Silleda - punto de lectura nas piscinas municipáis


A Concellería de Mocidade e Infancia e a Asociación Avanza Trasdeza instalan un punto de lectura nas piscinas municipais
-A concelleira Margarita Campos e a presidenta do colectivo, Pilar Peón, levaron ata as instalacións de Silleda e da Bandeira exemplares da biblioteca itinerante

-Os usuarios tamén poderán disfrutar de xogos tradicionais de madeira durante o verán
 As piscinas municipais de Silleda e A Bandeira contarán libros a disposición do público  para o disfrute dos usuarios durante este verán. A presidenta da asociación sociocultural Avanza Trasdeza, Pilar Peón, entregou nas instalacións de Silleda e A Bandeira senllos lotes de libros para que os usuarios dos recintos poidan acompañar as súas tardes de lecer nas piscinas con lectura. A concelleira de Mocidade e Infancia, Margarita Campos, agradeceu ao colectivo este novo xesto, co que se amplía a oferta das instalacións deportivas. Esta colaboración vén a sumarse a outras donacións de Avanza Trasdeza a través da súa biblioteca itinerante Pelegríns de Papel en centros públicos coma a Casa da Xuventude de Silleda, ou as campañas de fomento da lectura levadas a cabo nos últimos meses.
Pelegríns de Papel é un programa elaborado por Avanza Trasdeza, que consiste na instalación dun ou varios puntos de lectura onde se colocan unha serie de libros, dos cales calquera persoa podería coller un exemplar e intercambialo por outro. Pilar Peón destaca a variedade da oferta, con varios puntos instalados en establecementos do municipio, onde figuran libros de variados xéneros e para todas as idades.
Ademais de libros, a Concellería de Mocidade e Infancia, que dirixe Margarita Campos, tamén instalou nos últimos días xogos tradicionais de madeira nos recintos das dúas piscinas municipais. Lectura e ocio acompañarán pois as xornadas de lecer nas piscinas este verán.

Xornada de portas abertas
Mentres, o vindeiro sábado día 11 de agosto, terá lugar a xornada de portas abertas nas dúas piscinas, da man da Concellería de Deportes, que dirixe Klaus Brey. A cita, con entrada gratuita, será o vindeiro sábado día  11 de agosto entre as 16.00 e as 20.00 horas. Haberá diversos xogos para pequenos e maiores, así coma unha merendola para os cativos e cativas que se acheguen nesta xornada ás instalacións municipais.

Ningún comentario: