Santiago - Sarabela Teatro e Arte Libre do Brasil pechan a programación de teatro and Danza


‘Tango’ de Sarabela Teatro e ‘O retrato de Dorian Grey’ de Teatro Arte Livre pechan a programación de Teatro&Danza

  • ‘Tango’ poderá verse os días 15 e 16 ás 21.00h no Teatro Principal dirixido por Ánxeles Cuña e con Fina Calleja e Fernando Dacosta, entre outros.

  • ’O retrato de Dorian Grey’ chegará ao Principal os días 19 e 20 baixo a dirección de Roberto Cordovani e con Bruno Portela, Javi Toste e Cristina Collazo.


 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou esta mañá as dúas últimas obras que teremos dentro do programa Teatro&Danza antes do verán. Fíxoo acompañado de Fina Calleja e Fernando Dacosta de Sarabela Teatro e Roberto Cordovanie  Bruno Portela de Compañía Internacional de Teatro Arte Livre. Os primeiros presentaron ‘Tango’ que poderemos ver os días 15 e 16 deste mes e os segundos ‘O retrato de Dorian Grey’ que estará os días 19 e 20. As entradas, 10€ (6€ no anfiteatro) para ‘Tango’ e 12€ (9€ no anfiteatro) para ‘O retrato de Dorian Grey’ poden mercarse na billeteira do Teatro Principal. As de ‘Tango’ ademais están á venta tamén en Novagaliciabanco.

 “Tango” de Slawomir Mrozék é unha das obras máis relevantes do teatro europeo en todo o mundo. Reclama a necesidade dunha nova comprensión dos tempos que vivimos. A acción desenvólvese na casa dunha familia moi particular. A extravagante avoa Lilith e a tía Xena, aparentemente inofensiva, son as representantes da xeración máis vella. O pai, de nome Stomil e a nai, Eleanora, son artistas que pertencen a unha vangarda desaparecida, que se manifesta a favor da liberdade do individuo e que se comporta de xeito descoidadamente “informal”. O fillo, Artur, que estuda tres carreiras, e Ala, a súa moza, son os membros máis novos. Prepáranse para casar con toda a “pompa” e crear así unha nova familia. Porén, primeiro Artur cre que ten que ordenar o caos que impera ao seu redor. Tamén habita a casa un misterioso estranxeiro... O drama comeza cando a un certo Hamlet lle dá por ordenar o mundo.

Pola súa banda, ‘O Retrato de Dorian Gray’ de Oscar Wilde revélase actual e rico de contido, envolvendo a busca da perfecta realización sexual e a afirmación dunha arte que vale por si mesma. A espantosa historia dun home que se mantén mozo mentres o seu retrato envellece, mostrando sinais de súa degradación física e moral. Esta obra estreouse orixinalmente en 1991 e agora reestréase mantendo só fiel ao orixinal o decorado, do paisaxista brasileiro xa falecido Roberto Burle Marx e que recibiu o en 1994 o Premio Compostela de Teatro; e a banda sonora, orixinal da obra creada unha boa parte en percusión Afro e mesturada coa música clasica de Mussorgsky.

Ningún comentario: