O Pazo da
Peregrina acolle este xoves a presentación do libro Contrapicados
da escritora amiense Mariña
Pérez Rei
Mariña Pérez Rei é
nativa da parroquia amiense de Agrón e participou como
xurado nas edicións de 2010 e 2011 do Certame Literario do
Concello de Ames.
Este acto enmárcase
dentro das actividades coas que o Concello de Ames intenta
apoiar e promocionar os creadores e creadoras amienses.
A última obra da escritora
amiense Mariña Pérez Rei preséntase este xoves, ás 20:30
horas, no Pazo da Peregrina. Este acto está organizado polo
Concello de Ames e Sotelo e Blanco Edicións. Á presentación
asistirán a autora do libro, Mariña Pérez Rei; a concelleira
de Cultura, Eugenia Martín, e a directora da colección
Medusa Narrativa, Ánxela Gracián. A presentación deste libro
contará co acompañamento musical do clarinetista Andrés
Pérez Fernández. Este acto enmárcase dentro das actividades
coas que o Concello de Ames intenta apoiar e promocionar os
creadores e creadoras amienses.
O Pazo da Peregrina será este xoves o escenario da
presentación do libro Contrapicados.
A autora, Mariña Pérez Rei, estará presente para falar sobre
esta obra que se acaba de publicar. Tamén o acompañará
Ánxela Gracián, directora da colección Medusa Narrativa. Xunto con eles estará a
concelleira de Cultura, Eugenia Martín.Ademais, o clarinetista Andrés
Pérez Fernández porá o acompañamento musical a este acto que
está organizado polo Concello de Ames e Sotelo Blanco
Edicións. Mariña Pérez Rei é nativa da parroquia amiense de
Agrón e participou como xurado nas edicións de 2010 e 2011
do Certame Literario do Concello de Ames.
Trátase dunha novela coral na que se cruzan
personaxes dispares observados desde un igualador ángulo
límite. A cama é un obxecto que gaña co claroscuro. Os
pacientes dun hospital saben que a intimidade se desprende
ao xeito dunha gran carapola, ao tempo que van nacendo
moitas emocións lentas e algunha que outra vertixinosa. Un
ataque de indignación e imbecilidade pode chegar a consumir
trescentas calorías. A pituitaria e a amígdala son dúas
grandes descoñecidas. O frío é branco porque as sinestesias
suceden; ademais, non é verdade que a auga sexa insípida:
sabe a sede. E por suposto, hai partes do corpo que nin
sequera sospeitamos que existen.
Os personaxes masculinos olen a carballo rebolo; os
femininos, a figueiras novas e a tinta roubada. A cámara
enfoca os seus rostros e convérteos en personaxes
contrapicados, secundarios ou relevantes, imperfectos ou
sublimes, pequenos cameos que saen ao paso dun narrador
omnisciente e irresponsable que abandona as súas funcións. A
súa memoria é unha ollada impresionista que, con pinceladas
breves, nos recorda que calquera tempo pasado foi moi
mellorable.
A autora
Mariña Pérez Rei, escritora amiense establecida na
cidade de Santiago de Compostela, está tamén moi vinculada
por razóns profesionais e sentimentais á comarca do
Barbanza. Licenciada en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía
Galego-portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela,
actualmente exerce como profesora de Lingua e Literatura
Galega no Ensino Secundario. Entre a súa obra publicada
destaca a poesía e a novela curta. Tamén colabora en xornais
e revistas con artigos de opinión. No ano 2005 acadou o
premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón polo libro Fanerógama
e comezou a publicar a obra que levaba amasando con tempo:
no 2006 obtén o Premio Manuel Lueiro Rei de novela por Canícula;
no 2009 publicou o libro de poesía artesanal en edición
limitada: Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante,
na editorial Bourel, no ano 2010 publicou o libro de poesía
Paquidermo
na editorial Bubela co que ingresou na corrente filosófico-
poética do sentimental-ISMO e nese mesmo ano obtén o premio
de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos coa
narración
Costa necrópole. Escenarios para deslembrar editada
pola Editorial Toxosoutos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario