O PLENO DE FRADES DÁ O VISTO BO AO PLAN DE AXUSTE E
APROBA A ORDENANZA DE PLANTACIÓNS, DEPÓSITO, CARGA E TRANSPORTE DE MADEIRA
O
pleno acordou deixar sobre a mesa a taxa por distribución de auga e saneamento
O pleno municipal
de Frades aprobou esta tarde o Plan de Axuste presentado e autorizado polo
Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas ao abeiro do segundo prazo
para acollerse ao Real Decreto Lei 4/2012, de 24 de febreiro para o pago a
provedores.
Un plan que mantén a estrutura e medidas do inicial: suma 166.924
euros correspondentes ás facturas que o Concello tiña pendentes de pago a
finais de 2011 e das que a maioría (103.000 euros) correspóndense con dúas
certificacións de obra. Ao igual que todos os demais, o interese é do 5,939% a
10 anos, con dous de cadencia.
Ao igual que na súa primeira aprobación, o plan de axuste contou cos 8
votos a favor do Grupo de Goberno e as 4 abstencións de PSOE e BNG. Este plan
fora rexeitado polo Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas debido a
un leve erro matemático no cálculo da porcentaxe da evolución dos ingresos
correntes municipais dos últimos anos, o que fixo os datos perdesen parte da
súa coherencia e que os técnicos do ministerio non o aceptasen.
Ordenanza da Madeira
Por outra banda, o pleno municipal tamén aprobou a Ordenanza reguladora
de Plantacións, depósito, carga e transporte de Madeira logo de rexeitar a
única alegación presentada no periodo de exposición pública por Confemadera
Galicia. A alegación de Confemadera consideraba que a ordenanza do Concello
de Frades supuña unha limitación á súa actividade por ter que comunicar a tala
con 10 días de antelación no Concello e alegaba que os concellos non teñen
competencias en materia forestal.
O alcalde de Frades, Miguel Prado Patiño, fundamentou o rexeitamento a esta
alegación nun Informe de Intervención no que se confirma que as entidades
locais son competentes naquelas materias para defensa dos seus bens e dereitos;
negou calquera tipo de limitación á actividade madereira no municipio e
explicou que non hai ningún tipo de confrontación coa normativa forestal.
Os 9 votos do Grupo de Goberno e do PSOE se impuxeron aos 4 votos en contra
do BNG, que apoiou as alegacións de Confemadera Galicia por ser “bastante
correctas” e propuxo “reformar a ordenanza” para incluir nela outro tipo de
actividades como o transporte do leite ou de forraxe. Pola súa banda, o voceiro
do PSOE, Jesús Manuel Iglesias, explicou que pola súa experiencia “se non
regulas, os madeiristas fan o que lles dá a gana. Eu estou canso de ter que ir
a identificar madeiristas e, cando tomamos nota de quen son, entón son máis
respectuosos coas pistas e co seu entorno”.
Miguel Prado compartiu a reflexión do voceiro socialista e indicou que “o
obxectivo desta ordenanza non é castigar, é poñer unha orde para non vernos
desbordados”. Esta normativa substitúe a unha ordenanza de máis de 15 anos e se
basea na normativa que actualmente utiliza a Xunta de Galicia. Nela
estabrécese a obriga da empresa madereira de informar ao concello con 10 días
de antelación da tala e a presentar un depósito por se a súa actividade xerase
desperfectos nas pistas municipais.
O alcalde de Frades adiantou que “reunirémonos con veciños e madeiristas
para explicarlles os termos da nova ordenanza e pedirlles a súa colaboración”
xa que “o sector forestal é moi importante para os veciños de Frades”.
Centro de saúde e auga
Finalmente, o pleno aprobou por unanimidade a segregación dos terreos que
ocupa o centro de saúde de Pontecarreira para poder cederllos á Xunta, para que
a administración autonómica se faga cargo do mantemento destas instalacións. O
centro de saúde da Pontecarreira está situado nunha parcela propiedade do
Concello de Frades dunha extensión de 1.355 m2. Como o centro de saúde tan só
ocupa unha superficie de 689 m2, o pleno municipal acordou hoxe segregar eses
689 m2 da parcela orixinal e entregallos á Xunta, de xeito que o resto da
parcela queda baixo propiedade municipal.
Así mesmo, o pleno acordou deixar sobre a mesa a aprobación provisional da
taxa por distribución auga e saneamento, dereitos de enganche, colocación e
utilización de contadores. O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Manuel
Ferreiro, explicou que Frades leva coas mesmas taxas dende 1988 e que “as
tarifas propostas se atopan na parte baixa da media dos concellos do entorno”.
Despois dun longo debate sobre os distintos puntos desta normativa, o alcalde
de Frades propuxo deixar a ordenanza sobre a mesa para perfilar varios artigos
e propostas realizadas no pleno, como articular medidas de desconto para as
explotacións gandeiras. Unha proposta que foi aceptada por todos os grupos,
polo que a ordenanza volverá a ser redactada e presentada ao pleno nunha
vindeira sesión.
Moción cacharelas
Por último, o pleno aprobou por unanimidade unha moción presentada polo
PSOE para solicitar que se inste aos veciños a utilizar unha base de 15
centímetros de area debaixo das cacharelas para impedir que estas danen o firme
das pistas municipais durante festas como o San Pedro ou as recentes de San
Xoán.
Ningún comentario:
Publicar un comentario