OS MENIÑOS DA GARDERÍA INFANTIL DE BRIÓN CELEBRAN COS
SEUS PAIS E NAIS A FESTA DE FIN
DE CURSO CUNHA REPRESENTACIÓN DE TEATRO
Medio centenar de
familiares asistiron á representación, na que se entregaron uns diplomas de
“graduación” aos nenos que deixan este ano a gardería
Os nenos e nenas da gardería municipal de Brión
celebraron esta mañá o seu tradicional festival de fin de curso coa
representación dunha pequena obra de teatro, “A tartaruga que quería durmir”.
Unha representación que correu a cargo de 20 pequenos da Aula 5 (de entre 2 e 3
anos) e que este ano deixan a gardería para incorporárense ao colexio.
Unha festa á que asistiron medio cento de familiares (pais, nais, irmáns,
avós e avoas...) así como o alcalde de Brión, Xosé Luís García. Durante media
hora, e coa axuda dos seus mestres, os pequenos representaron o conto “A
tartaruga que quería durmir”, de Roberto Aliaga. Os ían caracterizados de
acordo coas personaxes que representaban: tartarugas, arañas, paxaros, marmotas
e leóns, disfraces elaborados polos cativos na clase e coa colaboración tanto
dos seus mestres como dos seus pais e nais. Todo elo nun escenario de cartón
preparado para a ocasión durante estas dúas últimas semanas.
Ao rematar a representación, os pequenos que deixan este ano a gardería
para incorporárense ao colexio recibiron uns especiais “diplomas de graduación”
e unhas lambonadas. Así mesmo, eles fixeron entrega de cadanseu agasallo ás
súas nais, consistente nunha camiseta decorada por cada rapaz e co seu nome. A
xornada rematou cunha pequena festa con lambonadas e zumes para os pequenos e
as súas familias.
A directora da gardería municipal de Brión, Dolores Campos, destaca a
importancia deste tipo de actividades “pois veñen os pais á gardería e ven como
se traballa cos seus fillos, pois para nós é moi importante manter sempre un
contacto directo e habitual con eles”.
Mañá venres, nova sesión
A representación de hoxe foi a primeira das dúas funcións de fin de curso
da gardería municipal de Brión, que mañá venres ás 10:15 horas celebrará a súa
segunda sesión a cargo dos cativos da Aula 6 (os de case 3 anos). Nesta
ocasión, a obra a representar será “Rufino e as súas rufinadas”, que
contará coa presenza da súa autora Itos Lorenzo Méndez así como dos pais/nais
dos vinte cativos que actuarán.



Ningún comentario:
Publicar un comentario