O concelleiro de Cultura,
Matías Rodríguez da Torre, agarda que a Deputación de Pontevedra manteña a súa
liña de colaboración, “xa que é a forma de que estas actividades poida
subsistir”, engade
O Concello de Silleda, a través da
Concellería de Cultura, que dirixe Matías Rodríguez da Torre, vén de solicitar
á Deputación de Pontevedra, á través do Programa de Acción Municipal (PAM) de
2012, unha axuda por un importe total de 27.700 euros para o financiamento de
distintas actividades culturais.
En concreto, dende o
departamento municipal de Cultura, pídense 10.500 euros para sufragar gastos
das dúas celebracións gastronómicas por excelencia do municipio (6.300 euros
para a empanada da Bandeira e 3.700 para a Romaría da Tortilla de Laro). Tamén
se propón outorgar con cargo á sección de actividades do PAM, outros 5.000 euros
para as actividades celebradas durante o entroido en distintas localidades
silledenses (A Bandeira, Lamela, Silleda, Laro e Parada). A Romaría do Rapaz,
que segundo a memoria explicativa que se acompaña para a convocatoria poderíase
considerar como a mellor festa para nenos de toda Galicia, é outra das
actividades para as que se solicita a axuda, por un importe de 9.000 euros.
Tamén figuran no listado os
certames organizados polas dúas agrupacións folclóricas da Bandeira: o festival
Azaloira (organizado por Fortín da Pomba, para o que se solicitan 1.500 euros)
e a mostra de baile de Xirandola (por 1.700 euros).
O concelleiro de Cultura, Matías
Rodríguez da Torre, lembra que a Deputación vén concedendo nos últimos anos
unha media de 12.000 euros para financiar estas actividades culturais.
“Agardamos que a colaboración poida seguir nos mesmos termos, xa que é a forma
de que estas actividades se manteñan na programación lúdica e cultural de
Silleda”, engade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario