A Festa da Natureza de Ames contribúe á repoboación do Tambre con milleiros de crías de troita
A Festa
da Natureza de Ames, que se celebrou ao longo de toda a xornada na praia
fluvial de Tapia, contribuíu á repoboación do Tambre coa solta de 5.000
crías de troita cedidas pola Sociedade de Caza e Pesca Azor de Ames.
Durante toda a tempada, as augas do río recibiron máis de 20.000
exemplares. O obxectivo desta festa, organizada polo Concello de
Ames, era pechar as iniciativas coas que ao longo deste mes se
conmemorou o Día Internacional do Medio Ambiente, que se celebrou o
pasado 5 de xuño. Pequenos e maiores participaron hoxe nunha celebración
que permitiu poñer en valor o noso medio.
Ademais de andainas, da inspección da fauna e flora do río Tambre e
dunha solta de crías de troita, durante todo o día estiveron instalados
na área recreativa postos de artesanía, comercio local e comercio xusto.
Na solta de crías de troita colaboraron o alcalde de Ames, Santiago
Amor, e a concelleira de Medio Ambiente, Eugenia Martín.
A festa comezou ás once da mañá cunha andaina circular ambiental
polas beiras do río Tambre e polo lugar de Oca. Esta andaina, que ten
unha dificultade baixa e unha duración de dúas horas, estivo dirixida a
todos os públicos, tanto nenos/as como adultos.
Ás 13,00 horas comezou unha inspección da fauna e flora do río Tambre
a través do Proxecto Ríos, que desenvolve a Asociación para a Defensa
Ecolóxica de Galicia (ADEGA). A través desta actividade realizouse unha
análise de varios parámetros da flora e fauna do río, que determinan o
estado de conservación da canle e das marxes do río.
Ao remate destas primeiras actividades, chegou o momento do descanso e
do xantar, que se levou a cabo na área recreativa de Tapia.Tras repoñer
forzas, ás catro da tarde realizouse un acto moi especial: unha solta
de crías de troita autóctona cedidas pola Sociedade de Caza e Pesca Azor
de Ames. Media hora despois, comezou un obradoiro ambiental no que os
participantes coñeceron alternativas a produtos tóxicos do fogar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario