Ames - comezaron as festas en Bertamiráns e Agrón

Bertamiráns e Agrón comezaron tres días de festa
O prato forte das festas da Peregrina será hoxe, coa celebración dunha Gran Gala Musical na que actuarán artistas de renome como David Civera, La Década Prodigiosa e Astarot.
En Agrón os veciños e veciñas poderán gozar de tres xornadas de música, baile e diversión con orquestras como Ciclón ou El Combo Dominicano.

Bertamiráns e Agrón iniciaron as súas festas patronais, nas que haberá tres xornadas de música, baile e diversión. Ata o domingo, Bertamiráns e Agrón celebrarán a Peregrina e San Lourenzo con numerosas actuacións e actividades.
Un ano máis, Bertamiráns honra á súa patroa coa celebración das festas da Peregrina. Durante a fin de semana, os habitantes de Ames poderán gozar dunha ampla oferta de entretemento que pretende facer as ledicias dos asistentes. 
A xornada do sábado, comeza ás 9:00 horas, co anuncio das festas mediante a tradicional tirada de 21 bombas de palenque. Seguidamente, o grupo de gaitas Os Castros de Ames levará a cabo o pasarrúas. Xa pola noite, a verbena comezará ás 23,00 horas co grupo M3. O prato forte do día virá despois, coa celebración dunha Gran Gala Musical, na que actuarán artistas de renome como David Civera, La Década Prodigiosa e Astarot.
O domingo 12 de agosto será a última xornada das festas da Peregrina. A xornada iniciarase coa tirada das bombas de palenque e co pasarrúas a cargo da Banda de Cornetas e Tambores de OJE. Ás 12,30 horas celebrarase a misa solemne e a procesión. Ao remate, a sesión vermú correrá a cargo do Grupo Trova. Pola tarde, terá lugar ás 19:00 horas o IX Trofeo de Fútbol Café Don Budi no Campo Municipal. A festa rematará cunha gran verbena no Campo da Peregrina e na que actuarán a orquestra Capitol e o grupo Trova.

San Lourenzo en Agrón
A parroquia de Agrón tamén está de festa esta fin de semana, na que honra ao seu patrón, San Lourenzo. Os tres días haberá misa solemne ás 13,00 horas. As celebracións, organizadas pola Asociación Cultural de Festas de San Lourenzo, comezan hoxe, día do patrón. Nesta xornada, a sesión vermú correrá a cargo do Dúo Máster. Na verbena, ademais do dúo actuará a Orquestra Ciclón.
Mañá, os veciños e veciñas de Agrón honrarán ao Santísimo Sacramento. A sesión vermú estará protagonizada polo Grupo Nueva Generación, mentres que a verbena contará coas actuacións do Dúo Óbice e de Nueva Generación. Na xornada do domingo, dedicada a San Roque, a sesión vermú correrá a cargo do Trío Soprano, que acompañará na verbena a El Combo Dominicano.


Os establecementos hostaleiros de Bertamiráns poderán abrir unha hora máis con motivo das festas da Peregrina 

Ante as solicitudes presentadas por varios locais para poder ampliar o seu horario de apertura durante as festas, o Concello realizou as xestións necesarias ante a Administración autonómica para acadar este permiso
.
Os locais hostaleiros situados en Bertamiráns poderán ampliar o seu horario de peche nunha hora desde hoxe e ata o domingo con motivo das festas da Peregrina grazas ás xestións realizadas polo Concello de Ames ante a delegación territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
Ante as solicitudes presentadas por varios establecementos hostaleiros de Bertamiráns para poder ampliar unha hora o seu horario de apertura durante as festas, o Concello realizou as xestións necesarias ante a Administración autonómica para acadar este permiso. A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza vén de comunicarlle ao Concello a concesión da ampliación dunha hora sobre os horarios límites de peche dos establecementos públicos de Bertamiráns durante os días 10, 11 e 12 de agosto con ocasión das festas da Peregrina.

Ningún comentario: