Antonio Couso pídelle ao PP de Silleda que se deixe de
demagoxias e que repase o calendario de desbroces
-Lémbralle a Espiño Espantoso
que no Concello hai como todos os anos un listado coas festas de todas as parroquias,
criterio as seguir para limpar as fincas, e que as festas de Cortegada, Ponte e
Margaride aínda non se celebraron
-“As vías que usan os
peregrinos tamén son usadas polos veciños”, sinala o concelleiro de Medio Rural
O concelleiro de Medio Rural e Medio Ambiente de Silleda,
Antonio Couso, advirte que “non se entenden as novas críticas do PP sobre os
desbroces”, máxime cando falan de casos concretos nas parroquias de Margaride,
Ponte e Cortegada. O concelleiro explica que “como todos os veciños saben xa a
estas alturas”, os desbroces no rural fanse seguindo o calendario das festas,
“pero parece que o señor Espiño aínda non leu o listado que está a súa
disposición nesta Concellería”, engade. No plano aprobado o pasado mes de marzo
xa se recollían todas as localidades do municipio, tomando como referencia a
celebración das festas parroquiais.
Así, e sobre os tres
casos concretos que cita o PP de Silleda, Couso advirte que as festas de
Cortegada se celebran os vindeiros 27, 28 e 29 de xullo; as de Margaride os
días 1 e 2 de agosto, e as de Ponte os día 9 e 29 de setembro, “co que ademais
de ter tempo, queda demostrado unha vez máis que o PP sigue buscando titulares
en vez de molestarse en facer unha oposición seria”.
Por outro lado, Antonio
Couso ve demagóxico que o PP diga que se preocupa máis polos peregrinos que
polos veciños. “ A miña obriga como concelleiro é preocuparme polos veciños,
claro está, pero tamén polos moitos peregrinos que transitan polo territorio
municipal”, di Couso, lembrando que o Xacobeo, que viña asinando convenios cos
Concellos para os desbroces, optou este ano por adxudicar todos os traballos a
unha empresa. A semana pasada remitiuse ao organismo autonómico un informe sobre
as deficiencias na Vía da Prata na que figuran moitas vías que son usadas polos
veciños en xeral “algunhas delas, propiedade da Deputación ou da Xunta,
organismos aos que tamén se lle requeriu xa dende o Concello de Silleda que
procedan á limpeza e desbroce das zonas da súa titularidade”, remata.
Ningún comentario:
Publicar un comentario