Teo - protección civil sinala máis de 400 puntos para toma de auga en caso de incendio


PROTECCIÓN CIVIL DE TEO SINALIZA CASE 400 HIDRANTES, PARA FACILITAR O TRABALLO EN CASO DE INCENDIOS

·    Neste momento xa está lista a zona norte, dende Os Tilos, Parque Montouto, San Sadurniño e parte de Cacheiras
·        Dende o Concello reitérase a importancia da prevención de riscos para evitar incendios nestas xornadas de intenso calor

  O Servizo Municipal de Emerxencias do Concello de Teo está realizando dende as últimas semanas a sinalización e rexistro de todos os hidrantes e bocas de rego do termo municipal. Segundo estiman dende este departamento serán case 400 puntos nos que se está facendo un pintado en vermello e blanco na beirarrúa para ter localizados estes puntos e ser máis operativo en caso de que haxa incendios. As bocas de rego ou hidrantes son puntos da rede de abastecemento municipal preparadas para que os camións contra incendios poidan coller auga.

Segundo explican dende Protección Civil este traballo de rexistro de todas as bocas é de vital importancia para traballar con axilidade no caso dun lume. “Nese momento a reacción ten que ser rápida e debemos ter claro en qué zonas teremos hidrante e qué características técnicas ten cada unha delas e se hai presión de auga suficiente para cargar o camión con rapidez”. Esta labor comezouse na zona norte do Concello e neste momento xa están sinalizadas as dos Tilos, Parque Montouto e San Sadurniño, Cacheiras e Ramallosa. Nas zonas nas que non hai traída municipal tamén se teñen localizados lugares onde coller auga como ríos, regatos, corgos, lavadoiros públicos...

No rexistro dos hidrantes aparecen datos como a localización exacta do mesmo, o tipo, o tamaño de boca para a mangueira que se debe usar así como as coordenadas de GPS. Esta información complétase con imaxes do lugar para a súa ubicación de xeito máis sinxelo.

En relación con este traballo dende o Concello lémbrase que nestas xornadas de intenso calor hai que tomar precaucións para evitar o risco de incendios. Deste xeito prohíbese calquera uso de lume, lémbrase a prohibición de tirar cabichas ou cigarros acendidos no monte ou na estrada, non tirar lixo ou vidro que poida orixinar un incendio... No caso de que se produza un incendio débese avisar á maior brevidade posible ós servizos de emerxencia. Concretamente ó 112 ou ós números do Servizo Municipal de Emerxencias 649 804 702 ou da Policía Local 606 984 838.

O Servizo Municipal de Emerxencias de Teo traballa durante os meses de agosto e setembro con servizo 24 horas, precisamente por tratarse dos meses de máis perigo de incendios. Este horario prolóngase ó mes de outubro se persistiran as condicións de perigo. 

Ningún comentario: