A Campaña Municipal de Animación á Lectura do Concello de Santiago de Compostela cumpre 15 anos e vaise inaugurar hoxe, ás 10:45 horas na Galería Sargadelos, coa visita dos primeiros grupos de escolares: os alumnos e alumnas do CEIP Raíña Fabiola asistirán á sesión de contacontos e música, mentres que os do CEIP López Ferreiro serán os primeiros en participar nos obradoiros de ilustración que impartirá o artista plástico Óscar Villán, Premio Nacional de Ilustración, ao tempo que Alberto Barreiro coordinará o taller de escrita creativa co alumnado do colexio San Jose de Cluny. Ademais, o profesorado dos centros educativos inscritos nesta XV Campaña Municipal de Animación á Lectura que organizan o Departamento de Educación do Concello de Santiago e a editorial KALANDRAKA, terán unha sesión informativa, que se celebrará mañá ás 18:30 horas.
Xunto coas sesións de contacontos para nenos e nenas de Educación Infantil e 1º ciclo de Educación Primaria, e os obradoiros de ilustración e de escrita creativa para escolares de 2º e 3º ciclo de Primaria, respectivamente, outro dos aspectos salientables da Campaña é a exposición de ilustracións e de libros: “Ícaro”, de Federico Delicado, que gañou o VII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, é a obra destacada nesta mostra, á que lle seguen títulos como “O patiño feo”, con ilustracións da galega Ana Sande; “Orellas de bolboreta”, ilustrado polo brasileiro André Neves; ou “Non hai berce coma o colo”, con imaxes da barcelonesa Mariona Cabassa.
Precisamente, Federico Delicado vai impartir unha charla dirixida a educadores e aberta ao público, o xoves 9 de abril, ás 18:30 horas, co lema “O voo do debuxante”, na que vai detallar as claves creativas de “Ícaro”, repasar anteriores traballos seus e expoñer a súa idea sobre a importancia da arte na formación do alumnado.
Ademais das actividades escolares que terán lugar na Galería Sargadelos, o equipo de animación á lectura realizará -do 28 ao 30 de abril- actividades para nenos e nenas de 0 a 3 anos nas escolas infantís de Conxo, As Fontiñas, San Roque, Polígono do Tambre, Trasparlamento e Salgueiriños.
Por outra banda, a Campaña de Animación á Lectura estará aberta á participación da cidadanía compostelá: o sábado 25 de abril haberá dúas sesións de contacontos para bebés, ás 11:30 e ás 12:30 horas, con reserva previa, destinadas a iniciar no libro e na lectura os pre-lectores, as súas nais e pais, con materiais específicos á idade dos meniños, como a colección de contos “Do berce á lúa”, de KALANDRAKA, baseada no concepto de pictograma poético ou poegrama.
Tamén haberá unha sesión de contos e música para as familias, o sábado 11 de abril ás 12:00 horas. Igualmente, a clausura da XV Campaña Municipal de Animación á Lectura, que se celebrará o sábado 9 de maio ás 12:00 horas, estará dirixida a nenos e nenas, nais e pais, profesorado e persoas interesadas.
VIII PREMIO COMPOSTELA
No marco da XV Campaña de Animación á Lectura darase a coñecer o fallo do xurado do VIII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado.
A gañadora da primeira edición foi a arxentina Natalia Colombo, autora e ilustradora da obra titulada “Cerca”. Na seguinte convocatoria, o mexicano Felipe Ugalde recibiu o galardón por “Un gran soño”. O autor Pep Bruno e a ilustradora Mariona Cabassa foron distinguidos na terceira edición polo libro “A familia C”. O uruguaio Martín León Barreto gañou a cuarta convocatoria, co álbum “A viaxe de Olaf”. Seguiulle “Bandada”, dos mexicanos Julia Díaz e David Álvarez. Na sexta edición a obra elixida foi “Mamá”, da arxentina Mariana Ruiz Johnson. De 21 países viñeron os 255 álbums presentados á convocatoria do pasado ano, na que foi premiado “Ícaro”, de Federico Delicado. Ao longo da súa historia, o Premio Internacional Compostela ten recibido preto de 2.400 orixinais.
A Campaña de Animación á Lectura do Concello de Santiago persegue achegar a lectura e a escritura aos nenos e nenas, nun marco agradable e motivador que favoreza a escoita, ademais de poñer en valor as creacións plásticas, literarias e musicais, favorecendo que o público infantil desenvolva unha conciencia crítica e selectiva das súas lecturas. Tampouco se descoida a importancia da tradición oral como vehículo de transmisión do patrimonio cultural inmaterial galego.