BNG Ordes - o BNG vota en contra dos orzamentos do concello


O BNG VOTOU EN CONTRA DOS ORZAMENTOS PORQUE NON SE INCLUIU NINGUNHA MEDIDA CONCRETA PARA A REACTIVACIÓN ECONÓMICA E A CREACIÓN DE EMPREGO
O alcalde acepta a petición do BNG de retirar a proposta de ampliación da zona de aparcamento da ORA, que os nacionalistas consideran desproporcionada.

- Gonzalo Castro, manifestou que “mentres se aumentan os gastos para “chanchullos” do goberno en 2,5 millóns de euros, non se destina nin nun euro dos Orzamentos a investimentos para promoción económica e a creación de emprego”.
- O BNG defendeu a inclusión de investimentos para a creación dun viveiro de empresas e o impulso e promoción da praza de abastos, pero o goberno rexeitou estas propostas.
- Castro criticou a suba de impostos e propuxo que se aprobase unha exención das taxas e prezos públicos para os desempregados de longa duración e as persoas con pensións mínimas.
- O BNG instou ao goberno a falar cos titulares dos postos da praza de abastos para buscar unha solución á súa situación, dándolle garantías de continuidade na nova adxudicación de concesións, pero o goberno opuxose e aprobou a rescisión destas concesións.
- O BNG opuxose á delegación da recadación dos vados municipais á Deputación, xa que deben reducirse as competencias destes organismos innecesarios.
- Gonzalo Castro considerou unha falta de responsabilidade e respecto aos veciños, tanto a ausencia de Cidega durante todo o Pleno, como a desaparición do PP durante a votación dos Orzamentos e durante o debate e votación da suba das taxas e impostos municipais.
Orzamentos
Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes, defendeu o voto en contra dos nacionalistas aos Orzamentos Municipais que foron aprobados polo goberno municipal e o PSOE no Pleno extraordinario celebrado este venres.
O portavoz do BNG de Ordes manifestou que “a principal razón do voto negativo do BNG aos Orzamentos Municipais son a inexistencia de medidas e investimentos para reactivar económicamente o concello e intentar crear emprego”.
Gonzalo Castro afirmou que “o alcalde esquécese totalmente da situación crítica que están a vivir os principais sectores económicos do noso Concello e non contempla nin un euro dos 13 millóns do Orzamento para apoialos”.
O portavoz do BNG afirmou que “propostas reiteradas polo BNG, como a creación dun viveiro de empresas ou o impulso e promoción da praza de abastos, non están presentes no Orzamento presentado polo goberno municipal, cando poderían ser moi útiles para fomentar creación de emprego, reactivando sectores económicos moi importantes como o comercial e o agrogandeiro”
Diante da afirmación de UxO e PSOE sobre unha suposta subida dos investimentos destinados a fomento do emprego, Gonzalo Castro emprazou a ambos partidos a que “dixeran en que apartado do anexo de investimentos dos Orzamentos aparecen os destinados a fomentar o emprego”, sen que nin a portavoz de UxO, nin o portavoz do PSOE fosen quen de responder a esta pregunta.
Castro criticou que “o alcalde esquece claramente nos Orzamentos os investimentos para paliar o drama do desemprego, que xa afecta a máis de 1.200 ordenses, mentres aumenta os gastos destinados a “chanchullos” do goberno en máis de 2,5 millós de euros”.
Finalmente, o portavoz nacionalista fixo fincapé en que “agora entendemos porque o goberno rexeitou a man tendida do BNG para negociar uns Orzamentos pensados para resolver os problemas dos veciños, porque sabían que o BNG non aceptaría uns Orzamentos feitos a medida dos intereses do alcalde e da súa rede clientelar e caciquil”.

Aumento de taxas e impostos
Noutro punto da orde do día, destinado a aprobar unha suba de taxas e impostos para o ano 2013, o portavoz do BNG manifestou a oposición do seu grupo, porque “estas subas afogarán as economías das familias ordenses”.
Gonzalo Castro salientou “a brutal suba do IBI, de máis dun 30%”, e defendeu que “se incluisen nas Ordenanzas Fiscais medidas para “favorecer ás persoas con menos recursos e servizos públicos”.
Os nacionalistas ordenses propuxeron unha modificación da ordenanza municipal de prezos públicos engadindo a exención do pago de prezos públicos municipais ás persoas físicas que acrediten estar en situación legal de desemprego ou sexan persoas perceptoras de pensións da Seguridade Social na contía mínima legalmente establecida.
Gonzalo Castro xustificou esta proposta salientando que “a política fiscal do Concello de Ordes debe atender á situación económicaa-social dos contribuintes, de acordo cos principios de equidade e xustiza social, máxime cando en Ordes estamos a padecer de xeito moi duro os efectos da crise con perto de 1.200 desempregados”.
O portavoz do BNG salientou que “a actual ordenanza de prezos públicos, para eximir do pago dos mesmos, só ten en conta, excepcionalmente, as situacións de extrema indixencia, pero é necesario ter en conta tamén as situacións dos desempregados e das persoas con pensións mínimas, que están a sufrir de forma moi dura as consecuencias da crise”.
A segunda proposta fiscal dos nacionalistas consiste no establecemento dunha reducción do 50% do Imposto Municipal sobre os Bens Inmóbeis, para aqueles bens que carezan de servizos e dotacións de auga e/ou saneamento.
Castro defendeu esta proposta aludindo a que “é de xustiza establecer unha reducción do IBI para as persoas que viven en zonas sen servizos público de abastecemento e saneamento de auga, e que se viron por tanto obrigadas a realizar investimentos para dotarse dos mesmos”.
Estas propostas non foron aceptadas polo goberno municipal e finalmente foi aprobada unha suba das taxas e impostos do Concello de Ordes, cos votos a favor de todos os grupos presentes no Pleno, excepto o BNG, que votou en contra porque “negámonos a apoiar esta suba de taxas e impostos xa que defendemos a necesidade de aprobar unhas ordenanzas fiscais máis xustas que teñan en conta a situación das persoas que posuen menos recursos”, segundo manifestou Gonzalo Castro.

Retirada da proposta de ampliación da ORA
O BNG criticou duramente a proposta de ampliación das zonas de regulación do aparcamento ORA, que prevé o goberno municipal de Ordes e que ampliaría a ORA a sete rúas máis da vila de Ordes (Rúa Nova, Compostela, Rúa canteira, República Arxentina, Rúa do Mercado, Rúa Reconciliación e Rúa Rosalía de Castro), ademáis de ampliala na Avenida Alfonso Senra e Rúa do Recreo.
Para o portavoz do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, “esta medida é absolutamente desproporcionada e inxusta e só obedece a un afán recadatorio do alcalde, que pretende facer recaer sobre os veciños o resultado da súa nefasta xestión económica”.
Castro lembrou que “con esta proposta de ampliación da zona ORA, non quedaría prácticamente ningunha rúa do centro de Ordes sen estar afectada pola ORA”.
Finalmente, o alcalde decidiu retirar a proposta deste punto da orde do día ao manifestar, ao manifestar Gonzalo Castro que “en calquera caso a modificación desta ordenanza non entraría en vigor até o 1 de xaneiro e cremos que o mellor é dialogar cos veciños para que opinen se queren ou non algunha ampliación do espazo destinado na actualidade á ORA”.
Rescisión de contratos da praza de abastos
O BNG instou ao goberno a falar cos titulares dos postos da praza de abastos para buscar unha solución á súa situación, dándolle garantías de continuidade na nova adjudicación de concesións, pero o goberno opuxose e aprobou a rescisión destas concesións.
Delegación cobro dos vados
O BNG opuxose á delegación da recadación dos vados municipais á Deputación, xa que, segundo o portavoz do BNG “deben reducirse as competencias das Deputacións até chegar á efectiva desaparición destes organismos innecesarios”
Ausencia de Cidega e PP
Gonzalo Castro considerou “unha falta de responsabilidade e respecto aos veciños, tanto a ausencia de Cidega durante todo o Pleno, como a desaparición do PP durante a votación dos Orzamentos e durante o debate e votación da suba das taxas e impostos municipais”.
Con respecto á ausencia do PP no debate da suba das taxas e impostos municipais, Gonzalo Castro manifestou que “quen cala otorga, e está claro que o Partido Popular ausentouse do debate sobre a suba das taxas e impostos nun burdo intento de ocultar o evidente, que estaba a favor das mesmas, como o estivo o ano pasado, cando se aprobou unha suba semellante das taxas e impostos”.

Ningún comentario: