Silleda - máis de 2000 persoas visitaron Carboeiro desde o 15 de xuño


Máis de 2.000 persoas visitaron xa o mosteiro románico de Carboeiro entre o 15 de xuño e o 31 de xullo
A maioría realizaron a visita en grupo ou en familia, e moitos deles coñecían xa o emblema turístico e patrimonial de Silleda

O mosteiro románico de San Lourenzo de Carboeiro segue a ser un dos lugares máis visitados da comarca do Deza. Segundo os datos recabados pola guía que atende no histórico edificio, onde se sitúa tamén o punto de información turística, dende o pasado 15 de xuño e ata o 31 de xullo, pasaron polas dependencias monacais un total de 2.134 persoas. Se se contabiliza dende o mes de maio, a cifra supera os 3.000 visitantes.
“Estes datos rebaten calquera teoría de que cobrar unha entrada simbólica de 1 euro por ver o mosteiro ía traer consecuencias”, sinala o concelleiro de Turismo, Matías Rodríguez Datorre, que advirte que cos resultados obtidos ata o momento o balance de visitas na tempada estival igualará, “e mesmo podería superar o de anos anteriores”.
Cabe ter en conta tamén que algúns dos visitantes solicitaron información turística sobre Silleda e a comarca do Deza no propio monasterio, onde se vén situando cada ano o punto de información turística municipal.
Así, no mes de xuño, dos 713 visitantes registrados, 47 solicitaron información, e en xullo, fixérono 165 do total de 1.421 visitantes.
En canto ao perfil do turista/visitante, predomina o visitante de mediana idade (36-65), se ben no mes de xuño case a metade foron maiores de 65 anos que formaban parte de diversas excursións. Ademais, acudiron principalmente en grupo ou en familia, seguido de parellas.
Respecto á procedencia, a gran maioría (o 96% no mes de maio e o 94 por cento en xuño) dos visitantes residen en territorio español, sendo preto da metade galegos. Pontevedra, seguida de A Coruña, é a provincia que máis visitantes aporta .
Os veciños e veciña da comarca do Deza supuxeron, no mes de xullo, o 43,75% dos visitantes procedentes de Pontevedra. Tamén as persoas procedentes de Santiago de Compostela tiveron un gran peso no balance de xullo, sendo case o 34% dos visitantes de A Coruña veciños da cidade de Compostela.
No tocante aos visitantes de fóra de Galicia, achegáronse ata Carboeiro principalmente persoas procedentes de Madrid, Andalucía, Cataluña, Euskadi e Castela León. En canto aos visitantes extranxeiros, no mes de xuño, destaca a visita de turistas de Nova Iorque, segudo de países como Suíza, Ecuador, Arxentina, México, Francia, Canadá, Chile ou mesmo Sudáfrica.
En xullo o número de visitantes extranxeiros aumentou, sendo Francia o país que máis súbditos aportou, seguido de Arxentina, Holanda, Costa Rica, Estados Unidos, Alemania ou Andorra.
Aínda que a principal motivación dos visitantes e turistas que se achegaron ata Carboeiro era coñecer a cultura e a naturaza da zona, outros tamén apuntaron á gastronomía, como sinerxia para acudir a este enclave histórico e patrimonial.
En canto ao aloxamento, a maioría dos visitantes do mes de xullo estiveron en hoteis de Silleda e Lalín, aínda que algúns tamén estaban aloxados en Sanxenxo ou Santiago de Compostela. Destaca tamén a porcentaxe de turistas aloxados en casas de familiares ou amigos, feito relacionado co turismo de raíces.
Cómpre reseñar tamén que a maior parte dos visitantes xa coñecían Carboeiro e levaron a familiares, amigos, ou simplemente querían voltar ao mosteiro. Internet sitúase tamén como un dos medios a través dos cales os visitantes coñeceron este emblema de Trasdeza. Das enquisas realizadas pola guía turística, Rocío Líñares, destaca tamén o papel dos aloxamentos da zona, ao informar aos visitantes dos atractivos turísticos da zona. 

Ningún comentario: