UN CENTO DE VECIÑOS ATEIGARON O CENTRO CULTURAL DE
SIGÜEIRO NA PRESENTACIÓN DA PRIMEIRA NOVELA DO DOUTOR CONSTANTINO CUESTA
O
autor defínea como “unha novela costumbrista, aparentemente doutra época,
contada por un neno de entre 8 e 10 anos sen quere entrar no mundo dos maiores”
Preto dun cento de veciños e veciñas ateigaron
na noite de onte mércores o centro cultural de Sigüeiro para asistiren á
presentación do libro “Herdeiros da miseria”, de Constantino Cuesta Ibañez,
doutor de medicina xeral no centro de saúde de Sigüeiro. Un acto no que o autor
estivo acompañado polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, e pola
responsable de Finis Terrae Ediciones, Ángela Fernández del Río.
Manuel Mirás sinalou que actos como esta presentación son moi
satisfactorios pois “un ve que o pobo progresa no eido cultural” e lembrou que
grazas a instalacións como o centro cultural de Sigüeiro “estamos dando a
posibilidade aos artistas locais de expoñer e presentar os seus traballos aquí.
Se non existise este centro cultural, non teriamos a ocasión de coñecer este
libro da man do seu autor, que tería que irse a Santiago a presentalo”. Un
punto no que coincidiu Constantino Cuesta, quen dixo que “sempre compartín esa
idea do alcalde e do concelleiro de Cultura, Antonio Leira, de que con este
tipo de actividades estamos facendo pobo”.
Ademais, o alcalde orosán destacou que “Herdeiros da miseria” é “unha obra
moi interesante, de fácil comprensión e lectura, e que creo que vos vai gustar moito”.Pola súa
banda, Ángela Fernández del Río sinalou que esta novela “é moi entretida, pois
engancha dende a primeira páxina, ademais de ser moi anecdótica, porque o
lector pode extrapolala a súa propia vida, ben porque alguén lle contou algo
semellante ben porque o viviu en primeira persoa”.
Novela nacida do insomnio
Antes de comezar a dedicar novelas aos asistentes, Constantino Cuesta
confesou que “escribo dende os 17 anos” pero que tamén “dá vértigo ir a unha
editorial a someterse á revisión de estilo e á critica da sociedade. Sodes vós
quen decidiredes se está ben ou mal”. De feito, mesmo indicou que “teño outras
novelas, que quizais despois poida rematar se este soño sae ben”.
Cuesta Ibáñez explicou que esta novela “xurdiu do aburrimento. Tiven que
facer unha memoria, algo incomprensible que se inventaro para facer unha Oferta
Pública de Consolidación de Emprego, e foi a miña válvula de escape para non
morrer de asco”. Ademais, recoñeceu outro aliado: o insomnio. “Os profesionais
sanitarios adoitamos padecer de insomnio, polos desaxustes que causan as
gardas, a tensión do traballo... e eu usaba esas horas para ir pensando nos
meus capítulos e así ía quedando durmido. Despois xa os escribía”, bromeou
Constantino Cuesta.
Así mesmo, o autor explicou que “esta novela está en galego porque na miña
cabeza naceu así. O galego é un idioma para querer, incluso mellor se estivera
sen normativizar tanto”. Segundo Constantino Cuesta, “esta novela é
construmbrista, aparentemente doutra época e contada por un rapaz de entre 8-10
anos sen entrar no mundo dos maiores”.
“Herdeiros da miseria” é a primeira novela de Constantino Cuesta Ibáñez,
coñecido en Oroso polo seu traballo como médico no centro de saúde de Sigüeiro
así como por diversas exposicións de pintura realizadas ao longo dos últimos
meses, entre as que se inclúe a súa designación como representante do Concello
na última edición do certame internacional GoisorosoArtes. Constantino Cuesta
naceu en Baracaldo (Biscaia) pero leva bastantes anos da súa vida en Galicia,
exercendo como médico en distintos concellos da provincia da Coruña (Ribeira,
Melide e Oroso).


Ningún comentario:
Publicar un comentario