Nace O Santiago
Oculto dos Peregrinos un proxecto que permitirá coñecer os segredos mellor
gardados de Compostela
·
Trátase dun conxunto de
iniciativas de cidade e colectivas destinadas a coñecer as pegadas xacobeas
existentes en Santiago e na súa catedral, e nunca antes recompiladas
·
A próxima semana terá
lugar a presentación do proxecto, que inclúe unha guía, un plano de
sinalización e unha web 2.0
· Unha segunda etapa desta iniciativa contempla unha
exposición interactiva na que peregrinos e visitantes poderán recuperar os ritos e tradicións
xacobeas de distintos espazos da cidade e da catedral, como a imposición de
mans no Pórtico da Gloria
- A próxima semana presentarase un novo proxecto
de dinamización relacionado co Camiño de Santiago e coa influencia que este
tivo na configuración da súa meta, Santiago de Compostela. Trátase dun conxunto
de propostas agrupadas baixo a denominación O Santiago Oculto dos
Peregrinos. Iacobus Absconditus Peregrinorum que permitirán a peregrinos,
turistas e veciños coñecer os segredos da capital galega vinculados ao mundo
xacobeo.
O obxectivo é facilitar o descubrimento das
historias, costumes e lugares xurdidos ao longo dos séculos en atención aos
peregrinos de toda Europa que chegaban á cidade. Para iso elaborouse unha guía,
un mapa de sinalización e unha web 2.0 que permitirá coñecer a historia xacobea
compostelá, unha historia exclusiva, que só existe e ten sentido en Santiago. É
o seu factor diferencial.
A guía La catedral de Santiago para
peregrinos. Guía secreta revela
as pegadas xacobeas do templo meta do Camiño, mentres que o mapa O Santiago oculto dos peregrinos é o
primeiro plano centrado no itinerario histórico dos peregrinos pola cidade.
Revela a pegada vivencial, en gran medida oculta polo tempo e moi descoñecida,
dos camiñantes que chegaban en peregrinación á cidade e facían seus
determinados e simbólicos espazos da mesma (hospitais, igrexas, fontes, rúas,
cemiterios, etc). Este plano terá a súa prolongación nas placas identificativas
que se colocarán nos distintos emplazamentos do percorrido.
A iniciativa complétase cunha web 2.0 que dá
unha nova dimensión ao proxecto e permite achegar toda esta información, nunca
antes recompilada, a calquera cidadán do mundo interesado en coñecer a
dimensión xacobea da cidade. Deste xeito, fomentarase un novo recurso cultural
e turístico para a capital galega, axudando a alongar a estancia media do
visitante e, especialmente, dos millóns de peregrinos que cada ano chegan a
ela. Moitos destes peregrinos preguntan con frecuencia por información que
recolla as pegadas xacobeas da cidade e da propia catedral. Este proxecto
pretende, en definitiva, dar resposta, contido e sentido a esa demanda.
Colaboradores
e patrocinadores
Iacobus Absconditus Peregrinorum é un proxecto de
Bolanda Edicións e Marketing –responsable de numerosas
iniciativas promocionais e divulgativas xacobeas como a Gran Enciclopedia del Camino de Santiago–, baixo a
coordinación do xornalista e profesor da USC Manuel F. Rodríguez. Conta co
patrocinio e apoio da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral para o
Turismo, Turgalicia e o Xacobeo, o Concello de Santiago, o Arcebispado, a
Fundación e o Cabido da Catedral de Santiago, Novagalicia Banco, a Universidade
de Santiago, así como a Cámara de Comercio da cidade, as asociacións de
hostalería e distintas entidades xacobeas galegas. Ademais, colaboraron
numerosas empresas, organizacións e institucións que se envorcan nun proxecto
destinado a dar un novo impulso á cidade como meta do Camiño de Santiago, o
itinerario histórico máis vivo e máis seguido por persoas de todo o mundo.
Exposición
interactiva
O proxecto contempla, no seu caso, unha segunda
fase consistente nunha ampliación dos contidos descritos e nunha exposición interactiva,
Neopórtico. A catedral oculta dos peregrinos, que permitiría ver,
admirar, vivir e sentir aos peregrinos históricos xacobeos na propia cidade e,
sobre todo, no seu templo meta.
O punto de conexión desta mostra en proxecto
será o Pórtico da Gloria da basílica. Desde finais da pasada década os
peregrinos non poden realizar o rito da imposición de mans na columna do
parteluz do Pórtico da Gloria. A perda deste costume tan popular e tan sentido
polos peregrinos, sobre todo polos que chegaban a pé á cidade, debeuse á
necesidade de protexer o conxunto do Pórtico. Enténdense as razóns, pero os
peregrinos seguen buscándoo e necesitándoo. Os ritos, na súa mellor versión,
son esenciais para os peregrinos.
Polo tanto, preténdese pór en marcha unha
exposición interactiva que reproduza, con todo respecto, o Pórtico, dando a
posibilidade de volver realizar, só de forma simbólica, o desaparecido rito.
Tratáse, en definitiva, dunha reinterpretación do espazo orixinal ao estilo da
Neocueva de Altamira, nacida tamén para preservar o valor do orixinal. De aí o
seu título: Neopórtico. Afondando na liña argumental da guía que se
presenta o xoves, Neopórtico completaría o seu sentido descubrindo os
espazos dos grandes os costumes dos peregrinos das máis diversas nacionalidades
na cidade e na catedral a través dos séculos. Todos os contidos de Neopórtico
serán interactivos. Á vez que se verá a históricos peregrinos franceses,
alemáns, holandeses, italianos, ingleses, etc., realizando estes ritos nos
distintos espazos catedralicios e da cidade, os visitantes que o desexen
poderán reproducilos, nunha liña de difusión que preservará en todo momento o
valor deste patrimonio de alcance europeo e único, hoxe perdido.

Ningún comentario:
Publicar un comentario