Últimos días para inscribirse na XII Milla Urbana do Concello de Ames
A cita terá lugar o domingo 17 de xuño a partir das 11:00 horas na Travesía do Porto, situada no Milladoiro. Todas as persoas que estean interesadas en participar nesta proba terán de prazo para apuntarse ata o día 15 de xuño ás 14:00 horas. As inscricións realizaranse enviando un correo electrónico a inscricionsFGAsantiago@gmail.com
A Milla
Urbana chega este ano á súa duodécima edición. Un ano máis o
Concello de Ames organiza esta carreira na que as persoas
participantes, tanto atletas profesionais como afeccionados
percorren unha milla, algo máis de 1.600 metros, excepto
para as categorías inferiores (prebenxamín, benxamín e
alevín). Nesta ocasión, a cita terá lugar o domingo 17 de
xuño a partir das 11:00 horas na Travesía do Porto, situada
na localidade do Milladoiro. Todas as persoas que estean
interesadas en participar nesta proba terán de prazo para
apuntarse ata o día 15 de xuño ás 14:00 horas. As
inscricións realizaranse enviando un correo electrónico a inscricionsFGAsantiago@gmail.com.
A Milla Urbana é unha
carreira que ano tras ano segue espertando o interese de
atletas pertencentes a clubs profesionais e de todas aquelas
persoas que gozan correndo por entretemento e diversión. Os e
as participantes deben percorrer unha milla, é dicir, máis dun
quilómetro e medio, por algunhas rúas do Milladoiro fixadas no
circuíto que ten a saída e a chegada na área deportiva do
Milladoiro. Esta carreira pódese celebrar grazas á
colaboración da Deputación da Coruña, da Policía local de
Ames, Club Atletismo Sar, Club Atlético Bertamiráns, Club de
Atletismo Milla Raio, Construcións e Promocións Blanco
Barreiro, Cruz Vermella de Santiago de Compostela, Coca Cola,
Base Centro Deportivo e Super Cor.
Non existe límite de
participación en canto á idade. Para iso establécense
diferentes categorías segundo o ano de nacemento dos
deportistas: prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete,
xuvenil-júnior, promesa-sénior e cinco grupos de veteranos. As
tres primeiras categorías deberán completar un circuíto cunha
distancia axeitada á súa idade, polo tanto menos dunha milla.
Tampouco hai esixencias especiais en canto á súa cualificación
deportiva, dado que non é necesario ter licenza federativa nin
tampouco pertencer a ningún club. O que si é necesario é estar
inscrito para poder correr.
As probas contarán co
control técnico da Federación Galega de Atletismo. O
regulamento recolle algúns aspectos que cómpre destacar, como
son o feito de que se poderán retirar os dorsais ata media
hora antes do inicio da proba ou que as saídas se irán dando a
intervalos de 10 minutos para cada categoría. O control dos
tempos pecharase así que transcorra o dobre do tempo empregado
polo vencedor na categoría correspondente. Ademais, tamén se
establece que os tres primeiros clasificados en cada categoría
levarán cadanseu trofeo. Neste sentido, os vencedores terán
que acreditar a súa idade presentando o carné de identidade ou
ben o pasaporte.
Poñerase
a disposición de quen o desexe un servizo de duchas no
pavillón polideportivo do Milladoiro. Para calquera dúbida
poderase chamar ao teléfono 981884991 pertencente a Oficina
de Cultura e Deportes. As inscricións realizaranse ata o día
15 de xuño, ás 14:00 horas, enviando un correo electrónico a
inscricionsFGAsantiago@gmail.com


Ningún comentario:
Publicar un comentario