Brión - os veciños de Bastavales solicitan a Xunta que manteña os horarios do transporte metropolitano


UN TOTAL DE 333 VECIÑOS DE BASTAVALES SOLICITAN Á XUNTA QUE MANTEÑA OS MESMOS HORARIOS DO TRANSPORTE METROPOLITANO NA PARROQUIA, XA QUE NON HAI OUTRA LIÑA QUE FAGA ESE PERCORRIDO

O alcalde de Brión presentará a queixa veciñal na reunión de mañá martes da Comisión de Seguemento do Plan de Transporte Metropolitano

  Un total de 333 veciños de Bastavales (Brión) presentaron esta mañá unha queixa no Concello de Brión por mor dos cambios introducidos nos horarios da liña de transporte metropolitano que fai o servizo regular entre Extramundi e Santiago de Compostela. Unha liña da que é concesionaria a empresa Autocares Bustelo e que realiza o itinerario Rois-Sorribas-Bastavales-Bugallido-Biduido-Laraño.

O escrito de queixa asinado por estes 333 veciños denuncia a supresión de 5 servizos e o cambio de horario doutros dous. Os veciños explican que “os horarios actuais están establecidos hai moitísimos anos e están completamente asentados entre os usuarios” e advirten de que “nesta ruta non hai outra liña de autobuses que faga este percorrido”. De feito, só a empresa Hermanos Ferrín cruza as aldeas de Sabaxáns e Chave da Ponte, pero só cunha ruta pola mañá cara Santiago e outra pola tarde cara a Picaraña.

Presentación da queixa

O alcalde de Brión, Xosé Luís García, acolleu a queixa veciñal e, ademais de presentar un escrito diante da Dirección Xeral de Mobilidade, aproveitará a reunión mañá martes da Comisión de Seguemento do Plan de Transporte Metropolitano para presentala no turno de rogos e preguntas. Xosé Luís García sinala que “no Concello de Brión entendemos e compartimos as queixas dos veciños, pois cremos que esta supresión e modificación de horarios afecta negativamente a uns usuarios que se verían privados dun servizo fundamental”.

Os horarios presentados pola empresa Autocares Bustelo afecta ás seguintes frecuencias:
-          Dirección Santiago (de luns a venres)
a)      suprímense o das 11:00 horas e o das 16:00 horas
b)      cambia de horario o das 14:00 horas para as 14:25 horas
-          Dirección Santiago (sábados)
a)      suprímese o das 8:00 horas
-          Dirección Extramundi (de luns a venres)
a)      suprímense o das 10:00 e o das 17:00 horas
b)      cambia o das 15:00 horas para as 15:30 horas.

O alcalde de Brión agarda que “esta queixa sexa debidamente atendida, dados os prexuizos que se están a ocasionar aos veciños de Bastavales”. A ruta afectada fai as seguintes paradas: Extramundi de abaixo, Extramundi de arriba, A Senra, O Castro, Samil, Rois (Antequeira), Oín de Abaixo, Pontemoeiro, Peruca, O Cruceiro, O Casal, Meana, Siaxe, Tourís, Francelos, Coruxido, Casaldoeiro, Soigrexa, Sabaxáns, Chave da Ponte, Chave de Carballo, A Telleira, Eirapedriña, Guimaráns, Framil, Costoia, Pardiñas, Casas do Monte, Paredes, A Barcia, Vidán, Campus Sur e Santiago Este.

Ningún comentario: