Ames - o goberno municipal estrañase polas acusacións do Psoe

O Goberno de Ames continúa traballando e sacando adiante cuestións prioritarias para a cidadanía amiense
O Executivo conseguiu nestes meses pechar temas que o anterior Goberno foi incapaz de completar, conseguindo un importante aforro e optimizando os recursos económicos limitados.

O grupo de goberno quere amosar a súa estrañeza polas acusacións vertidas polos socialistas de Ames, algo incomprensible, principalmente tendo en conta que os edís do PSOE se atopan aparentemente sen actividade e sen presentar ningunha iniciativa.
O Executivo amiense, sempre coa mirada posta nos intereses da cidadanía, continúa traballando en perfecta sintonía e sacando adiante cuestións prioritarias para o municipio e para os veciños e veciñas. O Goberno quere amosar a súa estrañeza polas acusacións vertidas onte polos socialistas de Ames, algo incomprensible, principalmente tendo en conta que os edís do PSOE se atopan aparentemente sen actividade e sen presentar ningunha iniciativa. O Executivo fai fincapé en que os socialistas deberían dedicarse a pensar máis en favor dos intereses dos cidadáns que a xerar polémicas, xa que, por exemplo, no que vai de ano o grupo socialista non presentou ningunha moción.
O Goberno amiense considera que a mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas de Ames debe ser a súa prioridade e, por iso, está a traballar con fortaleza e unidade para sacar adiante os seus proxectos de goberno, centrándose en resolver a crítica situación económica herdada dos anteriores responsables municipais.
Nestes meses, o Goberno amiense conseguiu sacar adiante e pechar temas que o anterior Executivo foi incapaz de completar. Deste xeito, desbloqueáronse importantes cuestións urbanísticas, completouse a numeración na zona rural e preparouse un orzamento municipal realista e adaptado á actual situación. As medidas tomadas polo actual Executivo xeraron un importante aforro para as arcas municipais e permitiron optimizar os limitados recursos dispoñibles. Como exemplo, aforráronse máis de 670.000 euros en medidas como a nova organización do Concello de Ames, o cambio de contrato de telefonía, a organización da Festa da Xuventude (con máis días e actividades e menos custe) ou a revisión das tarifas eléctricas, entre outras.
No actual escenario económico, de incerteza financeira, o Goberno amiense estaría encantado de poder xestionar todos os recursos económicos que malgastou e dilapidou o anterior Executivo socialista, dando claros exemplos de irresponsabilidade que agora non lles gusta lembrar. Actualmente, con recursos moito máis limitados estanse tomando importantes decisións que permiten paliar a situación herdada e poñer as bases para o futuro do municipio.
Entre outras moitas xestións, o Executivo de Ames celebrou a semana pasada unha Xunta de Goberno Local ordinaria na que se deu luz verde á adxudicación do servizo de mantemento das instalacións semafóricas do Concello. Con esta adxudicación, o Goberno de Ames cumpre o seu compromiso de traballar para garantir o funcionamento en óptimas condicións da rede semafórica do municipio, que pola súa antigüidade presentaba múltiples problemas e avarías. Con este servizo, cóbrense as garantías de funcionamento da rede de semáforos. O obxectivo do Goberno amiense é traballar en favor da seguridade viaria e garantir o correcto funcionamento da rede semafórica.
Os membros do Executivo seguen traballando e na vindeira semana celebrarán unha nova Xunta de Goberno Local ordinaria na que se porán sobre a mesa temas importantes no eido urbanístico e de contratación.
Ademais, o Goberno amiense vén de celebrar unha mesa de contratación na que se estudaron as características técnicas das ofertas presentadas á segunda fase de implantación da administración electrónica. O obxectivo deste servizo é o de achegar a Administración ata o propio domicilio dos cidadáns permitíndolles acceder aos servizos públicos sen colas e sen custes innecesarios mediante un ordenador. Coa implantación da segunda fase da administración electrónica, os veciños e veciñas de Ames poderán realizar a través da rede 39 trámites burocráticos e pedir licencias vía telemática.
Desbroce e limpeza de pistas
Tamén é necesario destacar que o servizo de desbroce e limpeza municipal está traballando mañá e tarde co obxectivo de manter a conservación e limpeza das pistas do municipio. A este traballo, súmase o que se está desenvolvendo nos camiños forestais do municipio, en virtude dun convenio asinado coa Consellería de Medio Rural e do Mar. A través desta colaboración, o que se consegue é aumentar a prevención contra os incendios e complementar as labores de limpeza co tractor municipal que xa vén realizando o Concello en todo o municipio. 

Ningún comentario: