Será hoxe, martes 3 de xullo, ás 21.30h
no Centro Galego de Arte Contemporánea
Fernando
Buide dirixe o Ensemble s21 na segunda xornada do Via Stellae
- Coa soprano Eva Juárez e baixo o nome de ‘Compositores na
Academia de España en Roma’ interpretan obras de Contreras Vázquez, Turina
e o propio Buide
- As entradas para este concerto poden mercarse a un prezo de
2€ na billeteira do Teatro Principal que está aberta de 16.30 ata a hora
de comezo do espectáculo
Santiago de Compostela,
02/07/2012.- Logo da
xornada inaugural con Enrico Casazzo dirixindo La Magnifica Comunitá, na segunda das citas do Via Stellae
poderemos ver a Fernando Buide dirixindo o Ensemble s21 coa soprano Eva Juárez.
Será hoxe, martes 3 de xullo ás 21.30h no CGAC e interpretarán obras de
Contreras Vázquez, Turina e o propio Buide. Previamente, ás 20.30h Buide dará
unha conferencia baixo o nome de ‘Nómadas en Roma: compositores contemporáneos
na Academia de España’. As entradas para o concerto, a 2€, poden mercarse na
billeteira do Principal desde as 16.30h ata o comezo do espectáculo.
NOTAS AO RPOGRAMA DE
FERNANDO BUIDE DEL REAL:
“Do chileno Manuel Contreras preséntanse dúas obras. Apnea (2008), para piano e percusión
constitúe un tríptico de espazos que cunha cor harmónica branda e lixeira
presenta un progresivo percorrido de rarefacción. Do trío Misa (2012) o propio autor afirma que provén da observación atenta
e constante do Panteón de Roma e dos múltiples percorridos da luz a través da
súa cúpula colosal, que finalmente nos conduce a mirar o mundo a través do seu
óculo: o ceo, as gaivotas, quizais as estrelas. O oído encontrará ámbitos cheos
de actividade e articulación sonora e logo, avanzando no tempo, achará
verdadeiros pantanos de son: estáticas, case baleiras, rozando o silencio. Os Tres tercetos (2003) de Jose Luis Turina
nacen froito dun encargo do Trio Arbós. Consta de tres seccións executadas sen
solución de continuidade e absolutamente interdependentes. Na primeira, “Trío”,
exponse un material integrado por unha serie de elementos que son sometidos a
un primeiro desenvolvemento na segunda, “Triduo”, e a outro moito máis
elaborado na terceira e última, “Triplo”.
A duración temporal de cada unha das seccións é, aproximadamente, o
triplo da anterior: un minuto a primeira, tres a segunda e nove a terceira. Electra (2012) de Fernando Buide está
baseada nun texto de Efraín Rodríguez Santana. A colaboración xurdiu durante a
estancia de ambos os dous na Academia de España en Roma no ano 2011. Escrita
para soprano e quinteto, a obra revisita o mito de Electra, que desexa vingar a
morte do seu pai coa axuda do seu irmán Orestes. As diferentes seccións que se
suceden sen solución de continuidade intentan preservar o carácter de narración
bárdica que ofrece o texto.”
Ensemble s21
Creouse en novembro de 2007 presentándose o 1 de abril
de 2008 no Auditorio do CGAC, co obxectivo fundamental de interpretar e
difundir música contemporánea e de vangarda. O seu repertorio abarca tamén obras
doutras épocas, a condición de que conformen e articulen programacións
coherentes e ilustrativas. Este obxectivo implica o encargo de obras a
compositores actuais, coa posibilidade da súa presenza nos ensaios e ata na
dirección das obras. En consecuencia, o traballo que se está realizando con
creadores vivos de Galicia, doutros lugares de España e do estranxeiro é digno
de mención, engadindo ao repertorio obras escritas expresamente para o Ensemble
s21.
Ensemble s21
Eva Juárez soprano
Jorge Montes violín
Alejandro Sanz
percusión
Carlos García Amigo
violoncello
Julio Mourenza
piano
Vicente López Puig
clarinete
Fernando Buide del Real
director
Eva Juárez soprano
Comeza os seus estudos musicais no Conservatorio Superior
de Oviedo e na Musikhochschule de Zurich. Vencedora en 2007 do Concurso de
Canto de Verona presidido por Raina Kavaivanska. Interpretou entre outros os
papeis de Rita (Rita de Donizetti),
Euridice e Proserpina (L’Orfeo de
Monteverdi), Dido (Dido e Eneas de
Purcell), Serpina (La Serva Padrona
de Pergolesi), Agapito (I pellegrini ao
sepulcro de Hasse), Venus (Vendado é
amor, non cego de Nebra) e Norina (Don
Pasquale de Donizetti). No campo da música antiga traballou con grupos como
Música Ficta, Antonello de Xapón, Ensemble Quadrivium, Orphenica Lyra (José
Miguel Moreno), Ensemble Concerto (Roberto Gini), Il Seminario Musicale (Gerard
Lèsne) e Ensemble Phoenix de música contemporánea de Basilea.
PROGRAMA
Manuel Alejandro Contreras Vázquez (1977)
Apnea
(2008)
Percusión piano
Misa
(2012)
Clarinete,
violín, piano
José Luis Turina ( 1952)
Tres
tercetos (2003) violín, violoncello,
piano
Fernando Buide del Real (1980)
Electra,
monodrama para soprano e quinteto instrumental (2012)
Soprano,
violín, violoncello, clarinete, piano, percusión
Ningún comentario:
Publicar un comentario