O BNG da Estrada presentará unha
proposta para recuperar a paga extra dos funcionarios municipais
A decisión do Goberno Rajoy, secundada polo grupo de goberno do PP,
de eliminar a paga extra -imposta ao Executivo español pola Unión
Europea e por Berlín- é inxusta porque as e os empregados públicos
non son os responsábeis da crise, senón que son vítimas dela.
Desde o Goberno Aznar, levan perdido un 26 por cento do seu poder
adquisitivo.
É inútil e contraproducente ante a
crise porque reducirá o poder adquisitivo de miles de traballadoras
e traballadores públicos, o cal traerá como consecuencia a caída
aínda maior do consumo e, portanto, o peche de novas empresas,
nomeadamente pequenas e medianas, singularmente pequenos comercios,
co conseguinte incremento do desemprego no noso concello.
Non esquezamos que os salarios das e
dos empregados públicos funcionan sempre como unha referencia para
os salarios do sector privado. Se se recortan aqueles, máis cedo que
tarde se recortarán tamén estes. Reducir a paga é tanto como
reducir os salarios dos empregados públicos nun 7 por cento. A
inmensa maioría das empresas privadas non tardarán en facer o
propio, co cal tamén as e os traballadores do sector privado
acabarán vendo mermados os seus ingresos.
O PP está a aproveitar a crise para
impoñer o seu modelo social, isto é, para deteriorar os servizos
públicos, de maneira que se abran novos nichos de negocio para o
capital privado na educación, na sanidade e nos servizos sociais.
Por iso o PP ataca aos empregados
públicos, aos que presenta implicitamente como responsábeis da
crise por seica viviren por enriba das súas posibilidades.
É unha estratexia de criminalización
do público propia dun partido neoliberal que ten como único
obxectivo a privatización de servizos fundamentais para as maiorías
sociais.
Defender as e os empregados públicos é
tanto como defender os servizos públicos, que son aqueles que
garanten a cohesión social. Defender as e os empregados públicos é
tanto como defender tamén ao resto da clase traballadora, porque os
recortes no sector público son sempre preludio de recortes no sector
privado.
Neste sentido, o BNG da Estrada vaille
facer fronte a estas políticas con absoluta determinación e
presentará nas próximas semanas unha proposta para recuperar a paga
extra dos funcionarios municipais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario