Para o PP non é prioritario adicarlle
unha rúa ao alcalde e concelleiros fusilados en 1937
Xosé Magariños acusa ao alcalde de
falta de sensibilidade perante o fusilamento dun alcalde da Estrada e
varios dos seus concelleiros, elixidos democraticamente, e asasinados
por defenderen a liberdade e a democracia
Na
sesión plenaria do xoves pasado o concelleiro do BNG, Xosé
Magariños, preguntoulle a José López se ía iniciar os trámites
para adicar unha rúa aos Mártires da Estrada, dado que este ano se
cumpre o 75 aniversario do seu fusilamento. A resposta do alcalde
José López non puido ser máis taxativa: “agora mesmo había
outras prioridades máis importantes que atender”.
O concelleiro do BNG a respecto desta
cuestión declarou non entender “a falta de sensibilidade do
alcalde perante o fusilamento dun alcalde da Estrada e varios dos
seus concelleiros, elixidos democraticamente, e asasinados por
defenderen a liberdade e a democracia”.
“Non se entende ademais”, engadiu o
concelleiro nacionalista “que habendo como hai unha petición
expresa do daquela 1º tenente alcalde, Ramón Fernández Rico, de
adicar unha rúa ás vítimas da máis miserábel opresión que
viron os tempos (cito textualmente da carta), o noso alcalde actual
se despache de xeito tan despectivo fronte aos que morreron pola
liberdade, a democracia e a legalidade vixente perante a ditadura
franquista”.
O concelleiro do BNG explicou que
“é certo que neste tempo de crise económica hai que xestionar ben
os cartos públicos e investilos acaidamente”. “Sen embargo,”
engadiu Xosé Magariños, “adicar unha rúa aos Mártires da
Estrada é máis económico que a famosa estatua do salmón, e xa non
digamos do novo campo de fútbol que non necesitamos para nada”
“Pero non se tratar de cartos”,
explicou Magariños “trátase de facer xustiza e de facer un
recoñecemento público aos concelleiros fusilados en 1937; para o
BNG, desde logo, é o máis importante de todo, por encima do custe
dunha placa de pedra, que é o que lle vai custar ao concello esta
homenaxe”.
“Por iso”, engadiu o
concelleiro nacionalista”desde o BNG pedímoslle que rectifique,
que deixe a un lado os seus complexos ideolóxicos, que aproveite o
75 aniversario do asasinato destes concelleiros da Estrada para facer
xustiza aos Mártires da Estrada tal e como pediron nunha carta
datada o 13 de marzo de 1937, dous meses antes de seren asasinados”.
Hai que recordar que os Mártires da
Estrada son Jesús Puente Fontanes (alcalde), Ramón Fernández
Rico (1º tenente de alcalde), Manuel Nogueira González, José María
Pena López, Cándido Tafalla Froiz e José Rodríguez Sangiao,
fusilados o 5 de xuño de 1937 en Pontevedra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario