Teo - éxito do mercado de alimentos labregos (galería de fotos)

MÁIS DE CINCOCENTAS PERSOAS ACODEN AO INICIO DO MERCADO DE ALIMENTO LABREGO DE TEO

Concello aposta por este mercado semanal de venda directa de produtos de tempada e agarda incrementar o número de vendedores

·        Algún dos postos mesmo agotou a mercadoría que trouxera antes das dúas da tarde, momento en que rematou o mercado


 O Mercado de Alimento Labrego de Teo comezou hoxe a súa andaina con éxito. Máis de cincocentas persoas achegáronse durante esta mañá ata a praza dos Tilos para coñecer e mercar os diversos alimentos de tempada ofrecidos por quince produtores da zona. O mercado, que organizan o Concello e o Sindicato Labrego Galego, repetirase todas as mañás dos sábados, entre as 10 e as 14 horas.

O balance que fan os responsables dos postos é moi satisfactorio, a pesar de que a meteoroloxía desta mañá estivo un pouco revolta. Destacan tanto o ambiente que se creou co público, nun espazo de encontro social, como o nivel de vendas, superior ao que agardaban. Algúns dos postos, como o dun vendedor de leite e queixo ecolóxicos de Lalín, mesmo agotaron a mercadoría antes de que rematase o mercado, a eso das dúas da tarde. Foi a esa hora cando se sorteou unha cesta con produtos do mercado entre todos os clientes desta xeira, unha iniciativa dos produtores para incentivar a participación da xente e as vendas.

Este excelente inicio fai que todos os expositores confirmasen xa que van repetir a vindeira semana. O propósito da organización é precisamente que o mercado se consolide e incremente o número de vendedores. Nese aspecto incidiron o alcalde de Teo, Martiño Noriega, e o concelleiro de Emprego, Anxo Rei, que acudiron a coñecer as impresións de clientes e produtores e aproveitaron para mercar.

O goberno municipal considera que esta iniciativa de venda directa ten o doble valor de ofrecerlles aos cidadáns uns produtos fiables e de calidade, por unha parte, e de servirlles aos produtores da zona como unha alternativa de futuro e de xeración de emprego, por outra.

A propia distribución do mercado fixo tamén que as vendas se repartisen homoxeneamente entre todos os expositores. Diferenciáronse catro tipoloxías de productos, todos caracterizados por ser locais e de tempada: os de agricultura sostible, que son os obtidos sen a utilización de elementos químicos industriais; os de agricultura ecolóxica, que distingue os seus produtos con certificados oficiais de calidade; os produtos de transformación local, procedentes de cultivos ou produccións propias; e os alimentos naturais de mercado.

A variedade do mercado é, por tanto, moi considerable. No apartado de froitas e verduras non faltaron acelgas, cebolas, ceboletas, chícharos, fabas secas, espinafres, faba loba, morangos, leitugas, patacas, porros, repolo, verza, noces, cereixas, limóns, laranxas ou amorodos. E ademais estiveron dispoñibles queixos e leite de producción ecolóxica, pan, galletas, biscoitos ou empanadas caseiros, así como zumes naturais e marmeladas ecolóxicas con etiqueta, mel, ovos ou fariñas de diverso tipo, e mesmo herbas e prantas aromáticas.

Campaña previa
A posta en marcha deste mercado veu precedida por unha campaña de sensibilización dirixida aos consumidores e consumidoras. Consistiu nunha serie de catro charlas informativas sobre a importancia dunha alimentación de tempada baseada en produtos sanos e de calidade, e como este tipo de mercados locais a poden garantir.

Non obstante, o xermolo desta iniciativa foi un curso de agricultura ecolóxica que o Concello, en colaboración co SLG, desenvolveu en 2011. Foi unha acción formativa que tivo unha excelente acollida, e o interese dos produtores asistentes motivou que se escollese Teo para crear o novo mercado.



Ningún comentario: