Silleda - limpeza do río oisa


Tragsa realiza a limpeza do paseo do río Oisa, logo do convenio asinado co Concello de Silleda 
O acordo permite o uso da base do Grumir a cambio destas tarefas xunto ao citado cauce e nas áreas do parque empresarial Área 33

  Tres operarios da Empresa de Transformación Agraria S.A (Tragsa) veñen realizando nos últimos días tarefas de limpeza e acondicionamento no paseo do río Oisa de Silleda, en A Mera. A mellora deste enclave chega logo do convenio asinado entre a citada entidade e o Concello de Silleda en días pasados. En virtude deste convenio, Tragsa poderá utilizar as dependencias da base do Grupo Municipal de Intervención Rápida (Grumir) de Silleda.
Segundo explica o concelleiro de Obras e Servizos, Manuel Cuíña, Tragsa non contaba na actualidade con instalacións axeitadas e con capacidade suficiente para albergar ao persoal destinado na provincia de Pontevedra e solicitou a utilización das instalacións do GRUMIR dependentes do Concello de Silleda para o seu uso como punto de encontro de brigadas de prevención e defensa contra incendios forestais, xa que se atopa nunha ubicación estratéxica dentro da comarca do Deza.
A base, que será compartida cos operarios do Grumir silledense está situada no Polígono Industrial Área33 de Silleda, e conta coas instalacións necesarias para que os citados operarios realicen as súas labores.
O prazo de duración deste convenio será do 23 de xullo ao 31 de outubro de 2012, e a empresa poderá utilizar o local para o exercicio dos fins para os que foi creada, tendo á súa disposición un salón e un baño, asumindo en todo caso as seguintes normas de funcionamento das instalacións, manter a limpeza na base e que a partir das 23:00 h deberase respetar o descanso dos traballadores do GRUMIR que se atopen de garda.

A empresa Tragsa, a cambio,  asume como actividade compensatoria a limpeza no paseo do río da Mera, así como diversos terreos  pertences ao Concello de Silleda no Polígono Área -33.
“Con este acordo, ademais de darlle un servizo a esta empresa pública para que desenvolva as súas tarefas na zona, conseguimos prestacións destacadas como a limpeza do paseo do río Oisa ou doutros terreos municipais”, sinala Manuel Cuíña, que destaca a boa sintonía coa entidade.

Ningún comentario: