BNG A Estrada - o alcalde subirá o recibo da auga desde hoxe


O PP subirá o recibo da auga a partires do 1 de xullo
“Non é de recibo”, afirma o concelleiro nacionalista, “que mentres se lle incrementa os impostos aos veciños e veciñas, institucións como a igrexa non pagan un só céntimo polas propiedades que posúe, algo que conta co beneplácito do noso alcalde”

 Mañá 1 de xullo entra en vigor a Lei de Augas, logo de que o Consello da Xunta aprobara o seu regulamento. A Lei 9/2010, de 4 de novembro, foi aprobada polo PP no Parlamento Galego, contando co voto favorábel do agora alcalde da Estrada, José López. A este respecto Xosé Magariños, portavoz municipal do BNG, considera que “coa entrada en vigor desta lei, a partires do 1 de xullo pagaremos máis pola auga que consumimos, o que repercutirá moi negativamente nos petos dos veciños e veciñas”.
Segundo Magariños, “neste ano non só veremos como se incrementa de xeito importante o recibo da auga, tamén subirá o dobre o recibo da contribución, e é máis que probábel que o goberno de Mariano Rajoy tamén suba o IVE nas vindeiras semanas”.
“Estamos ante unha proba máis da nefasta política do PP: suba de impostos, recorte de dereitos e prestacións aos cidadáns, falta de previsión...; estamos ante gobernos incompetentes que están a tirar por terra as conquistas sociais que se acadaron nas últimas décadas”, engadiu o portavoz municipal do BNG.
“Non é de recibo”, afirma o concelleiro nacionalista, “que mentres se lle incrementa os impostos aos veciños e veciñas, institucións como a igrexa non pagan un só céntimo polas propiedades que posúe, algo que conta co beneplácito do noso alcalde”.
“No BNG barallamos que o incremento do recibo da auga oscilará entre o 121% ao 20% en función do número de persoas que vivan na casa e do consumo”, explicou Xosé Magariños, “un incremento notábel, tendo en conta, que é un suma en segue nas reiteradas subidas de impostos do PP, que gravan sempre aos que máis dificultades económicas teñen”.
A respecto da auga de traídas e pozos particulares Xosé Magariños explicou que “a Lei 9/2010 neste sentido non cambiou, pero o PP, froito da presión social, modificou sutilmente o regulamento para deixar fóra da aplicación deste imposto os usos domésticos que non dispoñan de aparellos de medida”. “Sen embargo, “ engadiu o concelleiro do BNG, “si pagarán os que dispoñan deste tipo de dispositivo, aínda que sexa para uso doméstico”.
Neste sentido Xosé Magariños afirmou que “quen fixo a lei fixo a trampa, o PP non modificou a lei, pero en calquera momento pode cambiar o regulamento e nese intre terán que pagar todos os veciños e veciñas que teñan traída e pozos particulares”.

Ningún comentario: