Paula Fernández amosa a súa satisfacción pola
licitación das sendas de Manduas
-A Xunta sacou hoxe a concurso as obras, que incluén a
mellora da calzada A Bandeira-Cruces (PO-204) , cun prazo de execución de tres
meses
-A alcaldesa de Silleda reiterou hoxe ante o delegado da
Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, a necesidade de arranxar tamén
os socavóns en Portodavalde, a única vía de acceso a Parada
A alcaldesa de
Silleda, Paula Fernández Pena, agradeceulle hoxe ao delegado territorial da
Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, que visitara o municipio para
dar a coñecer “a boa nova” da licitación das sendas de Manduas, unha “demanda
histórica” que leva anos reivindicándose dende o Concello de Silleda e dende a
Asociación de Veciños de Manduas (Avema). “Esperamos que as obras poidan
iniciarse canto antes, xa que se trata dunha actuación moi necesaria para
mellorar a seguridade viaria neste punto”, sinalou a rexidora.
Segundo explicou Cores Tourís, acometeranse as sendas só na marxe
esquerda, nun tramo de 400
metros , dende as aceras de Manduas ata a igrexa
parroquial. Os traballos comezarían este verán, cun prazo de execución de tres
meses e realizarase tamén unha mellora da calzada na vía Bandeira-Vila de
Cruces (PO-204). “A situación económica é a que é por iso decidimos acometer o
máis prioritario”, dixo o delegado referíndose a que só se realizarán parte das
sendas solicitadas.
O concelleiro de Obras e Servizos, Manuel Cuíña, e tamén os membros de
Avema lembráronlle a Cores Tourís, que no vial téñense producido situacións de
risco debido ao elevado tránsito de vehículos pesados procedentes das canteiras
de Campomarzo e á presenza de numerosos viandantes cara a igrexa e o centro
social de Manduas.
O delegado tamén sinalou que se traballará “en total colaboración co
Concello” para que as obras queden o mellor posible.
A alcaldesa tamén aproveitou a visita de Cores, para lembrarlle unha
petición moi urxente que xa lle trasladou por escrito: a mellora do vial de
Portodavalde, o único que da acceso á parroquia de Parada, onde as tubaxes
colocadas a modo de ponte xa romperon en dúas ocasións provocando o afundimento
da calzada. “Toda a Corporación de Silleda amosou o seu acordo co necesario
arranxo do vial. Temos un problema moi grave porque calquera día o vial
afúndense”, sinalou a alcadesa sobre a petición de axuda económica, formulada
tamén á Deputación de Pontevedra. O proxecto de arranxo, realizado dende a
Concellería de Obras e Servizos, ten un orzamento aproximado de 50.000 euros.
Así mesmo, tamén lle lembrou que o albergue de peregrinos da Bandeira
está só pendente da actuación da Xunta “xa que no Concello temos listos todos
os trámites necesarios para a súa instalación”, rematou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario