os dereitos das persoas LGTBI, e isto é intolerábel.
O 28-X é a data na que conmemoramos que un grupo de camioneiras, travestis e maricas de clase baixa alzáronse contra a represión policial, loita que non pode caer no esquecemento e que recoñecemos como pioneira para o logro dos avances en igualdade e liberdade, loita grazas á cal avanzamos cara unha sociedade máis xusta e libre.
Entendemos que aínda que se deron pasos cara a unha igualdade social real, queda moito camiño por percorrer, quedan espazos que conquistar e loitas que reivindicar desde os movementos sociais, tanto dentro como fose do Estado Español.
A nosa obrigación como representantes do pobo é non dar as costas a todo iso, porque as loitas xustas son imparábeis e, se non é co noso apoio, será pese a nós.
Por todo iso dende ALEAS EU Compostela elévanse ao pleno os seguintes
ACORDOS
Primeiro. Realizar unha campaña de denuncia contra a homofobia, lesbofobia, bifobia e transfobia, así como comprometerse a poñer en marcha un programa de medidas para erradicar esta lacra social..
Segundo. Solicitar ao goberno que promova a despatoloxización das identidades transexuais e intersexuales, sen que os dereitos sexuais e sanitarios destas persoas véxanse prexudicados.
Terceiro. Elevar a petición aos gobernos central e autonómico de que presionen aos países que aínda hoxe condenan as orientacións sexuais e identidades de xénero non normativas, para que respecten a resolución das Nacións Unidas e as despenalicen, principalmente, a aqueles países onde aínda persiste a pena de morte, utilizando para iso as relacións bilaterais e multilaterais existentes a través das políticas públicas de carácter económico e político, fundamentalmente, nas de cooperación internacional ao desenvolvemento.
Cuarto. Reclamar ao Goberno central unha rectificación en canto á denegación de asilo a persoas que así o solicitaron, logo de acreditar que as súas vidas corrían serio perigo ao ser perseguidas por motivo de orientación sexual ou identidade de xénero. Esixir unha maior sensibilidade institucional fronte a situacións dramáticas que chegan a nós desde outros contextos xeopolíticos nos que, aínda a día de hoxe, queda un longo camiño por percorrer en materia de dereitos humanos..
Quinto. Expresar un compromiso real contra os recortes sociais, especialmente aqueles referidos á prevención e o tratamento do VIH, e sobre todo, no caso das persoas migrantes. Así como tamén realizar unha defensa real da sanidade pública e universal.
Sexto. Defender unha educación pública, laica, de calidade e que atenda á diversidade creando un espazo educativo san onde reinen os valores democráticos. Se insta a requirir ao Goberno autonómico, en base ás súas competencias en materia de educación, a introdución da diversidade afectivo sexual e familiar no currículo académico. Tamén se insta a impulsar nos centros educativos do municipio a creación e posta en marcha de Tutorías de Atención á Diversidade Afectivo-Sexual.
Sétimo. Adquirir un compromiso institucional firme de face á inserción sociolaboral de acódelas transexuais, que constantemente sofren situacións de discriminación laboral e taxas de desemprego de máis do 50%, por medio do deseño e imprementación dun plan municipal de inserción laboral de acódelas transexuais. Ademais impoñer sancións naqueles ámbitos de traballo dos que haxa denuncias por motivos de discriminación por motivos de orientación sexual ou identidade de xénero.
Oitavo. Simbolizar o firme compromiso deste concello coa igualdade e os dereitos do colectivo LGTBI colocando o 28 de xuño a bandeira arcoíris, ensina da diversidade, nos edificios públicos municipais.
Noveno. A colocación da bandeira LGTBI no Concello. Así mesmo, instarase a que se coloque nos edificios do goberno autonómico, como o Parlamento ou a Xunta de Galicia, e noutras institucións públicas galegas e estatais
Décimo. Instar ao Parlamento de Galicia á impulso, xunto co tecido asociativo LGTBI, dunha Lei real de Visibilidade e non Discriminación LGTBI galega, que defenda realmente os intereses do colectivo e que conte coa súa máxima participación no proceso.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)
