Fundación Araguaney - xornada de sensibilización sobre a situación dos artistas palestinos


A Fundación Araguaney organizará unha xornada artística para sensibilizar ao público sobre a situación dos artistas palestinos
A xornada de sensibilización “Intifada Cultural” pretende sensibilizar aos asistentes sobre a dura situación dos artistas palestinos. Será o xoves 5 de xullo ás 20,00 h no Salón de Actos do Hotel Eurostars Araguaney, en Santiago. Entrada libre ata completar aforamento.



Artistas galegos e internacionais da talla de Yolanda Castaño, Xoán Curiel, Uxía, Sergio Tannus ou Xurxo Nóvoa Martíns, colaborarán con este acto.

Santiago de Compostela, Luns 2 de Xullo de 2012. A xornalista e escritora independente coruñesa Iara M. Bua, e a cantante galego-palestina Najla Shami, en colaboración coa Fundación Araguaney, organizarán unha xornada artística o Xoves 5 de Xullo ás 20:00 h o Salón de Actos do Hotel Eurostars Araguaney (Montero Ríos 25-27), na que se pretende sensibilizar aos asistentes sobre a dura situación dos artistas palestinos. Pedirán unha acción social para a liberación do artista Nabil-Al Raee, director artístico do Freedom Theater, secuestrado sen razón algunha (www.thefreedomtheatre.org)

Será unha xornada diferente, orixinal, que leva por título “Intifada cultural”, na que participarán actores galegos que decidiron sumarse a esta iniciativa polos seus “colegas” palestinos e, en definitiva, polo pobo palestino en xeral. Personaxes como a poetisa Yolanda Castaño, o músico Sérgio Tannus, a cantante Uxía ou os polifacéticos Xoán Curiel e Xurxo Nóvoa Martíns, formarán parte desta actividade. Tamén se sumarán ao evento “Pallasos en rebeldía”.

No acto explicarase a situación na que se atopan os artistas palestinos, como exemplo do que está ocorrendo nas vidas de toda a xente que vive nas súas propias carnes a ocupación por parte dos israelís. Ademais, os cantantes Najla Shami, Sergio Tannus, Xoán Curiel e Uxía porán a nota musical con temas que pretenden sensibilizar á audiencia. Tratarán de dar protagonismo ao caso concreto do arresto de Nabil. Najla dará o seu testemuño do que significa ser artista en Palestina e a importancia do Freedom Theater para os artistas palestinos. E é que, en Palestina, o teatro non é un mero entretemento como en Europa, senón que o escenario é o único lugar onde poden sentirse 100% libres, nun país que vive baixo a opresión e a ocupación israelí. Ademais, compartirá cos invitados como se viviu a noticia do incautado nos círculos culturais galegos. Haberá tempo para debate co público.

A xornalista e escritora Iara M.Bua fará unha pequena presentación con imaxes na que narrará a súa experiencia con testemuños de primeira man de como foi a súa viaxe desde Ein Hashofet Kibbutz ata o Teatro da Liberdade, no campo de refuxiados de Yenín. Informará ao público sobre a labor e orixes do Freedom Theater. Explicará a súa labor como voluntaria realizando obradoiros de escritura creativa cos actores do teatro e compartirá as súas vivencias persoais cos invitados. Os seus relatos irán acompañados de imaxes reais, obtidas pola propia xornalista durante as súas viaxes.

Un momento importante do evento será o testemuño da xornalista narrando o secuestro de Nabil Al Raee a mans do exército israelí. Tamén explicará como o secuestro afectou á comunidade de Yenín e aos novos actores.

Os asistentes a este evento terán a oportunidade de asinar a petición de liberación do secuestrado Nabil Al Raee, a cal será enviada á embaixada israelí en Portugal. A entrada é gratuíta ata completar aforamento.

Ningún comentario: