A Casa da Xuventude acolle a
exposición didáctica Galicia, conservando a natureza
-A mostra estará
aberta dende o mércores 4 de xullo ata o domingo día 8 e contará cun educador
ambiental que atenderá ao público o venres, sábado e domingo
O
vindeiro mércores día 4 de xullo abrirá ao público nas dependencias da Casa da
Xuventude de Silleda a exposición didáctica itinerante baixo o título Galicia,
conservando a natureza.A mostra está composta por 21 paneis e conta ademais
cunha proxección audiovisual sobre a biodiversidade natural do territorio
galego. Está organizada pola Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Antonio
Couso, en colaboración coa Concellería de Xuventude, e promovida pola Dirección
Xeral de Medio Ambiente e a Obra Social de La Caixa.
Estará aberta ao público en xeral,
ata o domingo día 8 de xullo pola mañán e o horario de visita será o habitual
da Casa da Xuventude, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.30 horas. O concelleiro
de Medio Ambiente, Antonio Couso, explica que nas xornadas do venres 6, sábado
7 e domingo 8, poñerase a disposición do público a atención dun educador
ambiental, “algo que consideramos importante sobre todo por se quixera ver a
mostra algún grupo ou colectivo, avisando previamente na Casa da Xuventude”,
engade.
Os paneis desta mostra didáctica itinerante amosan distintos espazos
naturais, coma o Parque Nacional das Illas Atlánticas, o complexo dunar de
Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, as Fragas do Eume, o Monte Aloia, a
Serra do Invernadoiro, o complexo Grove-Ons, humedais protexidos coma os de
Valdoviño, Ortigueira-Ladrido, espazos litorais, ecosistemas fluviais, bosques,
e outros lugares incluídos dentro da Rede Natura 2000, entre outros.
No mes de outubro, entre os días 1 e 5, a mostra voltará a Silleda para
acoller preferentemente as visitas dos centros escolares.
“Consideramos que se trata dunha magnífica oportunidade para que os
veciños de Silleda se acheguen á grade riqueza natural que temos na nosa
Comunidade, cunha mostra coa que a Consellería de Medio Ambiente pretende
difundir os valores ambientais e patrimoniais que fixeron merecedores da
protección aos distintos espazos naturais”, engade Antonio Couso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario